Factoría de androides

Se andades por Vigo esta fin de semana e vos gustan os obxectos feitos con materiais de refugallo, podedes pasarvos polo Halcón Milenario a ver a exposición “Factoría de androides” de Sátrapa. Inaugúrase mañá venres 11 de maio de 21:30 a 23:30h.

Pode darnos ideas para reciclar cacharrada que xeramos nos talleres, non?

Máis información:

 


Captives. Escultura e robótica

Cando Michelangelo esculpiu a serie de esculturas inacabadas coñecidas como “Os escravos” ou “Os prisioneiros ” utilizaba o método da talla directa: Primeiro facía uns bosquexos e despois introducía as súas ferramentas no mármore de forma manual. El mesmo dicía “Dentro do bloque está a figura, o único que fago é arrincar coa ferramenta a pedra que sobra ao redor desta, ata que a figura queda liberada da súa envoltura.”

Neste caso non liberou completamente as figuras, que quedaron prisioneiras, atrapadas no mármore que as encerraba completamente.

captives141
Prigioni – (1513-1534) – Michelangelo

O artista italiano Davide Quayola acaba de presentar no festival Ars Electronica a súa interpretación contemporánea da serie “Prigioni” de Miguel Anxo. As esculturas xa non se fan en mármore, senón en polietileno expandido (EPS de alta densidade) máis coñecido como poliexpán, e non son unhas mans cun martelo e un cicel quen as esculpe, senón un robot industrial controlado por ordenador.

Captives – (2013) – Davide Quayola

Nun mundo dixital as máquinas encárganse da técnica, pois manualmente non podemos alcanzar a precisión do fresado CNC, e a creatividade, a imaxinación e a arte céntranse no deseño dixital, un debuxo en 3D que un robot sexa capaz de interpretar.

Nos seguintes vídeos amósase o proceso escultórico no que se visualizan as funcións matemáticas que forman parte do “pensamento” do robot escultor.

[Captives – Robotic Milling from Quayola on Vimeo.]

[Captives – Robot session]

Nesta páxina podedes ver máis imaxes da obra “Captives” de Quayola

 


Cycloïd-E. Escultura cinética sonora.

Pareceume boísima a escultura cinética sonora “Cycloïd-E” de Cod.Act:

[youtube: Cycloïd-E] (Visto no tumblr de Conscientious Redux)

Baixo a etiqueta de “Cod.Act”, André e Michel Décosterd desenvolven producións artísticas (esculturas, instalacións, performances, etc.) que combinan o movemento e o son.

O movemento descrito polo Cycloïd-E recorda ao movemento caótico que realiza o dobre péndulo, pero neste caso non está movido pola acción da forza gravitatoria, senón polo movemento que lle proporciona un motor.
A escultura consiste nunha serie de tubos conectados entre si mediante eixes que permiten a libre rotación entre eles. Un motor central proporciona impulsos que producen o movemento global da estrutura, de xeito que o sistema segue un movemento aleatorio con constantes variacións nas traxectorias e velocidades dos tubos. Un movemento moi lento no brazo pode transformarse nunha rápida rotación dun dos seus segmentos, debido á transferencia de enerxía cinética a través da estrutura.

Para asociar un son ao movemento da escultura utilízanse unha serie de sensores situados nos eixes que unen os distintos segmentos, e que se encargan de recoller os datos de velocidade de cada un, a súa posición, o estado global da estrutura e a densidade das flutuacións. Estes datos son enviados a un ordenador central que se encarga de procesalos e de envíar os sinais resultantes aos altofalantes cos que están equipados os elementos do brazo.
Ademais o espectador percibe resonancias, ritmos, ecos, efecto doppler, etc. que dan unidade e harmonía ao conxunto.

Podes ver máis esculturas sonoras de Cod.Act na súa web


Esculturas sonoras con motorciños e máis

Non fai falta alta tecnoloxía para facer instalacións tecnoartísticas. O artista suízo Zimoun utiliza no seu traballo pequenos motores de corrente continua, un compresor de aire e outros elementos para facer as súas esculturas. Tamén dános novas ideas e modelos de vibrobots.

O resultado pódelo ver neste vídeo: Paisaxes sonoras e en movemento do máis orixinal.


[Zimoun : Sound Sculptures & Installations from ZIMOUN on Vimeo.]

(Visto en Make)