tecnoloxia.org

Tecnoloxía na Educación Secundaria

Novos recursos: Arduíno, impresión 3D e App Inventor

Na sección de contidos desta web tendes novos recursos elaborados durante unha licenza de formación da Consellería de Educación durante o primeiro trimestre deste curso.

keypad_fritzingArduíno

Ábrese unha nova sección de control e robótica. De momento o material dispoñible nela é sobre Arduíno e inclúe prácticas e proxectos de diversos niveis de dificultade, con propostas de mellora e ampliación.

Está baseado na experiencia destes anos con Arduíno no IES Primeiro de Marzo de Baiona. As primeiras prácticas son utilizadas para aprender a programar, e despois, para os proxectos que se vaian realizar, inclúese información con exemplos e prácticas para consultar e adaptar segundo as necesidades.

Co tempo irei ampliando esta sección con novos proxectos que vaiamos facendo na aula e sobre outro material de robótica.

Impresión 3D

varrido-solido-e1480525894948A sección de Impresión 3D foi realizada por Alicia Pérez, do IES María Soliño (Cangas).

Inclúe información sobre como configurar a impresora 3D mediante o programa Cura e diversas prácticas de deseño CAD 3D co programa Onshape, CAD online moi recomendable para traballar na educación secundaria.

App Inventor

paris-205x300Unha aplicación moi interesante para aprender a programar na materia de TIC é App Inventor. Pódense facer miles de cousas conectando bloques para sacar proveito dos dispositivos Android.

Nesta sección realizada tamén por Alicia podes ver exemplos variados e propostas de ampliación.

 

Agardamos que vos resulten de utilidade!

 

 …

Open Source Hardware na OSHWDem

Este sábado 5 de novembro hai unha nova cita para as amantes de electrónica, a robótica e o Open Hardware en xeral: OSHWDem (Open Source HardWare Demonstration), unha feira con filosofía BarCamp sobre tecnoloxías libres organizada por BricoLabs e que se celebrará museo Domus de A Coruña.

oshwdem2016

Haberá unha exposición con máis de 30 proxectos libres confirmados, múltiples competicións de robótica e interesantes obradoiros do máis variado (Impresión 3D, electrónica, programación, etc.)

Tes máis información na web de OSHWDem.…

Semáforo

Cando á hora de facer un proxecto nos centramos na programación e no circuíto electrónico, por falta de tempo soemos deixar de lado os bos acabados na construción dos prototipos, pois o importante é deixar as cousas funcionando e non que sexan máis bonitas ou feas. Madeiras cortadas de calquera xeito, cables por fóra, liñas tortas, … pero é que hai un prazo que cumprir e o tempo non dá para máis.

Un exemplo témolo no típico proxecto do cruce con semáforos. Aquí tendes unha foto dun semáforo “artesanal”. Funciona ben, e para presentalo na clase é máis que suficiente.

semaforoa semaforo5a

Pero se queremos facer algo máis xeitoso unha impresora 3D pode ser de moita axuda para estas tarefas. Aforra traballo, evitamos que os cables queden por fóra e se desconecten e mola máis :-)

semaforo4a semaforo2a  semaforo7a

Se tendes unha conta en Onshape podedes copiar este deseño para modificalo e adaptalo a outros proxectos, ou tamén para descargar os ficheiros en formato STL, tamén dispoñibles en thingiverse. Consta de 6 pezas, e está preparado para que non haxa que pegar nada, xa que as pezas encaixan unhas con outras facendo presión.

Agardo que vos sexa útil.…

Luvas tradutoras da linguaxe de signos

SignAloudUn dos problemas das persoas xordomudas é que a maioría da poboación descoñece a linguaxe de signos, o que dificulta moito a comunicación fóra do ámbito no que se moven. Unha magnífica solución vén da man duns estudantes da Universidade de Washington: Deseñaron unhas luvas capaces de traducir os movementos das mans en palabras emitidas a través dun altofalante.

A súa invención, SignAloud, consiste nun par de luvas equipadas con sensores e unha controladora que se encargan de rexistrar datos de posición e movemento das mans. Estes datos son enviados vía Bluetooth a un ordenador central, que busca a relación entre eses datos e un xesto concreto. No caso de atopar coincidencia, emite a través dun altofalante a palabra ou frase asociada.

Aquí tendes un vídeo onde se ve como funciona:
[youtube: SignAloud: Gloves that translate sign language to voice]

Non é a primeira vez que se desenvolven unhas luvas coa mesma finalidade. Hai tempo que se está investigando en diferentes prototipos, non exentos de problemas coma o peso, escasa ergonomía, problemas na asociación dos xestos cos rexistros de datos, adaptación aos diferentes idiomas, etc. A misión é facer un dispositivo lixeiro e ergonómico que se poida utilizar de forma cotiá, como poden ser os lentes de contacto ou os audiófonos, facilitando a vida das persoas e eliminando barreiras de comunicación.

Unha estupenda idea! Agardaremos velo dentro de pouco como algo habitual entre as persoas xordomudas.

E se queredes saber como se traduce unha palabra ou frase en castelán á linguaxe de signos, tamén temos ferramentas en liña que nos facilitan a tarefa, coma por exemplo Signslator. Non está de máis aprender algunhas palabras.…

TecnoBaiona na Competición de robots da UVigo

Parabéns aos equipos de Tecnoloxía do IES Primeiro de Marzo de Baiona que participaron na II Competición de robots da Escola de Enxeñería Industrial da Universidade de Vigo. Un gran traballo!


(Imaxe de GCiencia)

En total participaron 157 equipos de toda Galicia, con cerca de 900 alumnos e alumnas. O noso centro levou tres equipos de 1º de Bacharelato (Tecnoloxía Industrial I) e 2 equipos de 4º da ESO (Tecnoloxía PDC).

Dos equipos de 1º de Bacharelato, o robot Jägger acadou o segundo posto, e iso que remataron a carrocería o mesmo día da competición, antes de saír. O equipo Erfundertuxx fíxoo tamén moi ben, chegou á final con moi boa puntuación e quedou finalmente nun cuarto posto. O equipo Uneuntres non chegou á final, pero fixo moi ben a proba do segue liñas.

jagger erfundertuxx uneuntres

Dos equipos de 4º da ESO, o robot Baioia acadou o 4º posto. Un golpe de mala sorte fixo que saíse da pista de sumo e non acadase premio, pero fixo un  fantástico traballo. O robot Chispi non se clasificou para a final, a pesar de ser o máis rápido na proba da liña nas dúas quendas, con boa diferenza respecto aos robots contrincantes.

baioia chispi

Parabéns a todos!

Un vídeo da competición:

[youtube:Combate de robots en la Universidad de Vigo]

Aquí tedes varias novas que falan da competición:

 …


1 2 3 25