tecnoloxia.org

Tecnoloxía na Educación Secundaria

III Día da Ciencia e da Tecnoloxía en galego

Pensaba que esta convocatoria sería para un día concreto en novembro coma nos anos anteriores, pero parece ser que o III Día da Ciencia e da Tecnoloxía en Galego celébrase este ano desde o 16 de outubro ata o 5 de novembro. Este evento está organizado polas asociacións IGACIENCIA, AGAPEMA, ENCIGA e APETEGA, e ten coma principal obxectivo defender a idoneidade do uso do galego nas áreas de ciencias e de tecnoloxía.

Desde a organización propóñense varias actividades, entre elas:

Tecnopoly

Ideado por profesorado de APETEGA, consiste nun xogo similar ao Monopoly, pero as rúas substitúense por inventos das diferentes épocas da historia da humanidade: parafuso de Arquímedes, arcos, imprenta, máquina de vapor, transistor, robots, … onde os xogadores comprarían as patentes ou dereitos de explotación. As casiñas de sorte e similares substitúense por preguntas tipo trivial que dan cartos ou posibilidade de volver tirar.

Tanto o taboleiro como os cartos e títulos de propiedade están dispoñibles para a súa descarga nun formato imprimible:

Ponte e cúpula desmontables de Leonardo:

Podemos construír no taller unha ponte deseñada por Leonardo Da Vinci que non necesita cravos nin cordas para unir as madeiras. Neste documento tedes as instrucións. Veredes que fácil!

No IES A Sangriña de A Guarda vai construíla o alumnado de 2º de ESO. O profesor, Antonio Lomba, busca financiación para poder construír unha ponte de grandes dimensións (2 ou 3 m de largo), así que se alguén se anima a axudar, que se poña en contacto con el.

Outro traballo interesante é a construción dunha cúpula baseada nun patrón iniciado por Leonardo Da Vinci. Neste documento tedes as instrucións.

Vídeoconferencia do CERN

A Coordinadora Galega de Equipos de Normalización e Dinamización Lingüística propón de novo unha interesante actividade. Reunirán nunha videoconferencia a varios investigadores e investigadoras que participan nos experimentos do LHC e que nos contarán a súa experiencia científica e lingüística e as vantaxes que lles supuxo saber falar galego.

Será o martes 6 de novembro entre as 12:30h e as 13:30h e está destinado ao alumnado do segundo ciclo de ESO e Bacharelato. Tedes aquí máis información.

Como material complementario para os máis cativos temos “Alicia e a sopa de quarks e gluóns“, banda deseñada creada dende o CERN na que se explica dun xeito didáctico cales son as partículas elementais e como se experimenta con elas no proxecto ALICE. Descargar pdf.

Revoltallo de termos

Foi unha actividade promovida por este blogue para o evento de hai dous anos, pero segue aberta a todas aquelas persoas que queiran utilizala. Consistiu en enviar a través dun formulario un termo en galego do mundo da tecnoloxía, e logo realizar cos termos recollidos unha serie de actividades: encher as paredes con eles, participar na galipedia, etc.

Tedes toda a información na sección “Revoltallo de Termos“.

Cando?

Non é estritamente necesario que estas actividades se fagan estes días, agás o da conferencia, claro. A ciencia e a tecnoloxía poden ser en galego todos os días do ano!

Tweet about this on TwitterShare on FacebookShare on Google+Email this to someone

3 Comments

  1. Me encanta esta página. Este material en concreto me gusta y, si no tienes inconveniente, creo que lo coloco en mi lista de tareas pendientes. A ver si puedo traducirlo al castellano para usarlo con mis alumnos. ¡Enhorabuena por vuestro trabajo!

  2. Muy buena idea, pienso aplicarlo,Gracias

Deixa unha resposta

Required fields are marked *.