Libera os teus documentos!

Decateime algo tarde, pero aínda estamos a tempo de celebralo: Hoxe é o Día da Liberdade dos Documentos ou tamén coñecido como Document Freedom Day (DFD). Vino na web de mancomun.org

O obxectivo desta celebración é promover o emprego de formatos libres e estándares abertos nos nosos documentos dixitais.

Por que?

Para entendelo pensade que o noso televisor, sexa da marca que sexa, pode interpretar os sinais de todas as cadeas, ou que co noso teléfono podemos comunicarnos sexa cal sexa a compañía telefónica da persoa coa que estamos a conversar. Isto é posible porque a información que se transmite segue uns estándares abertos, é dicir, para determinadas tarefas hai unha serie de especificacións dispoñibles publicamente que permiten a compatibilidade entre diferentes compoñentes de hardware e software.

Ben, pois no caso dos contidos informáticos a cousa parece que non está tan clara: Hai miles de sitios web que son accesibles só cun navegador, formatos de vídeo que necesitan un reprodutor específico, libros que só se poden ler cun lector concreto, documentos creados nun determinado programa ofimático que só podemos ver co mesmo programa, etc. Non credes que todo sería máis doado se usásemos formatos e estándares abertos?

Que podemos facer nós?

Podemos comezar a liberar os nosos documentos utilizando:

  • Formato PDF para documentos que non queremos que se modifiquen.
  • Formato ODF para documentos que queremos permitir que se modifiquen. (Texto: odt, Folla de cálculo: ods, presentación: odp, etc.)

 
As suits ofimáticas LibreOfficeOpenOffice permiten crear documentos co estándar ODF e PDF, así que xa sabedes, pasade do Microsoft Office e apuntádevos á liberdade dos documentos.


Deixa un comentario