tecnoloxia.org

Tecnoloxía na Educación Secundaria

ObradoiROBOT

obradoirobot.pngObradoiROBOT: xogos cun robot móbil guiado por intelixencia artificial, é unha actividade organizada polo equipo de robótica móbil do Grupo de Sistemas Intelixentes da USC e conta co copatrocinio da Dirección Xeral de I+D (programa Diverciencia).

A actividade consistirá nunha competición na que os equipos participantes terán que guiar “a cegas” un robot móbil Pioneer 3DX por un circuíto delimitado con valados.

Este contido lúdico irá precedido dunha presentación divulgativa e a demostración práctica das bases tecnolóxicas do guiado dun robot móbil (sensores láser e de ultrasons, comportamentos do robot e intelixencia artificial) e a realización do percorrido polo circuíto polo propio robot autónomamente.

O 10 de novembro, a partir das 10:30 celebrarase o obradoiro no IES Escolas Proval (Nigrán), dirixida a estudantes dos ciclos medio e superior de electrónica e da modalidade de tecnoloxía do bacharelato.

Lamentablemente comunícannos que non é posíbel facer unha convocatoria máis aberta por falta de espazo, así que únicamente quedan prazas para que asista o profesorado interesado en ver a actividade, pero sen grupos de alumnos/as. Unha pena.

Hai máis información na web de ObradoiROBOT

ArtFutura en Vigo

artfutura08.jpgDende hoxe 23 de outubro e até o 16 de novembro terá lugar no MARCO, Museo de Arte Contemporánea de Vigo, o programa audiovisual da XIX edición de ArtFutura, que inclúe máis de oito horas de imaxes de alto impacto coas últimas achegas do campo da cultura dixital, os videoxogos e os efectos especiais.

Podemos ver, entre outros, un documental sobre a exposición Máquinas e Almas, o documental Das Netz de Lutz Dammbeck, un especial sobre a escola francesa Supinfocom e unha retrospectiva de Satoshi Tamioka, recoñecido autor xaponés de animación dixital.

Podes descargar aquí o programa en pdf

Control automático e robótica con Arduino

arduinoO vindeiro 8 de novembro a Asociación do Profesorado de Tecnoloxía de Galicia, APETEGA, organiza a súa II Xornada Monográfica, que tratará este ano sobre os contidos de control e robótica do currículo de Tecnoloxía, que se abordarán mediante a utilización da controladora Arduino.

A xornada terá lugar no IES Pedra da Auga de Ponteareas, Pontevedra, e estará limitada a un máximo de 40 persoas.

Tes toda a información na web de APETEGA

Concurso espacial 2009: Observar a Terra dende o espazo

concursoespacial.jpgEste concurso, convocado polo Instituto Nacional de Técnica Aeroespacial (INTA) e a Fundación Aeroespacio, coa colaboración de diversas entidades, pretende que mozos e mozas descubran que a actividade espacial é fonte dun elevado número de tecnoloxías, moitas das cales configuran a nosa realidade diaria sen case ser conscientes diso.

Os traballos desta edición versarán sobre a actividade espacial, en especial sobre aqueles logros desenvolvidos no campo espacial que agora son de utilidade na vida cotiá e sobre aqueles avances tecnolóxicos que nos permiten ter un mellor coñecemento do planeta grazas á observación desde o  espazo.

As modalidades dos traballos a presentar son: investigación, robótica espacial, narrativa/banda deseñada, e animación.

Entre os traballos gañadores na edición anterior atopamos algúns traballos de tecnoloxía, como por exemplo o proxecto de construción dun brazo robótico do IES Xebic. Ondara, Alicante.

Na categoría de animación por ordenador gañou este traballo chamado Sputnik Omega – Mision Hiperespacio, do colexio San José.

Máis información sobre a convocatoria en : http://www.concursoespacial.com

Galiciencia en Ourense

GalicianeciaGaliciencia é unha exposición que organiza Tecnópole (Parque Tecnolóxico de Galicia) na que cada grupo de alumnos e alumnas mostra o seu proxecto científico, invento ou investigación, explicando aos visitantes como o fixo, resultados obtidos, funcionalidades… Este ano haberá tamén a Galiciencia na rúa.

Ademais disto haberá talleres, conferencias, sesións de cine e outras actividades de divulgación da ciencia e da tecnoloxía.

Os centros que queiran participar, tanto presentando un proxecto como de visita, teñen aberto o prazo de inscrición dende o 15 de setembro ata o 15 de outubro.

As actividades da Semana da Ciencia realizaranse os días 18, 19 e 20 do mes de novembro de 2008 no auditorio de Ourense.

Tes máis información na web de Tecnópole


1 14 15 16