Proxectos arduino

arduino

Con bastante retraso publico algúns dos proxectos de control e robótica con arduino do curso pasado 2020-2021:

Cinta transportadora:

Proxecto de Joaquín, Vanesa e Rubén. Curso 2020-2021. Separa tres tamaños de cilindro e conta as pezas pequenas e medianas, mostrando o resultado nunha LCD.

Ver proposta.

Ascensor

Proxecto de María, Manuel, Tania e Chiti no curso 2020-2021 . Ascensor programando as portas corredizas Articulated sliding doors de Thingiverse.

Ver proposta.

Invernadoiro

Proxecto de Daniel, Xandre, Diego e Pedro no curso 2020-2021.

Ver proposta.


Soporte para sensor ultrasónico

Se necesitades un soporte para un sensor ultrasónico, pode servos de utilidade este que usamos neste proxecto do aparcadoiro de hai un par de anos. Está deseñado para o modelo HC-SR04. O ultrasón queda suxeito sen utilizar parafusos e a parte inferior está deseñada para suxeitalo nun servo.


Podedes descargar aquí o STL ou modificar o deseño ao voso gusto con Onshape. E, se queredes, tamén podes repasar como se programa un sensor ultrasónico con arduino.


Ascensor

Este non foi un bo ano en canto a proxectos, pero algo fixemos.

Un dos proxectos deste ano do alumnado de Tecnoloxía Industrial I é un ascensor programado con Arduíno. Reciclamos un ascensor de 2 pisos realizado en 2º de ESO e o alumnado de 4ºESO axudou no cableado dos compoñentes. O resultado podédelo ver neste vídeo:

(Ascensor de 3 pisos from María L on Vimeo.)

Nesta páxina tendes máis información sobre o proxecto do ascensor, por se queredes montar un.


Alimentación dos motores e servos e Arduíno

Se fedellando co teu Arduíno tiveches algunha vez a tentación de conectar directamente un servo á placa, mellor non o fagas.

[from intructables]

Por que?

Cando un servo ou motor comeza a moverse necesita máis intensidade de corrente que cando xa está en marcha, o que provoca unha caída de tensión na placa no caso de estar alimentado a través dela.

Se só imos conectar un pequeno e único motor ou microservo e non lles imos dar moita tralla a alimentación dos mesmos pódese realizar a través da placa Arduíno. Porén, se vas utilizar varios motores e servos de maior consumo cómpre utilizar unha alimentación externa para os motores, xa que se non pode suceder que:

  • o alto consumo de corrente dos motores faga que o programa non funcione correctamente ou incluso pode facer que se reinicie o Arduíno.
  • pódese danar a placa Arduíno polas correntes de retorno que se poden producir.

[CC By-SA BQ]
Niso temos experiencia os que participamos cos printbots de BQ na competición da Universidade de Vigo do 2015. Despois de estar o robot un tempo seguindo unha liña a placa paraba de súpeto e había que reiniciala. No segue-liñas os servos de rotación continua estaban arrancando e parando continuamente, facendo un consumo moi elevado de corrente da placa.

Posibles solucións

Alimentación externa

Nesta imaxe podes ver como se faría directamente. Lémbrate de xuntar a masas do alimentador externo e a do Arduíno.

[tecnoloxia.org CC By-SA]

Aquí conectamos varios servos:

mearm_wiring

No caso de usar un controlador de motores ou un controlador de servos utiliza os pins axeitados para a alimentación externa consultando as especificacións dos controladores.

Condensador

Se non queres utilizar alimentación externa, outra opción é conectar un condensador de 470 μF ou maior en paralelo cos pins de alimentación do servo. Desta maneira o servo cada vez que arranca utiliza a carga almacenada no condensador e non demanda tanto da placa, evitando que se reinicie. Ollo coa polaridade do condensador electrolítico: a pata grande sempre ao positivo.

Isto non vai ser suficiente se utilizas varios servos simultaneamente, pois a demanda de corrente da placa nese caso será moi elevada, e será mellor utilizar alimentación externa.

[tecnoloxia.org CC By-SA from Fritzing]
Se queres saber máis sobre como conectar e controlar motores e servos a un Arduíno podes consultar as prácticas de motores e servos.