Tes algunha pregunta que facer?

No panel lateral esquerdo do blogue hai un novo widget. Trátase de formspring, un novo servizo da web 2.0 para facer preguntas públicas e responder publicamente.

Descubrino cando o meu colega virtual Sergio L. Palacios púxose a fedellar con el.

Para vós está, alumnos e alumnas, profes, visitantes, seguidores, … Tedes algunha pregunta que facer?

—–
Anulada a subscrición
—–

As respostas están aquí.

Tamén podedes rexistrarvos e crear a vosa conta.


Manifesto “En defensa dos dereitos fundamentais en Internet”, tamén en feminino.

ethernet_espaguetti.jpgtecnoloxia.org súmase ao Manifesto na defensa dos dereitos fundamentais en Internet, pois defende unha Internet libre, democrática e participativa que permita e promova o acceso á cultura e ao coñecemento a tódalas persoas.

Modifico o manifesto orixinal corrixindo a linguaxe sexista utilizada, pois internet é de tódalas persoas, homes e mulleres. As mulleres estamos, e só hai que facelo visible.

Este manifesto, elaborado de forma conxunta por varias persoas, é de todas e de ningunha. Publicouse en multitude de sitios web. Se estás de acordo e queres sumarte a el, difúndeo por Internet.

Manifesto en defensa dos dereitos fundamentais en Internet

Ante a inclusión no anteproxecto de lei sobre a economía sustentábel das modificacións lexislativas que afectan o libre exercicio das liberdades de expresión, de información e o dereito de acceso á cultura a través de Internet, xornalistas, blogueiros e blogueiras, usuarios e usuarias, profesionais, creadores e creadoras de Internet manifestamos a nosa firme oposición ao proxecto, e declaramos que …

1 .- Os dereitos de autor non poden estar por riba dos dereitos fundamentais da cidadanía, incluíndo o dereito á privacidade, a seguridade, a presunción de inocencia, á tutela xurisdicional efectiva e a liberdade de expresión.

2 .- A suspensión dos dereitos fundamentais é e debe seguir sendo unha competencia exclusiva do Poder Xudicial. Nin un peche sen unha sentenza.
Este anteproxecto, ao contrario do disposto no artigo 20.5 da Constitución, pon en mans dun corpo non xudicial, un organismo dependente do Ministerio de Cultura, a potestade de poder impedir o acceso das cidadás e cidadáns españois a calquera páxina web.

3 .- A nova normativa vai xerar inseguridade xurídica en todo o sector tecnolóxico español, prexudicando unha das poucas áreas de desenvolvemento e futuro da nosa economía, dificultando a creación de empresas, introducindo barreiras á libre competencia, e trabando a súa expansión internacional.

4 .- A nova lexislación proposta ameaza aos novos creadores e creadoras e dificulta a creación cultural.
Coa Internet e os sucesivos avances tecnolóxicos democratízase drasticamente a creación e emisión de todo tipo de contidos que xa non veñen principalmente das tradicionais industria culturais, se non de moitas fontes distintas.

5 .- Os autores e autoras teñen dereito a vivir do seu traballo con novas ideas creativas, modelos de negocio e actividades relacionadas coas súas creacións.
Tentar de soster con modificacións lexislativas unha industria anticuada que non sabe adaptarse a ese novo ambiente non é xusto nin realista. Se o seu modelo de negocio baséase no control das copias dos traballos e na Internet non é posíbel sen violar os dereitos fundamentais, haberán que atopar un outro modelo.

6 .- Cremos que as industrias culturais precisan para sobrevivir de alternativas modernas, eficaces, cribles, accesíbeis e que atendan aos novos usos sociais, no canto de limitacións tan desproporcionadas coma ineficaces para o fin que afirman perseguir.

7 .- Internet debe funcionar libremente e sen interferencias políticas patrocinadas por grupos que buscan perpetuar modelos de negocio obsoletos e impedir que o coñecemento humano siga sendo libre.

8 .- Demandamos que o Goberno asegure por lei a neutralidade da rede en España, ante calquera presión que poda ocorrer, como un marco para o desenvolvemento dunha economía realista e sustentábel para o futuro.

9 .- Propoñemos unha reforma real dos dereitos de propiedade intelectual co fin de: retornar á sociedade o coñecemento, impulsar o dominio público e limitar os abusos das entidades xestoras.

10 .- Nunha democracia as leis e as súas modificacións deben ser aprobadas despois do debido debate público e de ter consultadas todas as partes implicadas. É inaceptable que se fagan modificacións lexislativas que afectan os dereitos fundamentais nunha lei non orgánica e que trata de outro tema.

Máis información na web da asociación de internautas


O camiño da innovación

É algo que xa comentei de forma sutil algunha vez neste blogue, como neste post, ou neste: a innovación non é doada, por moitas razóns, é un dos aspectos que se teñen que ter en conta no proceso tecnolóxico é aceptación do produto por parte da sociedade.

Inventos revolucionarios ao longo da historia que fixeron e fan un gran servizo á sociedade atópanse con moitas barreiras que teñen que superar. Unha delas é a conservación de usos, leis, profesións e estruturas antigas que necesariamente téñense que adaptar á nova situación.

Néstor Alonso ilústrao moi ben en Educ@conTIC
guenberg520_gal

Para reflexionar:
Cambia a imprenta por internet. Estamos ante algo que revolucionou a difusión da cultura e das ideas.

Pensa agora nas formas clásicas de difusión do coñecemento a través de libros de texto, revistas en papel, música, cine, xornais, … Internet débese adaptar á industria que os sustenta? ou dita industria debe adaptarse ás novas formas de comunicación que nos ofrece a rede? Como tería que ser esa adaptación? Como ves o futuro dos medios?

En 1º de bacharelato podemos falar sobre estas cousas, entre moitas outras, claro.


Blogues educativos en Bitacoras.com

bitacorascom.pngHoubo que esperar á quinta edición dos Premios Bitacoras.com para que incluísen unha categoría de Educación.

É algo que sempre me chamou a atención en todos eses eventos blogueiros. Convócanse premios, encontros e mostras organizando a blogosfera en categorías do máis diverso, pero sempre botei en falta unha dedicada aos blogues educativos, presentes en internet dende que existen os blogues, actualizándose cada curso escolar, moitos de moitísima calidade, pero sempre esquecidos no macromundo blogosférico e funcionando en paralelo como conxunto de blogues independente do resto.

Din que a educación ten que saír das paredes das escolas, e que o centro da aprendizaxe está máis alá das actividades estrictamente educativas. Nestes tempos en que se está a empezar a apostar pola “escola2.0” e que moitos profesores e profesoras estamos a meternos de cabeza na rede, é de agradecer que dende un evento como os premios bitácoras.com se recoñeza cunha categoría o traballo que se está a facer dende as aulas de ensino de tódolos niveis.

Pois nada, creo que é unha interesante oportunidade mostrar a todo o público o que se está a facer en educación, esquecéndonos deses ámbitos edu-limitados nos que acostumamos a movernos, así que animádevos a votar os blogues educativos que máis vos gusten.

Lembrade que para votar previamente hai que rexistrarse.

Se queredes darlle un voto a tecnoloxia.org aquí tedes a ligazón.

Votar en los Premios Bitacoras.comMedio Oficial Premios Bitacoras