Personaxes con voz para o teu blogue

Voki permite crear personaxes animadas con voz ás que podes engadirlle a túa voz a través dun micrófono ou escribindo texto nun formulario.

Aquí tes un exemplo. O son foi introducido mediante texto:

Xa sabes, busca unha definición, como funciona, que fai, como se fabrica, ou o que queiras e crea unha personaxe que nos conte algo de tecnoloxía dende o teu blog.


Google non é unha fonte

Profe- Onde atopaches a información para elaborar o teu traballo?
Alumno/a – En google!

Máis dunha vez atopeime con isto. Google non é unha fonte, e tampouco é internet, nin un navegador, nin o único buscador. É certo que moitos e moitas de nós temos google como páxina principal do navegador e recorremos a el para calquera procura de información na rede, pero a información non nola ofrece google, senón as páxinas ás que nos dirixe. Axúdanos a buscar, pero non responde ás nosas preguntas, non é a fonte de información.

Buscando algún exemplo (con axuda de google) para explicar isto na clase, atopei unha tira de banda deseñada moi interesante (grazas deakialli)

12
Merv: – Axudarasme co meu ensaio?
Dewey: – Cal é o problema?
Merv: – Ó meu profesor non lle gustan as citas.
Dewey: – “Google! Google! Google! “. Google non é unha fonte. É como un bibliotecario: Indicámoste as fontes. Pero non contestamos ás túas preguntas.
Merv: – (decepcionado) Seguro que non.

Tamén podes ver unha versión da tira cómica en galego
versión en galego


Tradutores

tradutorHoxe recibín unha mensaxe dun profesor de tecnoloxía que vive en Granada. Dicíame que lle gustaba moito a web, pero que ó estar en galego non podía utilizala cos seus alumnos.

Eu anímolle a toda a xente que non sexa galega que probe a lectura, pois creo que non é tan difícil de entender. Eu moitas veces levo ós meus alumnos e alumnas a páxinas escritas noutros idiomas. Non é o mesmo que se estivesen en galego, pero valen perfectamente, especialmente se se trata de páxinas con contidos interactivos, pois soen ser bastante intuitivas.

O idioma non pode ser unha barreira, e hai moitos tradutores automáticos en Internet que as eliminan:

Para as linguas do estado está moi ben opentrad. Permíteche a tradución de textos en lingua galega, catalana e castelá. Ten a utilidade de poder navegar por unha web con traducións. Por exemplo, podedes navegar por tecnoloxia.org en lingua castelá.

Outra utilidade interesante é traducíndote, do IES Chan do Monte (Pontevedra), que é un tradutor de documentos de OpenOffice Writer.

Para moitos máis idiomas está google translate.

Eu a verdade é que boto de menos máis material en galego na rede, non vos pasa?.

wikipediaUnha actividade interesante para traballar co alumnado é participar na galipedia publicando artigos de tecnoloxía en galego. Ademais de entender o que é un wiki e aprender a utilizalo, aprenden tecnoloxía ó elaborar artigos desta temática, e contribúen a mellorar a presenza do galego en internet. 3 en 1.


Subscrición RSS

Cando entramos neste sitio e noutros blogs atopamos iconas similares a estas. Que son?
feed
Están relacionadas coa subscrición ou sindicación a un sitio web. No canto de ir ver os teus blogs favoritos dun en un para ver se hai cousas novas, é posíbel que estes sitios te avisen cando publican unha nova entrada e que podas lela sen necesidade de acceder a través da súa URL.

A publicación estandarizada de contidos coñécese como feed, e pode facerse en distintos formatos. RSS e Atom son os máis populares.

Un arquivo RSS é a descrición estrutural dun sitio web en formato XML. O sitio web xera un feed ou canal que permanece aloxado no servidor xunto co resto de arquivos.

O canal de tecnoloxia.org é: https://tecnoloxia.org/principal/?feed=rss2

Unha vez o feed está dispoñible, podemos acceder ós contidos da web sen a necesidade de entrar nela. Para iso necesitamos un programa lector ou agregador de feeds.

Hai distintos tipos de lectores feed:

Os baseados en web permiten a visualización das subscricións nunha páxina web. Só tes que crear a túa conta e engadir as túas subscricións. Estes son algúns exemplos:

Outros agregadores están integrados en programas clientes de correo. Por exemplo, podemos subscribirnos a un canal utilizando Thunderbird. Podes ver como facelo no wiki de mancomun.

Outra utilidade dos RSS é poder crear un gadget para introducilo na túa web ou blog, de xeito que aparezan as últimas entradas dun sitio determinado. Podes facelo con google, feeddigest e outros.

En youtube hai un vídeo no que se explica isto do RSS (grazas a blogarte pola ligazón):


Un exercicio para clase: non só tedes que crear un blog, tamén tedes que subscribirvos ós blogs creados polos vosos compañeiros e compañeiras de clase. Tamén podedes incluír as últimas entradas do voso blog favorito no sidebar.


Banda deseñada online

En Internet atopamos infinidade de ferramentas on-line para facer de todo, sen ter que instalar programas no ordenador. Un exemplo é a creación de banda deseñada.

stripgenerator

Unha tarefa que propoño: crear unha tira de banda deseñada para publicala na revista do instituto. Ten que contar algo relacionado coa tecnoloxía.

Aquí tes algúns sitios onde podes crear as túas tiras cómicas:

Comics animados: