Simulador de arduino online

Hai tempo que tiña noticias deste simulador, pero ata agora non me puxen a probalo, e a verdade é que ten moitas posibilidades.

123D Circuits permite realizar montaxes electrónicas virtuais e programar unha tarxeta arduino UNO, o cal é moi interesante para que o alumnado faga probas de programación na casa e comprobe o resultado sen necesidade de ter os compoñentes físicos. Como calquera simulador, é unha axuda que non substitúe as montaxes prácticas, que se deben realizar na clase.

Con 123D Circuits podemos tamén deseñar proxectos de maneira colaborativa entre varias persoas e compartir o resultado coa comunidade.

Ademais, a aplicación permite embeber os proxectos en calquera sitio web. Por exemplo, aquí tedes un programa para xerar diferentes cores cun LED RGB no que se pode ver a montaxe e o código arduino.


Sintetizador con Luz: LDR Synth

Velaquí un sinxelo proxecto para 4º de ESO:  Light2Sound LDR Synth

slinthtargif3_500px_wrep dsc00442

É unha especie de theremin de luz. Aquí podes escoitalo:

Utiliza un temporizador 555 en funcionamento astable (intermitente) e unha LDR, resistencia que varía en función da luz incidente. Ao achegar ou afastar a LDR ao LED de alta luminosidade dentro do tubo, cambia a resistencia da LDR facendo cambiar a frecuencia das pulsacións á saída, e producindo un son máis agudo ou máis grave no altofalante.

555ss_schematic

Aquí tedes toda a información. Animádesvos a montalo?

 


Mapas de karnaugh no teu móbil android

Xenial Karn Map! unha aplicación educativa que permite simplificar funcións lóxicas mediante mapas de karnaugh, obter a táboa de verdade elixindo min-terms ou max-terms ou debuxar o seu esquema electrónico.

Pode serlle moi útil ao alumnado para corrixir os exercicios de electrónica dixital, ou se non os pillamos, para usar de chuleta nos exames ;-)

Para un nivel máis avanzado, DSLab UAM ofrécenos ademais outras interesantes aplicacións: Combinational Circuits, con exercicios de electrónica combinacional, e Sequential circuits, con exercicios de electrónica secuencial.

(Atopeino en twitter grazas a Pedro Landín)


Creación de obxectos sonoros no alg-a lab

Ten boa pinta este obradoiro “Creación de obxectos sonoros” programado para a Feira Imaxinaria 2014 do Alg-a Laboratorio (do 39 ao 31 de agosto en Valadares, Vigo)

Copio a descrición:

908882_origNeste obradoiro esencialmente práctico búscase unha re-apropiación de sons escondidos, daqueles sons conservados nos espazos máis improbables da nosa vida. Neste taller serán transformados materiais naturais e obxectos comúns da vida cotiá, para crear instrumentos que poidan producir universos sonoros únicos e orixinais, sen descartar as posibilidades da electrónica (amplificadores, circuítos sinxelos e micrófonos de contacto) e a electromecánica. (Motores, altofalantes, etc). Por último faremos exercicios de escoita profunda e improvisación.

Máis información: Creación de obxectos sonoros