tecnoloxia.org

Tecnoloxía na Educación Secundaria

UCLA Ordenador mecánico de 1948

Tan afeitos estamos hoxe en día aos dispositivos electrónicos que facilmente nos esquecemos de que hai unhas poucas décadas atrás a electrónica apenas estaba desenvolvida e os cálculos realizábanse de forma mecánica. Un exemplo témolo no analizador diferencial UCLA, de 1948.

Daquela presentábase coma un cerebro mecánico capaz de resolver rapidamente problemas matemáticos, con innumerables aplicacións, por exemplo, na enxeñaría ou no deseño industrial, augurando un futuro cheo de computadoras mecánicas facendo de todo.

[UCLA’s 1948 Mechanical Computer from Gizmodo on Vimeo.]

Pasaron os anos e esta tecnoloxía quedou completamente desbotada. A electrónica desprazou definitivamente a computación mecánica, e estas máquinas quedaron como fantásticas pezas de museo ocupando un imprescindible chanzo da historia da tecnoloxía.…

Robots Camiñantes

Chámanos robots, pero en realidade son divertidos autómatas mecánicos. Este en forma de boneco que anda con dúas patas grazas ao sistema biela-manivela e a unha transmisión por engrenaxes semella moi fácil de construír, e véxoo ideal como proxecto para 2º de ESO, no tema de mecanismos.

[youtube: Robot Caminante en 2 patas (Fácil de hacer) walking robot] (Visto no scoop.it de Gumersindo Fernández)

O modelo é obra de “El Profe García”, que ten na súa canle de youtube unha chea de vídeos con ideas interesantes para utilizar en clase de tecnoloxía. Entre elas atopei outros bechos que camiñan, como o mecanismo do Robot araña, ou robot hexápodo, tamén moi doado de construír:

[youtube: Robot Araña o Hexapodo ( como se hace)]

Outro mecanismo interesante é o Robot verme, que utiliza tamén o sistema biela-manivela:

[youtube: Robot Gusano (Como se hace)]

É cousa de remexer un pouco máis en youtube para atopar outros modelos para construír no taller, e enchelo ata arriba de bicharía. …

Engrenaxes na natureza

A tecnoloxía intenta en moitos casos imitar á natureza para conseguir mellores estruturas, mecanismos e sistemas, pero a maioría das invencións nada teñen que ver con ela. Un exemplo témolo na aviación: Conseguimos facer máquinas voadoras cando deixamos de imitar o voo das aves.

Outro exemplo de sistema ideado de forma totalmente nova son as engrenaxes, que non existen no medio natural… bueno, iso ata hoxe. Acaban de descubrir un insecto, o Issus coleoptratus, que ten un mecanismo de roda dentada nas súas patas que lle permite saltar cun tempo de resposta asombroso, segundo nos contan en lainformacion.com.

[youtube: Planthopper gears in action]

Resulta curioso que algo ideado polas persoas como as engrenaxes, de súpeto, sexamos quen de atopalo nun insecto, coma se fose un deseño creado seguindo un manual de mecánica.…

Mecanización na arte topiaria

Nunca me gustaron esas esculturas feitas en plantas. Para min son moito máis bonitas se as deixas medrar ao seu aire, aínda que recoñezo o mérito artístico de quen se dedica á arte topiaria.

Porén, non vos imaxinedes a a unha persoa cunhas tesoiras de podar cortando as pólas que sobresaen do buxo, pois a mecanización tamén chegou aquí. Nos seguintes vídeos podes ver unhas máquinas dunha empresa holandesa que poden podar arbustos en forma de bóla ou de cono a un ritmo entre 600 e 5000 por hora.

[youtube: 11.4 R=400 L.wmv]

[youtube: 13 Kegelknipkooi]

Outro modelo da mesma compañía é capaz de podar un campo ou xardín con plena autonomía, utilizando para guiarse un mapa en 3D e GPS.

Un horror! Agardo que non se estenda a moda destes espantosos xardíns.

Máis información: pruned.blogspot.com

Mecanismo de paxaro cantor de 1890

Hoxe en día a electrónica permite reproducir facilmente infinidade de sons e música. Só hai que visitar estes días unha tenda de xoguetes ou un bazar chinés para saír coa testa rota de escoitar tanto piribiribí, pum, crash, pio, bong, … e milleiros de sons de todo tipo saíndo polos altofalantes dos xoguetes.

Realmente facer isto actualmente é moi doado. O que non resultaba tan doado era engadir son aos xoguetes do século XIX. Daquela a electrónica non existía, e os sons tiñan que producirse de maneira mecánica.

No blogue “The automata blog” atopei unha auténtica marabilla de mecanismo. Trátase do interior dun autómata de 1890 consistente nunha gaiola cunha serie de paxaros que cantan. Pénsase que foi obra de Bontems, un distinguido fabricante de autómatas en París. O mellor é que o vexades vós.

[youtube: The Finest Bird Song of 1890]

Naquela época, a maneira máis común de engadir son aos xoguetes era utilizando caixas de música, nas que un cilindro xiratorio con levas facía mover unhas láminas metálicas afinadas, producindo son.

[youtube: Tabatiere Musical Cylinder Box playing 4 Airs 1890-1900]