Cogomelos. Unha ollada á automatización industrial.

No supermercado vemos bandexas de cogomelos todos igualiños, orientados do mesmo xeito e co rabo da mesma lonxitude. Podemos imaxinarnos unha fábrica cunha chea de traballadoras e traballadores dedicándose intensamente a clasificar, cortar e ordenar os cogomelos en bandexas para preparalos para a comercialización, pero o máis seguro é que non sexa así. Hoxe en día as fábricas están intensamente automatizadas e unha parte moi importante das tarefas son realizadas por máquinas que funcionan coordinadas entre si mediante complexos sistemas de control.

Mirade este vídeo e observade como é o proceso dunha fábrica de cogomelos, onde está automatizado o cultivo, colleita, clasificación por tamaños, orientación, corte e paletizado dos ricos “champis”, conseguindo unha produción de dúas toneladas por hora.

[youtube: Champignons – (Mushroom machine) – Havatec BV]

 

 

Actualización 15/10/2012: Se preferides os cogomelos naturais aos industriais, non hai máis que ir ao monte a buscalos agora que estamos no outono, pero sempre con moito coidado de identificalos ben, non vaia ser que sexan velenosos. Para axudarnos a identificalos hai unha aplicación para móbiles android chamada Micokey, que descubrín grazas a Mallando no Android. A aplicación MicoKey comprende as 255 especies máis comúns de Galicia, incluíndo fichas con imaxe e datos de polo menos cen destas especies. Nas vindeiras actualizacións incluirán máis fichas detalladas.

De tódolos xeitos, se tedes dúbidas, cómpre sempre consultar a algunha persoa experta. Non comades cogomelos collidos no campo sen ter a seguridade de que son comestibles.