Sección de electrónica dixital

Acabo de rematar unha das seccións que tiña pendentes desde hai tempo: Electrónica dixital.

Consta de circuítos, táboas e exercicios interactivos, que espero que sirvan para entender mellor este tema.

O nivel é inicial, para 4º de ESO, aínda que tamén pode ser útil para que o alumnado de Tecnoloxía Industrial II repase os conceptos básicos antes de entrar en profundidades.

Non incluín prácticas nin proxectos de construción reais, xa que neste tema traballamos con simuladores e só facemos algunha práctica básica con portas lóxicas reais como solución a algún problema resolto en clase.

Aproveitei scripts e actividades realizadas hai un par de anos durante a miña colaboración no material de Tecnoloxía do INTEF-CIEDAD, que conta cunha licenza Creative Commons By-NC-SA.

Agardo que vos resulte de utilidade.


ElectroDroid. Electrónica no teu Android.

Se tes un teléfono con SO Android e es estudante ou profesional da electrónica seguramente te gustará a aplicación ElectroDroid que podes descargar de balde.

Aínda que moitos dos recursos que ofrece excedan as necesidades dos estudantes de Educación Secundaria, podemos sacarlle partido a moitas ferramentas.

Por exemplo, inclúe calculadoras do código de cores das resistencias, da Lei de Ohm, divisores de voltaxe, da resistencia equivalente de sistemas en serie e paralelo ou da frecuencia e tempo de disparo dun temporizador 555.

Tamén inclúe táboas de datos moi útiles para clase: Símbolos electrónicos, valores de resistividade e condutividade, táboas de verdade das portas lóxicas, álxebra de Boole ou os pins dos integrados da serie 7400.

Pódense instalar novos plugins, coma un pequeno simulador de circuítos “EveryCircuit“. Non é gran cousa, polo menos a versión free que probei, pero para levar no peto está moi ben. Inclúe animacións e sinal de osciloscopio.


Premios a Recursos Educativos 2008

Infórmannos dende RedeTIC que xa está publicada a resolución dos Premios a Recursos Educativos para a Sociedade da Información 2008.

Entre os traballos gañadores atopamos varios especialmente útiles para o ensino da tecnoloxía na educación secundaria.

teresamancebo.pngNa modalidade de Materiais curriculares web, o segundo premio lévao o Curso de iniciación ás tecnoloxías da Información, de Marco Antonio Grande, que consiste nun curso catalogado e estruturado en Moodle, con recursos e exercicios sobre a web social, edición de audio, video, deseño, redes, etc., e un dos terceiros premios é para a nosa compañeira Teresa Mancebo, polo seu blogue “O blog de tecnoloxía” (http://tecnoloxia.blogspot.com), con experiencias, recursos e información para o alumnado de tecnoloxía.

Na modalidade de Galerías de imaxes e vídeos didácticos, o terceiro premio vai para Gumersindo Monteagudo, que presentou “Obradoiro de tecnoloxía“, unha galeria multimedia sobre os diferentes aparellos e recursos utilizados na aula de tecnoloxía, videos explicativos de uso e propostas didácticas.

Agora falta que publiquen en liña estes materiais para podelos consultar e utilizar.

Parabéns aos gañadores e gañadoras!