O circuíto integrado cumpre 50 anos

O primeiro circuíto integrado ou chip foi deseñado e fabricado por Jack Kilby o 12 de setembro de 1958. Este sinxelo circuíto que podes ver na imaxe fíxose sobre un anaco de xermanio e un soporte de vidro.

Primeiro circuíto integrado

Pouco se parece aos chips actuais, pero foi o primeiro paso no imparable proceso da miniaturización que fai posible a existencia da informática actual.

chipOs chips aplícanse en multitude de dispositivos, como ordenadores, vehículos, electrodomesticos, teléfonos móbiles, reproductores de mp3, calculadoras, robots, e un longo etcétera.

Se queres saber algo máis sobre os circuítos integrados podes visitar a sección de electrónica.

(Fonte: Código cero)


Espertador de auga

O luns que vén xa temos os odiados exames de setembro. Profes e alumnado teremos que conectar o espertador despois de moito tempo erguéndonos á hora que nos peta.
Dificultades para espertar pola mañá? Se non tes un deses espertadores comerciais que nos fan espabilar podes fabricar un espertador de auga como o que nos amosan neste vídeo. Non hai como unha boa ducha de auga fría para poñerse en pe.


How To Make a Water Gun Alarm Clock on Howcast

Ocórreseme que podemos utilizar un espertador como programador para os nosos proxectos. Por exemplo, para facer un sistema de rego automático, ou calquera outro proxecto que queiramos que se poña en funcionamento a unha hora determinada. Cun espertador dos “chinos” e un relé conectado no canto do altofalante ou en paralelo con el xa temos un programador, temporizador ou cronómetro que poden ser útiles para utilizalos nos nosos prototipos.


Códigos de barras

Bar Code RevolutionOs códigos de barras son sistemas que permiten codificar a información dun producto, como a identificación do país de orixe, a empresa produtora ou a serie do produto. Mediante un escáner pódese recoller rapidamente dita información para asociala a unha base de datos.

Pero non fai falla que sexan simples e aburridos. Coa condición de que o escáner poda ler a información pódense incorporar debuxos que lle dean un punto creativo aos envases dos produtos. Esa é a aposta de Bar Code Revolution e os seus orixinais deseños.

escánerA información dun código de barras vén en código binario, de xeito que as barras negras representan os uns e os espazos baleiros os ceros. O escáner contén un dispositivo de lectura que emite un haz de luz cara o código de barras. Cando o haz incide sobre as barras negras non se reflexa, e cando incide sobre o branco si, obténdose unha secuencia de datos en binario. Un decodificador recoñece a simboloxía do código obtido e transforma estes datos en impulsos eléctricos que se levan ao ordenador mediante USB (tamén pódense transferir a través de wi-fi ou bluetooth)

Podes saber máis nesta infografía de consumer.es: código de barras

QR CodeOs códigos de barras bidimensionais almacenan a información en dúas dimensións conseguíndose almacenar unha maior cantidade de datos, e permitindo a interactividade mediante o uso de teléfonos móbiles, como pode ser a compra de entradas de cine ou ligar contidos multimedia online.

Podes ver a infografía de consumer.es: Códigos bidimensionais shotcode

E a cousa non queda aquí. Xa se están a desenvolver os códigos de barras tridimensionais, feitos de 14 capas de cores de xeito que cada código pode almacenar entre 0,6 e 2,4 megabytes de datos, o que permite, por exemplo, o almacenamento directo de contidos multimedia como vídeos, que se poderán visualizar dende os móbiles sen necesidade de conectarse a internet.

codebar 3D

Código de barras bidimensionalExisten aplicacións que che permiten obter o teu propio código de barras,como Semacode ou Barshow. O código de www.tecnoloxia.org é o da imaxe.

E non podía faltar un proxecto para facer na aula. Dende o IES Salvador Espriu de Barcelona propóñennos un proxecto de construción dun lector de código de barras.

Poderíase ampliar conectando a saída do circuíto a unha tarxeta controladora para que poidamos identificar o código mediante unha aplicación por ordenador.

proxecto


Primeira cámara dixital

1ª cámara dixitalVía Microsiervos atopei información sobre o primeiro prototipo de cámara fotográfica dixital da historia. É o que podes ver na imaxe:

O prototipo é de Steve Sasson, enxeñeiro de Kodak que en 1975 xa tiña lista esta cámara que funcionaba sen partes móbiles, na que utilizou un gravador de datos dixital en casete, un CCD, un convertedor analóxico/dixital sacado dun voltímetro dixital e varias ducias de circuítos impresos.

As imaxes tomadas tiñan 100 liñas de resolución, gardábanse en casetes e visualizábanse nun televisor previa colocación do casete nun reprodutor especialmente deseñado para esta cámara.

Dende logo que non era unha cámara como as de agora para levar no peto, pero marcou o inicio da fotografía dixital.