tecnoloxia.org

Tecnoloxía na Educación Secundaria

Lámpadas que levitan

flytePreciosa esta combinación de levitación magnética coa tecnoloxía sen fíos de transmisión de enerxía. “Flyte” é obra de Simon Morris e trátase dunha lámpada que semella unha antiga de incandescencia pero que no interior está composta por LEDs. Levita xirando sobre unha base que funciona coma unha estación de carga sen fíos por indución electromagnética, o que provoca o acendido dos LEDs.

Podes velo no seguinte vídeo:

[Flyte : Levitating Light from Narwhal Pictures on Vimeo]

Polo aire non se transmite electricidade, senón un campo magnético. Cando unha bobina se sitúa preto da outra, por efecto do campo magnético xérase nesta última unha corrente eléctrica, que fai que se acenda o LED.

Se queredes, podedes probar este sinxelo experimento de acendido dun LED por indución electromagnética. Necesitades construír dúas bobinas (unha emisora e outra receptora) e conectar un transistor, unha resistencia e un LED, tal e como explican neste vídeo:

[youtube: Proyectos | Transmisión Inalámbrica de Energía Eléctrica – Muy fácil de hacer]

electricidade_senfios

Solucionando o problema enerxético mundial cun chisqueiro

Alguén pensa que o que se mostra no seguinte vídeo pode funcionar? É posible ou imposible?

[youtube: Como generar electricidad gratis!!] (Colgouno César Fernández en Redeiras)

Axiña vou montar un para conectar o microondas, a neveira, a lavadora e a prancha. O que vou aforrar na vindeira factura da luz!

Desde logo que estamos ante un fake. Onde está o truco? Que cousas non cadran? Que leis se incumpren? Como o fixeron?…

CircuitLab: Simulador de electrónica online

Decateime da existencia do editor/simulador de circuítos electrónicos CircuitLab esta mañá a través dun tuit de slandete, así que pouco tempo tiven para fozar nel. Con todo, paréceme unha aplicación estupenda, pois a interface gráfica é moi atractiva e intuitiva, polo que me parece moi axeitada para os niveis de educación secundaria, especialmente para bacharelato.

Neste vídeo podes ver como funciona:
[youtube: Getting Started with CircuitLab]

Como puidestes ver no vídeo, CircuitLab permite construír circuítos analóxicos e dixitais, cambiar os datos dos compoñentes, calcular as tensións de saída para un compoñente determinado ou observar o sinal do osciloscopio. Outro aspecto interesante é que se poden compartir os esquemas co resto de usuarios e usuarias.

Un dos inconvenientes é que a listaxe de compoñentes é limitada, e algúns bótanse moito en falta.

Aquí tes un dos circuítos que veñen de exemplo:

Desde logo que é unha sorte contar con este tipo de aplicacións que se executan desde o navegador, e non andar a depender de instalacións de escritorio deseñadas para un determinado sistema operativo (sexa cal sexa). Lembrádevos por exemplo de Logic-Lab ou de logic.ly dos que falei hai tempo.

Cada vez hai máis aplicacións online para facer de todo. Agora só falta unha aposta clara para mellorar a conectividade dos centros de ensino galegos, moitos cun ancho de banda que provoca desacougo, coma é o noso caso.…


1 2 3 10