tecnoloxia.org

Tecnoloxía na Educación Secundaria

A impresora 3D capaz de imprimir edificios

Sen dúbida, é o momento das impresoras 3D, que están a revolucionar a fabricación de obxectos. As impresoras 3D son máquinas capaces de crear pezas volumétricas a partir dun deseño feito por ordenador superpoñendo capas de material.

O revolucionario do tema é que os consumidores temos a oportunidade que fabricar os nosos propios produtos, cousa que ata agora estaba reservada ás fábricas. Se dispoñemos dunha impresora destas podemos fabricar calquera pequeno obxecto de uso cotiá, máis ou menos personalizado, producir unha peza estragada que non atopamos no mercado ou deseñar e construír as formas que imaxinemos. Hai tempo falabamos aquí de como montarse unha para un centro de ensino.

Porén, cando se fala de impresión 3D non debemos pensar unicamente en pequenos obxectos de plástico. Tamén é posible imprimir edificios!

Iso é o que están a probar na University of Southern California cunha impresora 3D xigante que bota chorros de formigón seguindo un patrón deseñado por ordenador, e aseguran que pode construír unha vivenda en 24 horas. Supoño que se refiren só a estrutura, pois unha vivenda non consta unicamente de paredes e hai que contar coas instalacións eléctricas, de auga, saneamento, calefacción, etc. que levan máis tempo.

A tecnoloxía chámase Contour Crafting, e pode revolucionar a industria da construción ao permitir automatizar o proceso, abaratando custos. O robot encargaríase de construír a estrutura, deixando para os humanos o traballo fino das instalacións. Ademais, a técnica de impresión permite construír formas creativas e exóticas que polos medios tradicionais sería moi difícil facer, polo menos sen dispararse o orzamento.

Nestes vídeos podes ver como é o proceso:

[youtube: Why Design Now?: Contour Crafting]

[youtube: Animation of Contour Crafting in whole house construction (high res)]

 

Máis información: contourcrafting.org

Visto en:  innovation.uk.msn.com

Tweet about this on TwitterShare on FacebookShare on Google+Email this to someone

Deixa unha resposta

Required fields are marked *.