Aire acondicionado

Nestes meses de calor é moi común ver locais con sistemas de aire acondicionado, moitos deles a temperaturas excesivamente baixas, o que nos fai pasar frío. Ollo co despilfarro enerxético!

O funcionamento destes dispositivos consiste basicamente en extraer enerxía calorífica do local que se quere esfriar e botala ao exterior.

diagrama enerxético

Nestes sistemas utilízase a evaporación dun fluído refrixerante para fornecer a refrixeración.

Esquema aire acondicionado

1. Un líquido refrixerante escoa a través dunha válvula de expansión para se tornar líquido frío de baixa presión.

2. Este líquido corre a través de intercambiador de calor (evaporador) que permite que o líquido absorba calor para se tornar gas a baixa presión e esfríe o ar do interior da habitación.

3. O compresor comprime o gas, facendo que se volva gas a alta presión e temperatura.

4. Este gas quente corre a través dun intercambiador de calor (condensador) para disipar o calor cara o exterior, e condénsase ata pasar ao estado líquido a alta presión.

Existen diversos tipos de aire acondicionado. Nesta infografía de consumer amósanos algús deles.
infografía consumer.es


Aeroxerador-serpe

E xaneiro escribín unha entrada sobre diferentes tipos de aeroxeradores. Hoxe atopei un novo prototipo en tendendcias21, que consiste na instalación de decenas de rotores unidos a un mesmo xerador formando unha especie de serpe no aire.

O sistema xera a mesma enerxía que co método tradicional, pero emprega para a súa fabricación dez veces menos materiais, abaratando o custo enerxético da fabricación e coidando mellor o medio ambiente. Outra das ventaxas é que pode ser instalado en moitos lugares, como casas particulares ou en alta mar.


Unha verdade incómoda

Documental de Davis Guggenheim e Al Gore “An inconvenient truth” (2006)


www.Tu.tv

Trátase dun documental sobre o quentamento global que, á marxe do toque sensacionalista que ten, paréceme interesante para traballar en educación secundaria dende a perspectiva interdisciplinaria ciencia, tecnoloxía e sociedade e de forma coordinada entre varios departamentos.

E para incentivar o debate, non está de máis presentar a outra versión da historia. Témola neste documental titulado “O gran timo do quentamento global“:

Por unhas razóns u outras, o clima cambia e o planeta contamínase, non o imos negar. Dende o punto de vista da tecnoloxía, parte da solución comprende a eficiencia enerxética, as fontes de enerxía renovables e novas políticas enerxéticas. O desenvolvemento e a dispoñibilidade de novas tecnoloxías enerxéticas limpas son clave para controlar o quecemento global. Unha gran parte da tecnoloxía capaz de inverter os efectos do quentamento global xa existe, pero falta a xeneralización no seu uso. Aínda se están a investigar e a desenvolver novas tecnoloxías á marxe dos intereses económicos e políticos.

Para reflexionar: Dende un punto de vista tecnolóxico, que responsabilidade temos como persoas consumidoras e usuarias de tecnoloxía? Que podemos facer nós individualmente para axudar a reducir o quentamento global? Que políticas tecnolóxicas e económicas cres necesarias?


A enerxía dos teléfonos móbiles

móbilVía Microsiervos atópome cun interesante artigo sobre aspectos enerxéticos dos teléfonos móbiles, no que atopamos os seguintes datos:

A enerxía consumida:

Segundo Nokia, o 70% do uso total de enerxía dun teléfono móbil lévase a cabo durante a fase de produción: a minería dos recursos, a produción dos compoñentes, a montaxe e o transporte. O 30% da enerxía consumida restante corresponde ás recargas da batería.

Durante a súa vida útil un teléfono móbil consume un promedio de 260 MJ. 180 MJ para a fabricación e 80 MJ na fase de utilización. (1MJ = 106J)

Multiplica polo número de móbiles que tiveches e saberás canta enerxía levas gastada en falar por teléfono.

Aquí podes ver un vídeo da cadea de produción de telefonía móbil de Sony Ericsson:

Os residuos:

O 90% dos residuos tamén son xerados durante a fase de produción. As montañas de teléfonos móbiles en desuso como esta da foto non representan máis ca un 10% dos residuos. (Foto: Chris Jordan)

móbiles

A transferencia de información:

Non só se consume enerxía ó cargar a batería. A transferencia dun gigabit de información a través de telefonía móbil (arredor de 500 minutos de chamadas) equivale a recorrer 200 km en coche.

Transmitir información pola rede de telefonía móbil require tres veces máis enerxía que pola rede de telefonía fixa.

En conclusión:

Se queremos unha opción ecolóxica, só hai unha opción: manter un mesmo teléfono móbil todo o tempo posible, e non cambialo por outro simplemente polas modas ou novidades.

prestacións

Difícil nolo poñen vista a rapidísima evolución destes trebellos en tan pouco tempo. Podes ver unha imaxe da evolución dos teléfonos móbiles de Nokia en 25 anos, e verás que a cousa non para.


kWh desglosados

A análise da factura eléctrica é un recurso bastante utilizado en clase, así que, ollo! a partir de abril o “recibo da luz” será diferente. A compañía eléctrica deberá indicar a orixe da electricidade vendida e o impacto ambiental provocado na súa xeración.

Orixe:
A enerxía eléctrica virá desglosada segundo as tecnoloxías utilizadas na súa xeración.

facturaelectrica_orixe

Impacto ambiental:
As empresas deberán incluír dous gráficos de barras, un de emisións e outro de residuos radioactivos, ordenados do “A” ao “G”, onde a primeira letra represente o mínimo impacto ambiental e a última, o máximo.

facturaelectrica_impacto

Parece que o impacto ambiental só se refire ás emisións e residuos. Para nada se teñen en conta outros tipos de impacto, pero algo é algo. A min paréceme un avance, pois temos dereito a esa información, pero non nos esquezamos do que nos repiten sempre en Sotavento: A enerxía máis limpa é a que non se consume.

Máis información no BOE.