Xogo: Aforrar enerxía no fogar

Como podemos aforrar enerxía na nosa casa?
O primeiro que pensamos é en apagar as luces e aparellos electrónicos que non usamos, pero hai moitas cousas máis que podemos facer.

Proba xogar a Energuy, xogo da Axencia pola Eficacia Enerxética de Quebéc. Tes que conducir á personaxe pola súa casa e seleccionar aqueles elementos que podemos modificar para aforrar enerxía.
Ten paciencia, pois tarda un pouco en cargar.

energuy1.jpg

Despois lémbrate de aplicar o mesmo no mundo real, e que non se quede isto nun xogo virtual.

(Visto en Tecnología Fuenteluna)


Burj Dubai: 828 m. Perdido Regional Host: 2438 m

Acábase de inaugurar o rañaceos máis alto do mundo: o Burj Dubai, con 828 m de altura.

Burj_Dubai1.jpg

Aquí podes ver unha panorámica vertical:

[youtube: Burj Dubai vertical pan]

Unha das imaxes que máis me gustan da torre é esta de cando aínda estaba en construción. Clica para maximizala e vai véndoa de arriba a abaixo. De vertixe!

burj_dubai_1009.jpg

A súa altura non é a única marca. Ten un ascensor que se move a 700m/min, o máis rápido do mundo.

Porén, as construcións máis altas que existen non son rañaceos, senón as plataformas petrolíferas, e tampouco se quedan curtas as torres de comunicación ou as torres solares.

En skyscraperpage.com podemos ver diagramas e datos dos edificios e construcións industriais máis altos do mundo.

Actualmente a estrutura artificial máis alta construída é a plataforma petrolífera Perdido Regional Host, con 2438 m de altura. Atópase no golfo de México, e contén un mastro ancorado a 2.383 m baixo a auga. Aquí tes máis datos

spar_platform_depths_illustration_3col.gif

A Torre Solar de Ciudad Real non lle ten nada que envexar a outras, pois ten unha altura de nada menos que 750 m. Está previsto que remate a súa construción este ano 2010.

torre_solar.jpg

Trátase dun sistema que consiste nun gran colector de radiación solar disposto no chan, no que se quenta o aire. O aire quente ascende pola torre polo efecto da convección, movendo as turbinas que hai dentro dela e xerando electricidade.

torre_solar_funcionamiento.gif

Aquí podes ver unha animación de consumer.es (Clica aquí para vela en pantalla completa)

A torre de comunicacións máis alta do mundo é KVLY/KTHI TV Mast. Trátase dunha antena de televisión situada en Blanchard (Estados Unidos) que mide 628.8 m de altura.

KVLY-TV_Mast_Tower_Wide.jpg

En altura non nos quedaremos aquí. Dentro duns anos veremos como o Burj Dubai quedarase pequeno fronte a outros megaedificios, simbolos do poder. Se invertesen os mesmos cartos no desenvolvemento da arquitectura sostible iríalle bastante mellor ao planeta no que vivimos.

Non te esquezas de darte unha volta de cando en vez por skyscraperpage.com


Sistema Oyster de enerxía undimotriz

Hai pouco vimos en 1º de bacharelato varios sistemas que aproveitan a enerxía das ondas no post sobre enerxía undimotriz.

Hoxe coñecín un novo sistema que acaba de poñerse en marcha en Escocia e que é capaz de proporcionar enerxía eléctrica a 9.000 fogares aproveitando a enerxía das ondas. Trátase do sistema Aquamarine Power – Oyster wave energy.

oyster-energia-olas.jpg

Unha plataforma baixo o mar sostén un pesado panel de forma vertical que é balanceado polas ondas. Grazas a este movemento actívase un sistema hidráulico que leva auga a unha central en terra, encargada de transformar a enerxía mecánica do movemento en enerxía eléctrica.

Aquí tedes un vídeo:

[youtube: Aquamarine Power – Oyster wave energy device]

Máis información con fotos en aquamarinepower.com

(Visto en tec.nologia.com)


Robots que comen para obter enerxía

Calquera dispositivo necesita unha fonte de enerxía para funcionar, que logo transforma e utiliza. Coñecemos máquinas e sistemas que se alimentan con enerxía térmica, química, nuclear, eléctrica, mecánica, solar, …

As persoas obtemos a enerxía necesaria para funcionar a partir dos alimentos. Aproveitamos a súa enerxía química grazas á descomposición no proceso dixestivo. Pero … por que non van facer o mesmo as máquinas?

Xa se están a desenvolver diversos prototipos de robots que se alimentan da materia orgánica que atopan no medio.

EATR (Energetically Autonomous Tactical Robot ou Robot Táctico Enerxeticamente Autónomo) da empresa Robotic Tecnology, utiliza o seu brazo robótico equipado cunha pinza e unha motoserra para obter biomasa e alimentar con ela unha cámara de combustión que lle proporciona a enerxía necesaria para seguir movéndose e alimentándose.

Está deseñado para facer labores de vixilancia, limpeza de campos de minas ou fins militares, e din que podería ter unha operatividade de 160 km por cada 68 kg de vexetación queimada.

eatr2.jpg
EATR.jpg

Anque ninguén asegura que só pode comer vexetais. Esa motoserra tamén podería servir para cortar un humano en anacos e utilizalo para obter enerxía. Dan medo estes prototipos militares.

Outros prototipos que se están a desenvolver son os EcoBots do Intelligent Autonomous Systems Laboratory.

Comezaron co SlugBot, un robot autónomo que podía identificar e recoller lesmas para alimentar un dixestor anaeróbico.

slugbot2.jpg

Logo probaron cun robot capaz de alimentarse con material vexetal utilizando unha de pila de combustible microbiana, e tamén o EcoBot II, un robot que utiliza alimentos crus, tales como moscas ou mazás podres.

EcoBot.jpg

O robot aliméntase a man proporcionándolle insectos, os cales dixírense nunha pila de combustible microbiana que converte a enerxía da descomposición dos insectos en enerxía eléctrica. Cunha comida lixeira de 8 moscas, fan que o robot se mova pouco máis de dous metros. O seguinte paso será que o robot sexa capaz de cazar eses insectos de forma autónoma

Supoño que nuns anos veremos robots capaces de conseguir a súa propia comida. Imaxinádevos un cortacéspede autónomo que funciona grazas a enerxía da herba que vai cortando, ou robots exterminadores de pragas de insectos que funcionan alimentándose deles.

Que máis aplicacións se che ocorren?

(Vía: maikelnai.es)


Fusión nuclear caseira

180px-Deuterium-tritium_fusion.svg.pngUn dos retos tecnolóxicos máis importantes do futuro é conseguir satisfacer as nosas crecentes necesidades enerxéticas sen danar ao medio ambiente.

Estivemos falando na clase en 1º de Bacharelato de múltiples sistemas, entre eles do reactor nuclear de fusión Tokamak, aínda en experimentación. (Proxecto ITER).

Se queredes repasar podedes ver:

O que non sabía é que se podía reproducir facilmente no laboratorio a reacción nuclear de fusión. Vino no programa “El Hormiguero” (Non llo deixaron facer a Flipi :-). Aquí está o vídeo:

[youtube: Fusión nuclear en “El Hormiguero” de Cuatro]

Para realizalo utilizan o Fusor Farnsworth, mediante a técnica de confinamento electrostático. (Grazas Sergio pola información)

Consiste nunha esfera á que se lle realiza o baleiro. No interior da cámara hai unha reixa metálica conectada a un potencial de uns 40.000 voltios, e o exterior, tamén metálico, atópase conectado á terra.

fusor30.jpg

Se no interior da cámara introducimos átomos de hidróxeno, polo efecto da voltaxe ionízanse: os electróns (negativos) irán cara ó exterior e os protóns (positivos) quedarán no interior da reixa. Estamos producindo un plasma que acumulou moitísima enerxía debido a gran diferencia de potencial entre os electrodos, de xeito que os protóns están chocando entre si. Sen embargo non se fusionan, debido a gran repulsión electrostática existente entre eles.

Se no canto de átomos de hidróxeno introducimos isótopos do mesmo, a distancias curtas a interacción nuclear forte de atracción pode ser maior ca repulsión electrostática, conseguindo que algúns deses núcleos se fusionen entre si formando un núcleo de Helio e liberando enerxía.

350px-Nuclear_fusion_forces_diagram.svg.png

Aquí tes máis información sobre o Fusor Farnsworth e aquí sobre a fusión nuclear.