Enerxía Undimotriz

En días de temporal resulta impresionante ver as ondas do mar, capaces de levantarse a metros de altura e levar por diante todo o que se atopen no seu camiño. Non poderiamos aproveitar toda esa desbordante enerxía para producir electricidade?

A enerxía producida polo movemento das ondas chámase enerxía undimotriz, e algúns países da Unión Europea xa están a desenvolver tecnoloxías que permitan aproveitala e transformala en enerxía eléctrica.

Nesta infografía de consumer.es podemos ver como se pode aproveitar a enerxía das ondas:

Clica aquí para ver a infografía en pantalla completa

A costa galega, que con tódalas súas reviravoltas ten 1.659 km de extensión, aínda non conta con estes sistemas de xeración de enerxía eléctrica, pero nun futuro próximo chegaremos a velos, pois xa se están a dar os primeiros pasos: Wavecat, da USC.


Electricidade con bostas de vaca

En Galiza habitan máis vacas que persoas, unha cantidade suficientemente grande como para que nas granxas se poidan xerar anualmente toneladas e toneladas de excrementos. Sabías que eses excrementos pódense aproveitar para xerar electricidade e para producir fertilizante?

Isto pódese facer cunha planta de biogás, que utiliza o metano producido na fermentación dos excrementos nun biodixestor para alimentar un xerador diésel, que é o encargado de producir electricidade.
Os líquidos resultantes do proceso convértense en fertilizantes.

Biodigestor.JPG

Un biodixestor é un contenedor hermeticamente pechado no que se deposita o material orgánico que se fai fermentar con certa cantidade de auga, producindo unha mestura de gases con alta concentración de metano, tamén chamado biogás.

biodigestor2.jpg

O biogás producido serve de combustible para a xeración de electricidade a partir dun xerador diésel, ou pódese aproveitar tamén para os sistemas de calefacción.

Aquí hai unha infografía do funcionamento:
How does a biogas plant work?


paraSITEs

Onte, falando cunhas compañeiras do frío que fai e do mal que o deben de estar pasando as persoas que dormen na rúa, acordeime dun post publicado hai pouco en inicios.es, un interesante espazo que investiga as interseccións entre a arte contemporánea e o activismo político e social.

No post en cuestión fala dos “parásitos” (paraSITEs) de Michael Rakowitz, que son construcións de polietileno, bolsas de plástico e celo que están construídas para aproveitar a enerxía calorífica que sae dos sistemas de ventilación para ofrecer un refuxio quente a quen non teña un teito para protexerse.

michaelRakowitz2.jpg

Rakowitz repartiu diversos prototipos a máis de trinta persoas sen fogar en Boston e New York provocando dúas reaccións interesantes. Por unha banda, algúns usuarios vírono como un modo de reclamar o seu lugar na cidade. Por outro, o resto de veciños comezaron a temer que os parásitos reproducísense dada a súa evidente utilidade, o número de persoas sen fogar nestas cidades e o sinxelo do sistema.

MichaelRparaSITE.JPG

Paréceme unha interesante intervención tecnoartística de aproveitamento enerxético, e unha forma útil (polo menos para os “senteito”) de chamar a atención sobre unha realidade social.


Fusos horarios

Mañá, domingo 26 de outubro, cambia a hora. As 3:00 horas serán as 2:00.

A xustificación para cambiar a hora é supostamente aforrar enerxía eléctrica. Segundo Red Eléctrica Española o aforro enerxético en España é do 0.5%, moi pouco para o esforzo e trastorno que supón para a poboación.
E hai máis, parece ser que en Galicia afórrase só un 0,28% de enerxía co cambio horario. Todo vén porque en Galicia non temos a hora que nos correspondería pola súa posición xeográfica.

Para pescudar a localización exacta dun punto da superficie terrestre valémonos das denominadas coordenadas xeográficas, a lonxitude e a latitude, achadas a partir dunha rede xeográfica de liñas imaxinarias chamadas meridianos e paralelos.

latitude_lonxitude.gif

A lonxitude é a distancia angular que existe entre un punto calquera da superficie terrestre e o Meridiano de Referencia ou Meridiano de Greenwich.
A latitude é a distancia angular entre un punto calquera da superficie terrestre e o Ecuador.

Ao ser medidas angulares a latitude e a lonxitude mídense en graos.

Todos os lugares da Terra que están no mesmo meridiano teñen a mesma hora solar, xa que tódolos puntos que atravesa o meridiano teñen ao Sol na vertical ao mediodía.

Como a circunferencia da Terra ten un total de 360° e o día solar divídese en vinte e catro horas, a Terra pódese dividir en vinte e catro franxas imaxinarias dunha hora, os denominados fusos horarios. Cada 15° de lonxitude hai unha hora de diferenza, unha máis cara ao leste e unha menos cara ao oeste.

TimeZone_peq.jpgCon todo, cada país ten a súa propia hora oficial, que en moitas ocasións non coincide coa hora solar. Pódelo ver no seguinte mapa de fusos horarios.

Observamos no mapa que sería máis lóxico que toda a Península Ibérica compartise o mesmo fuso que actualmente posúe Portugal e o Reino Unido. Especialmente rechamante é o caso de Galicia, que estando ao norte de Portugal ten unha hora máis, e ten a mesma hora que, por exemplo, Varsovia, cando hai unha diferenza de case 30º na lonxitude, o que equivale a dúas horas solares de diferenza.

Baiona (instituto)
Latitude: 42°7’8.26″ N
Lonxitude: 8°51’41.03″ W

Varsovia (Polonia)
Latitude: 52°13’47.29″ N
Lonxitude: 21°0’42.41″ E


Adeus, lámpada incandescente.

Segundo as “31 medidas para o aforro enerxético do ministerio de Industria” preténdese para o ano 2012 a eliminación completa do mercado das lámpadas de baixa eficiencia para substituílas completamente por lámpadas de baixo consumo.

A lámpada incandescente leva tantos anos acompañándonos que creo que merece unha despedida en condicións. Aquí vai unha composición artística adicada a ela:

[m_001 / zhestkov.com on Vimeo.]

Outras intervencións: www.ak3d.de e www.incandescentsculpture.com

self ilumination I self ilumination II incandescent sculpture