tecnoloxia.org

Tecnoloxía na Educación Secundaria

Mecánica de papel

Como van chegar uns días de choiva vou propoñer unha actividade para facer na casa e que pode gustar aos máis peques. Trátase de construír autómatas mecánicos de papel. Ensamblando distintas pezas construídas con papel obtemos os sistemas mecánicos básicos: levas, cegoñais, bielas, manivelas, pancas, … e  podemos conseguir moitos tipos de movementos.

Na web de robives.com hai moitos modelos moi chulos que se poden descargar, imprimir e montar. Hai que pagar arredor de 2.50 libras por cada modelo.

machine-animal-01 asheep-b01 loveboat-a01

guarddog-c01 henpecked-a01 cow-a01 oct-ani03

Cómpre imprimilos nun papel algo groso para lles dar resistencia. Se a impresora da vosa casa non o permite, nunha fotocopiadora dun comercio poden facervos a impresión en cartolina.

 

Do mesmo autor son os xa clásicos modelos de Flying Pig. Neste caso non tedes que imprimir, xa que o que mercades é un caderno recortable, xa coloreado.

anicatwalkmid amex aiop impatience

 

En creativecenter.brother.eu podedes descargar de balde moitos proxectos, algúns deles móbiles. Hai que rexistrarse, seleccionar o que vos guste, imprimilo e montalo.

dotdash Crab T2  

Outros autómatas para descargar de balde atopámolos en mecatronica-cbtis122:

  jade_dragon ras

 

E se vos animades, podedes darlles algo máis de vida a estes bechos conectándoos a un servo controlado cunha tarxeta arduino, engadir luces, son, sensores … Aquí vai unha idea, pero as posibilidades son infinitas:

[Paper Automata + Continuous Servo from Seungkyun Lee on Vimeo] (Visto en makingtoys.net)

 

Estes son só uns exemplos, pero hai moitos máis. Buscade un pouco por Internet e veredes que hai unha chea de autómatas de papel para descargar.…

Programas e cableados de pesadelo

Lipton_Communication2

Machine Punk – Laurie Lipton

“Que pesada é a profe!” é o que debe pensar o alumnado cando insisto unha e outra vez en que se debe traballar con orde e limpeza cando se realizan traballos prácticos de calquera tipo. “Eu xa me entendo así” ou “que máis dá se funciona” son respostas habituais, e non hai maneira de convencelos. Algo de caso me fan cando digo que iso baixa a nota, pero iso non consegue mudar o procedemento, senón que só conduce a se pasen traballo extra “pasando a limpo” cando preferiría que ese tempo o dedicasen a outro tipo de traballos.

Con este artigo intentarei ilustrar como non se deben facer as cousas. Sexa o que sexa o que se faga (un programa informático, unha instalación eléctrica, unha montaxe electrónica, un circuíto pneumático, etc.) o código, montaxe ou instalación creada debe ser suficientemente intelixible, fácil de manter e de modificar, non unicamente pola persoa que a creou, senón tamén por calquera outra que se achegue a ela para revisala, manipulala, actualizala ou mantela.

Programas informáticos

Hai moitos estándares e normas obxectivas que se deben considerar, pero para empezar, unha das máis básicas é estruturar os programas de xeito que se podan diferenciar os diferentes bloques e instrucións a simple vista.

Comparade os seguintes programas. No primeiro podemos observar a estrutura a simple vista, e no segundo custa bastante máis, verdade? Os nomes das variables tamén deben ser significativos e non debe haber código repetido ou redundante.

Instalacións eléctricas

Se vos pareceron caóticos os cableados que atopastes ao facerdes os traballos de instalacións eléctricas nas vosas vivendas, mirade estas imaxes e imaxinade que o voso traballo fose o mantemento destas instalacións.

cableado2 cableado3 

(Imaxes obtidas das galerías de darkroastedblend.com)

Comunicación e redes

Nas instalacións de comunicación tamén debemos ter ben ordenados e etiquetados os cables para poder facer algunha substitución, reparación ou engadir un novo rack. Observade a diferenza entre usar sempre a mesma cor e respectar un código de cores que axuda a identificar os cables.
Na primeira imaxe os cables están ben ordenados e identificados. Imaxinades a ese técnico de sistemas traballando nas instalacións que aparecen a continuación? Para volverse tolo!

rede01rede04

rede02 rede03

(Imaxes obtidas das galerías de darkroastedblend.com)

Recomendacións:

Poderiamos poñer máis exemplos doutros tipos de instalacións e montaxes, pero penso que estes exemplos chegan, aínda que sexan moi esaxerados.

En conclusión, sempre que fagades algo, pensade:

  • Se non funciona, é doado revisar o programa, montaxe ou instalación para identificar o fallo?
  • Despois de pasado un mes ou máis de facer o programa, montaxe ou instalación, serías quen de entendelo facilmente?
  • Outra persoa entendería facilmente o que fixestes?
  • Se un problema se pode resolver de varias formas, a máis simple sempre é a mellor. Se podes conectar algo con dous cables, non uses catro, ou cinco, ou seis… Se podes conseguir algo con 4 liñas de código non uses 40.

O menos importante de todo é a nota que vos vai poñer a profe, aínda que tamén conta. Se desde o inicio vos ides acostumando a traballar de forma limpa e ordenada despois todo será moito máis fácil.…

Sintetizador con Luz: LDR Synth

Velaquí un sinxelo proxecto para 4º de ESO:  Light2Sound LDR Synth

slinthtargif3_500px_wrep dsc00442

É unha especie de theremin de luz. Aquí podes escoitalo:

Utiliza un temporizador 555 en funcionamento astable (intermitente) e unha LDR, resistencia que varía en función da luz incidente. Ao achegar ou afastar a LDR ao LED de alta luminosidade dentro do tubo, cambia a resistencia da LDR facendo cambiar a frecuencia das pulsacións á saída, e producindo un son máis agudo ou máis grave no altofalante.

555ss_schematic

Aquí tedes toda a información. Animádesvos a montalo?

 …

Soundmachines

Este interesante instrumento de música electrónica pode servir de idea para un proxecto de tecnoloxía.

[Soundmachines from The Product on Vimeo.] (Visto en TheProduct)

Habería que construír uns discos xiratorios e instalar uns sensores de luz ou de cor. O sinal recibido polos sensores enviaríase a unha controladora arduino ou lego e mediante un programa asignaríanoslle un son a cada valor de entrada, producindo música electrónica. Para un mellor resultado habería que pedirlle prestado o amplificador ao profe de música :-)

Aí queda como idea!…

Robots Camiñantes

Chámanos robots, pero en realidade son divertidos autómatas mecánicos. Este en forma de boneco que anda con dúas patas grazas ao sistema biela-manivela e a unha transmisión por engrenaxes semella moi fácil de construír, e véxoo ideal como proxecto para 2º de ESO, no tema de mecanismos.

[youtube: Robot Caminante en 2 patas (Fácil de hacer) walking robot] (Visto no scoop.it de Gumersindo Fernández)

O modelo é obra de “El Profe García”, que ten na súa canle de youtube unha chea de vídeos con ideas interesantes para utilizar en clase de tecnoloxía. Entre elas atopei outros bechos que camiñan, como o mecanismo do Robot araña, ou robot hexápodo, tamén moi doado de construír:

[youtube: Robot Araña o Hexapodo ( como se hace)]

Outro mecanismo interesante é o Robot verme, que utiliza tamén o sistema biela-manivela:

[youtube: Robot Gusano (Como se hace)]

É cousa de remexer un pouco máis en youtube para atopar outros modelos para construír no taller, e enchelo ata arriba de bicharía. …