tecnoloxia.org

Tecnoloxía na Educación Secundaria

Matemáticas co buscador de google

O buscador de google é, sen dúbida algunha, a máis eficaz ferramenta para facer procuras na web e atopar facilmente o que queremos. Pero non serve unicamente para iso. Sabías que o buscador de google funciona tamén como calculadora? Sabías que podemos utilizalo para a representación gráfica de funcións matemáticas? Sabías que con el podemos converter unidades?

Calculadora:

Para utilizalo como calculadora non hai máis que escribir na caixa de texto a operación que desexamos realizar e o resultado aparecerá ao darlle a buscar.

Os símbolos básicos con a suma +, resta -, multiplicación * e división /, pero hai outros:

Número “e” e e*1 = 2.71 Logaritmo base 10 log(nº) log(10) = 1
Número “pi” π pi 2*pi*4 = 25,13 Logaritmo neperiano ln(nº) ln(10) = 2.302
Exponencial ^  2^3 = 23= 8 Seno sin(nºrad) sin(pi/2)=1
Raíz cadrada sqrt(nº)  sqrt(2) = √2 Coseno cos(nºrad) cos(pi/2)=0
Factorial !(nº)  !4= 4·3·2·1 = 24 Tanxente tan(nºrad) tan(pi)=0

Podemos, ademais, utilizar diversas constantes físicas: G (gravitación universal), h (Planck), c (velocidade da luz no baleiro), etc.
 

Representación gráfica de funcións:

Unha das novidades máis recentes do buscador google é que permite a representación gráfica de funcións. Só temos que introducir a función que desexamos visualizar na caixa de texto do buscador e clicar en buscar.

Por exemplo, se introducimos sin(2e^x) o resultado é unha gráfica que podemos mover, ampliar e reducir. Ademais, vainos dicir as coordenadas do punto no que estea o cursor.

Tamén podemos debuxar varias funcións na mesma gráfica. Temos que escribilas separadas por unha coma e aparecerán representadas cada unha nunha cor diferente.


 

Conversor de unidades

Para utilizar o buscador de google como conversor de unidades temos que escribir o nome das unidades en inglés e separalas por “in” ou “to”.

  • 90 km/h to m/s → 25 meters/second
  • 30 Celsius in Fahrenheit → 86 degrees Fahrenheit
  • 5000 cal to J → 20 920 joules
  • 15 in to cm → 38.1 centimeters (in=polgada)

 

Conversor de sistemas de numeración

Tamén podemos utilizar o buscador para pasar dun sistema de numeración a outro.
Se o número que queremos converter está en binario hai que lle poñer “0b” diante, e se está en hexadecimal “0x”.

  • 45 in binary → 0b101101
  • 216 to hexadecimal → 0xD8
  • 0b1001 to decimal → 9
  • 0xf2 to decimal → 242
  • 2011 in roman numerals → MMXI

 

Realmente hai moitas máis cousas que podes facer co buscador de google. Bótalle unha ollada a esta páxina.…

Coñecemento aberto

Se tedes un pouquiño de tempo, recoméndovos escoitar a conferencia que Juan Freire deu o 9 de novembro na Libre Soft World Conference LSWC 2011

Fala do coñecemento aberto, do procomún, un modelo de produción e xestión no que as persoas partícipes comparten coñecementos, organizan a súa produción e xestionan as súas relacións colectivas de forma autónoma, e que funcionan de xeito independente ás institucións oficiais e aos mercados.

Non se trata de algo novo, senón que este modo de funcionar xa comezou na Idade Media. Porén, a tecnoloxía social que se está a estender desde hai anos (Internet, software libre, wikipedia, comunidades e redes sociais, etc) permite recuperar estes antigos modos de funcionar producindo coñecemento independente e libre.

[globbtv.com: LSWC’2011-Conocimiento abierto]

Para reflexionar: ata que punto pode chegar capacidade de transformación social, política e económica do coñecemento aberto?

Cando falamos de software libre, do traballo en rede, de colaborar e compartir en internet, estamos a falar de moito máis que de linux ou windows, copyright ou copyleft, pagar ou piratear, … a cousa é moito máis profunda, e supoño que chegará un tempo en que todas e todos o comprendamos e sexamos realmente conscientes da súa importancia.

(Vía: Conocimiento abierto o porqué el software libre se inventó en la Edad Media)

Copiade, malditos!

Que é a propiedade intelectual? E o copyright? Ata que punto pódese posuír unha idea? Ata que punto pode ser un delito copiar? Dende hai uns anos, especialmente dende a irrupción masiva de Internet, o sistema de dereitos de autor estase a cuestionar constantemente.
O documental Copiade, malditos! serve de gran axuda para comprender o que está a suceder.


[¡Copiad, malditos! (DOC/58’/ES/HD720p 16:9) from elegant mob films on Vimeo.]
[ tve2: ¡Copiad, malditos! duración: 58 min 15 s ]

Este vídeo distribúese baixo licenza Creative Commons, e podes descargalo da propia web de tve.…

Neutralidade da rede

220px-Simbolo_do_neutralidade_da_rede.svg.pngO principio de neutralidade da rede describe o tratamento do tráfico a través de internet (aplicable tamén a tódalas redes de comunicación), e indica que tódolos datos que circulan pola rede deben ser tratados da mesma forma, navegando á mesma velocidade e garantindo o libre acceso a calquera tipo de información.

Unha cousa tan simple, eficaz e democrática coma esta parece ser que agora está en perigo, pois hai iniciativas políticas encamiñadas a facer de Internet unha rede completamente distinta. Todo isto vén polas presións das grandes empresas de telefonía e cable, que consideran que o seu negocio aumentaría se puidesen controlar o acceso ás infraestruturas e aos diferentes servizos e contidos de Internet.

Neste vídeo explícano moi ben:

[youtube: La neutralidad de la red]

Se aínda non o temos claro, para entendelo pode servir comparar a rede de comunicación a través de internet coa rede de estradas que nos permiten circular libremente polo noso país: Non te perdas o artigo “La neutralidad de las carreteras

Visto o panorama, non queda outra que solicitar que se asegure a neutralidade da rede mediante unha lexislación que garanta o uso aberto e imparcial de Internet para tódolos usuarios e usuarias. Polo tanto, tecnoloxia.org contribúe apoiando o “Manifesto por unha rede neutral“.

Manifesto por unha rede neutral

Os cidadáns, cidadás e as empresas usuarias de Internet adheridas a este texto MANIFESTAMOS:

1. Que Internet é unha Rede Neutral por deseño, dende a súa creación até a súa actual implementación, na que a información flúe de maneira libre, sen discriminación ningunha en función de orixe, destino, protocolo ou contido.

2. Que as empresas, usuarias e usuarios de Internet puideron crear servizos e produtos nesa Rede Neutral sen necesidade de autorizacións nin acordos previos, dando lugar a unha barreira de entrada practicamente inexistente que permitiu a explosión creativa, de innovación e de servizos que define o estado da rede actual.

3. Que as e os usuarios, emprendedores e empresas de Internet puideron definir e ofrecer os seus servizos en condicións de igualdade, levando o concepto da libre competencia até extremos nunca antes coñecidos.

4. Que Internet é o vehículo de libre expresión, libre información e desenvolvemento social máis importante co que contan a cidadanía e as empresas. A súa natureza non debe ser posta en risco baixo ningún concepto.

5. Que para posibilitar esa Rede Neutral as operadoras deben transportar paquetes de datos de maneira neutral, sen erixirse en “aduaneiros” do tráfico e sen favorecer ou prexudicar a uns contidos por riba doutros.

6. Que a xestión do tráfico en situacións puntuais e excepcionais de saturación das redes debe acometerse de xeito transparente, de acordo a criterios homoxéneos de interese público e non discriminatorios nin comerciais.

7. Que a dita restrición excepcional do tráfico por parte das operadoras non pode converterse nunha alternativa sostida á inversión de redes.

8. Que a dita Rede Neutral se ve ameazada por operadoras interesadas en chegar a acordos comerciais polos que se privilexie ou degrade o contido segundo a súa relación comercial coa operadora.

9. Que algúns operadores do mercado queren “redefinir” a Rede Neutral para manexala de acordo cos seus intereses, e esa pretensión debe ser evitada; a definición das regras fundamentais do funcionamento de Internet debe basearse no interese de quen as usan, non de quen as provén.

10. Que a resposta ante esta ameaza para a rede non pode ser a inacción: non facer nada equivale a permitir que intereses privados poidan de facto levar a cabo prácticas que afectan ás liberdades fundamentais da cidadanía e a capacidade das empresas para competir en igualdade de condicións.

11. Que é preciso e urxente instar ao Goberno a protexer dun xeito claro e inequívoco a Rede Neutral, co fin de protexer o valor de Internet de cara ao desenvolvemento dunha economía máis produtiva, moderna, eficiente e libre de inxerencias e intromisións indebidas. Para iso é preciso que calquera moción que se aprobe vincule de xeito indisolúbel a definición de Rede Neutral no contido da futura lei que se promova, e non condicione a súa aplicación a cuestións que pouco teñen que ver con esta.

A Rede Neutral é un concepto claro e definido no ámbito académico, onde non suscita debate: As persoas e as empresas teñen moito dereito a que o tráfico de datos recibido ou xerado non sexa manipulado, terxiversado, impedido, desviado, priorizado ou retrasado en función do tipo de contido, do protocolo ou aplicación empregado, da orixe ou destino da comunicación nin de calquera outra consideración allea á da súa propia vontade. Ese tráfico tratarase como unha comunicación privada e exclusivamente baixo mandato xudicial poderá ser espiado, trazado, arquivado ou analizado no seu contido, como correspondencia privada que é en realidade.

Europa, e España en particular, atópanse no medio dunha crise económica tan importante que obrigará ao cambio radical do seu modelo produtivo e a un mellor aproveitamento da creatividade dos seus cidadáns. A Rede Neutral é crucial á hora de preservar un ecosistema que favoreza a competencia e innovación para a creación dos innumerábeis produtos e servizos que quedan por inventar e descubrir. A capacidade de traballar en rede, de xeito colaborativo, e en mercados conectados, afectará a todos os sectores e todas as empresas do noso país, o que converte a Internet nun factor clave actual e futuro no noso desenvolvemento económico e social, determinando en gran medida o nivel de competitividade do país. De aí a nosa profunda preocupación pola preservación da Rede Neutral.

Por todo iso instamos con urxencia ao Goberno español a ser proactivo no contexto europeo e a lexislar de xeito claro e inequívoco neste sentido.

Se estás de acordo co manifesto, podes contribuír dándolle difusión:
reprodúceo, lígao, tradúceo, compárteo, vótao, …

Temos o manifesto en galego grazas á xente de mallando na eira.…