Electricidade de vertixe

Despois de ver este vídeo non volverei dicir que cambiar unha lámpada é moi doado e que non ten nada de perigoso. Mirade estes técnicos que teñen que subir a 832 m de altura para facer unha simple reparación da lámpada dunha antena. Que vertixe!


[youtube: O traballo máis perigoso do mundo]
(Visto en bricogeek.com)

Chégalle ben tamén ter que traballar revisando liñas de alta tensión, duns 200.000 V. Fixádevos nos arcos eléctricos que se forman cando o operario achégase ao cable. Sabedes por que se forman?


[dailymotion: High Voltage Cable Inspection]
(Visto en Capitán Nemo)

Visto o anterior, traballar no mantemento de aeroxeradores eólicos non é nada:
scotlandwindturbine.jpg
(Visto en gizmodo.es)


Laranxas para cargar a batería dun iPhone

Algunha vez temos feito en clase o experimento de acender un LED cun limón, e hai tempo faleivos da escultura de patacas de Kristof Kintera.

Pois hoxe temos un cargador para o iPhone feito con 2.380 anacos de laranxa:


[youtube: Orange Fruit Batteries Power An iPhone]

Non se trata de conectar en serie as laranxas sen máis. Para cargar a batería dun iPhone temos que acadar unhas voltaxes específicas en cada cable do conector:

conector_iphone.png
terra=0V, D+=2V, D-=2.5V e V+=5V.

Así que cómpre facer os cálculos e medidas necesarias para lograr eses valores coas laranxas.

Andar con laranxas é bastante engorroso, así que se non temos cargador sempre podemos recorrer á electrónica, como nos explican en raton.cl. Alí móstrannos uns sinxelos circuítos para cargar o iPhone cun conector USB (usa asociación de resistencias como divisoras de tensión) ou co conector do coche (utiliza un regulador de tensión).

cargador_iphone2.pngcargador_iphone1.jpg


Samaín 09

Coma tódolos anos, no insti celebramos a festa do Samaín, con obradoiros de cabazas organizados polo Equipo de Normalización Lingüística e o Ciclo Superior de Animación Sociocultural.

No departamento de Tecnoloxía tamén poñemos o noso gran de area, e invitamos a que os grupos que queiran lles poñan ás cabazas un circuíto eléctrico para acadar efectos de luces, son ou movemento.

Este ano foron poucas as cabazas eléctricas, pois a última hora aínda estaban co baleirado e decoración, pero houbo unhas cantas de 1º e 2º de ESO con lámpadas e LEDs no interior. Incluso un alumno cambioulle á súa cabaza un ollo por unha roda en movemento.

Grazas ao alumnos e alumnas de 4º de ESO Xeila, André, Pedro, Jessica, Sara, Belén e Anxo, por axudar aos máis pequenos coa conexión dos cables. Iso sí, botei de menos algunha cabaza dos maiores, cun circuíto algo máis complexo. Outros anos sempre hai alguén que se anima.

Aquí vai o vídeo:


[youtube: Samaín 09. Baiona]

Música: Matías o Morcego. Os papaqueixos.


Xeradores de corrente eléctrica

Un xerador é un dispositivo capaz de transformar a enerxía mecánica en enerxía eléctrica. Utilízase na maioría de centrais eléctricas para producir a electricidade que chega ás nosas casas. O seu funcionamento baséase en que cando movemos un condutor no seno dun campo magnético xérase unha corrente eléctrica por indución.

Se facemos xirar unha espira nun campo magnético prodúcese unha forza electromotriz (f.e.m.) inducida nos terminais, e unha corrente eléctrica no condutor.
A tensión eléctrica obtida a través do anel colector e a vasoiriña en cada extremo da espira ten unha forma senoidal, e a súa frecuencia dependerá da frecuencia de xiro.

Xerador de corrente continua:

Os extremos da espira conéctanse mediante unhas vasoiriñas cun anel dividido en dous. Deste xeito a corrente sempre circulará no mesmo sentido, obténdose corrente continua pulsante.


[aplicación flash]

Xerador de corrente alterna ou alternador:

No caso dos alternadores, o contacto realízase a través de dous aneis continuos, de xeito que a corrente producida vai cambiando de sentido de forma alternada. Estamos producindo corrente alterna.


[aplicación flash]

Aquí tedes un vídeo explicativo:

[youtube: xerador eléctrico]

Se queredes ver un xerador eléctrico caseiro non vos perdades o tinglado con bicicletas que fixeron no IES Laxeiro de Lalín.

(as animacións son de www.animations.physics.unsw.edu.au e pódense descargar para utilizar en educación)


Xogo: Little Wheel, o xerador eléctrico principal

Había unha vez un mundo habitado por robots. Un día aconteceu un grave accidente no xerador eléctrico principal. Ao quedarse sen subministro eléctrico o mundo caeu nun profundo sono, nada podía funcionar.
10.000 anos despois un raio carga de enerxía a un dos robots. Será capaz de conectar de novo o xerador e devolver a vida robótica ao seu mundo?

Aquí tes o xogo: Little Wheel
little-wheel.jpg

Nós non somos robots, pero imaxínaste como poderiamos vivir se non tivésemos subministro eléctrico? Podes deixar aquí a túa opinión.