tecnoloxia.org

Tecnoloxía na Educación Secundaria

Documentais nucleares

O programa “A noite temática” emitiu recentemente dous interesantes documentais relacionados coas centrais nucleares:

O pesadelo dos residuos nucleares

O documental presenta os resultados dunha investigación sobre a xestión de residuos nucleares en EE.UU., Rusia, Alemaña e Francia, e saca á luz o segredo e descontrol que rodea o tratamento destes residuos. (1h 33 min)


[youtube: lista de reprodución La pesadilla de los residuos nucleares]

A batalla de Chernóbil

O 26 de abril de 1986 unha proba de seguridade na central nuclear de Chernóbil provocou a maior catástrofe nuclear da historia.(1h 17 min)


[youtube: lista de reprodución La batalla de Chernóbil]

Actualización 16 de maio de 2011:
Outro documental sobre residuos nucleares que paga a pena ver: Into Eternity

[youtube: lista de reprodución Into Eternity]

IV Xornada monográfica de APETEGA: Bioconstrución, domótica e enerxías alternativas

cartel_IVmonograficas.jpgXa está aberto o prazo de inscrición para a IV Xornada monográfica de APETEGA, que este ano tratará de Bioconstrución, domótica e enerxías alternativas.

Será o sábado 27 de novembro de 2010 a partir das 9:30 da mañá.

O programa inclúe a visita ao Parque Eólico Experimental de Sotavento, coa visita a un aeroxerador e á sala de control do parque, a realización dun proxecto de enerxía con hidróxeno e de enerxía solar, unha visita a unha vivenda bioclimática e domótica, visita ás instalacións bioclimáticas de Alvarella e unha conferencia sobre bioconstrución.

Tedes toda a información na web de apetega: programa, formulario de inscrición, como chegar, etc.…

Chocolate solar

Hoxe recibimos o verán facendo chocolate no patio con dúas cociñas solares.

A primeira é do tipo Fun-Panel, e fixérona o curso pasado os alumnos e alumnas de 3ºPDC, así que xa é coñecida no insti. A partir duns paneis de polipropileno celular fíxose a estrutura seguindo un modelo, forrouse con papel de aluminio utilizando silicona como cola, e lista!

cocinha_solar1.jpg

O segundo modelo que estreamos este ano utiliza unha antena parabólica de telecomunicacións. Só houbo que forrala con papel de aluminio, atopar o foco e buscar un soporte para a pota para mantela no punto correcto, iso si, revisando a posición cada certo tempo, xa que ao moverse o Sol o foco cambia de lugar.

cocinha_solar2.jpg
(Nesta foto xa lle quitáramos á pota o plástico envolvente e, aínda que pareza que non, é negra.
A cor brillante da pota é o reflexo da luz concentrada nela)

En dúas horas as cociñas chegaron aos 100ºC, así que houbo que separar as potas de chocolate e poñelas á sombra mentres non chegaba a hora á que quedamos para a chocolatada.

Para quecer o chocolate aproveitamos o que sabemos sobre a transmisión de enerxía calorífica e buscamos estes efectos:

Colector_parabolico.jpg1. Concentración:

A enerxía térmica transmítese do Sol á Terra por radiación, é dicir, en forma de ondas electromagnéticas. As cociñas funcionan como concentradores solares, facendo que toda a radiación que chegue a elas se concentre nun punto ou superficie pequena. É alí onde colocamos a ola.

Seguro que tamén sabedes que o negro absorbe moi ben as radiacións, así que por iso pintamos as potas de negro.

2. Acumulación:

esquemaInvernadoiro.jpgInterésanos que a enerxía térmica non escape do chocolate para que se vaia acumulando e vaia aumentando a súa temperatura. Para iso puxemos unha bolsa de plástico (polipropileno) rodeando cada ola, de xeito que no interior prodúcese o efecto invernadoiro. O aire quente circulará por convección no interior da bolsa.

A bolsa con aire no seu interior tamén fai de elemento illante, evitando que a enerxía térmica escape por condución.…

O tren que non para

Entre os maiores problemas que teñen os trens de alta velocidade atopamos a demora producida nas paradas intermedias que alongan o tempo da viaxe e o gasto enerxético na deceleración e aceleración do tren en cada estación.

Co fin de reducir o tempo e o gasto enerxético, o deseñador chinés Chen Jianjun presenta unha solución enxeñosa: que o tren non se deteña. A idea é introducir unhas cabinas que se acoplan e desacoplan ao tren cada vez que pasa por unha estación.

Cando chegas á estación hai que subirse a unha cabina. No intre en que o tren pasa pola estación a cabina previamente acelerada acoplarase ao tren e tranquilamente os pasaxeiros poderán ir acomodándose no interior.

Para baixarse do tren hai que subirse na cabina que leva acoplada, e cando pasa pola estación só ten que desenganchala para que os pasaxeiros baixen dela.


[youtube: The train that never stops at a station]

En resumo, cada vez que o tren pasa por unha estación solta unha cabina cos pasaxeiros que queren baixar e recolle outra cos que queren subir, e dese xeito o tren nunca para, aforrando tempo e enerxía.

Calcúlase que con este sistema o tren que une Pekín con Guangzhou, separadas 2.475 kilómetros e con 30 paradas intermedias, reduciría dúas horas e media o seu percorrido.

(Vía: un correo do meu pai)

Xogo: Aforrar enerxía no fogar

Como podemos aforrar enerxía na nosa casa?
O primeiro que pensamos é en apagar as luces e aparellos electrónicos que non usamos, pero hai moitas cousas máis que podemos facer.

Proba xogar a Energuy, xogo da Axencia pola Eficacia Enerxética de Quebéc. Tes que conducir á personaxe pola súa casa e seleccionar aqueles elementos que podemos modificar para aforrar enerxía.
Ten paciencia, pois tarda un pouco en cargar.

energuy1.jpg

Despois lémbrate de aplicar o mesmo no mundo real, e que non se quede isto nun xogo virtual.

(Visto en Tecnología Fuenteluna)