Galería de Ferramentas

tradePor casualidade atopei a páxina “Obradoiro de Tecnoloxía: Galería de ferramentas” na web do IES Manuel García Barros da Estrada.

Foi un dos Premios a Recursos Educativos para a Sociedade da Información 2008, na modalidade de Galerías de Imaxes e Vídeos. Parabéns, Sindo.

Alí podedes atopar información completa con imaxes das ferramentas básicas que temos no taller de tecno xunto con vídeos explicativos da súa utilización.

Paréceme un interesante recurso informativo para 2º de ESO, anque para aprender o mellor é poñerse a traballar e manexar correctamente ditas ferramentas para a construción de prototipos.


Ensaios de materiais

BrinellO alumnado de Tecnoloxía Industrial de 2º de bacharelato elaborou o seguinte wiki sobre ensaios de materiais: http://materiais.wik.is

O obxectivo era atopar vídeos das máquinas e procesos que se utilizan na industria, xa que no instituto unicamente podemos facer na práctica o ensaio de tracción, pero non outros.

En dúas horas de clase, repartíndose o traballo, atoparon fotos, vídeos e a descrición dos ensaios mecánicos máis importantes.

Desexan compartir o seu traballo con estudantes doutros centros, así que se vos interesa botádelle unha ollada.


Os pantalóns gastados

É difícil de entender esta moda de mercar pantalóns vaqueiros gastados e rotos a prezo de prenda de alta costura. Eu prefiro mercalos noviños e xa os irei desgastando eu co tempo. O malo é que vas a unha tenda a mercar uns pantalóns novos e atópalos en peores condicións cós que queres substituír. É o que ten isto da moda.

Sen embargo non podemos queixarnos do prezo dun pantalón que sabemos que vai durar menos, xa que non hai ningún sistema automático que faga estas tarefas de desgaste e rotura. O proceso é totalmente artesanal.

pantalons2.jpg

Un a un, mediante a adición de compostos químicos e a acción de limas e papel de lixa, vanse conformando os destinxidos e desfiaduras. Podes ver máis fotos do proceso na páxina do fotógrafo David Friedman.

Neste vídeo podes ver o proceso de fabricación completo dos pantalóns vaqueiros:


De que están feitas as latas?

Un recurso interesante para algúns proxectos que facemos na ESO son as latas de bebidas ou alimentos, que podemos aproveitar para fabricar compoñentes eléctricos ou como elementos dos proxectos.

Para identificar o material do que están fabricadas as latas podes utilizar o seguinte algoritmo:
algoritmo

Folla de lata: aceiro recuberto con estaño, resistente á corrosión.
Aceiro cromado: aceiro recuberto de cromo

Tódalas latas de aluminio están lacadas no seu interior, xa que o alumnio é atacado polos alimentos e bebidas. Cando se utiliza lata para facer proxectos de electricidade, hai que acordarse de lixala xa que o lacado non é conductor da electricidade.

Fonte do algoritmo: Latas, están feitas de aceiro?
Diagrama de fluxo feito online con Draw Anywhere


Vasoira feita con botellas de plástico

vasoiraEn recicloteca explícannos como facer unha vasoira reciclando botellas de PET, un plástico que presenta unha alta resistencia ao desgaste.

Necesitas 18 botellas de dous litros, unhas ferramentas e pouco máis para fabricar unha vasoira que non ten nada que envexar ás vasoiras comerciais.

Podes ver aquí as instrucións.

(Vía: Ecoinventos)

Actualización: Neste vídeo podes ver o proceso de fabricación das botellas de PET.

Hai algún que outro erro (como en case tódolos vídeos de Discovery Channel), o ensaio de compresión non mide a dureza, como din, senón a resistencia á compresión. Para medir a dureza existen outros ensaios (Brinell, Vickers, …)