tecnoloxia.org

Tecnoloxía na Educación Secundaria

Oitavos en robocampeones!

Este venres oito alumnos e alumnas de Baiona asistiron ó campionato de robótica “robocampeones“, en Madrid.

Dous dos equipos que levamos quedaron empatados coa mesma puntuación na proba de rescate, e quedaron no oitavo posto dun total de 32 equipos participantes. Non está nada mal para ser o primeiro ano que nos metemos nisto, pero podería ter saído mellor se non tiveran tantos problemas coa calibración.

Quero felicitar a estes rapaces e rapazas polo seu traballo, esforzo e dedicación. Así dá gusto.

Tamén quero felicitar á organización e animar ao profesorado a que participe co alumnado neste tipo de eventos, pois paréceme unha experiencia fantástica.

Déixovos a foto dun dos robots que participaron, o primeiro robot galego en “robocampeones”:

robot Lego

Nova sección de control e robótica

robot LEGOAbrín hai pouco unha nova sección de control e robótica, á que podedes acceder dende o panel lateral esquerdo. Aínda está incompleta, pero irei ampliándoa pouco a pouco cando vaia atopando tempo, e centrareime en principio nos contidos de robótica con LEGO, en consonancia co material do que dispoñemos para traballar esta parte do currículo.

Tamén podedes ver unha nova ligazón: Robot-Ingenio. É un blogue no que participamos os catro institutos que estamos no proxecto de robótica que empezamos a poñer a andar este curso. De momento aínda estamos subindo as fotografías e vídeos de presentación, pero iremos subindo proximamente outra información sobre como van transcorrendo as probas.

Mañá nas VIII Xornadas de Tecnoloxía de Galicia impartirei o obradoiro “Robots en acción”, así que se alguén desexa probar a programación de robots LEGO pode apuntarse (máximo 12)…

LEGO Digital Designer

Se botas de menos os robots LEGO Mindstorms estas vacacións podes descargar o software LEGO Digital Designer. Permíteche construír os teus propios modelos.

Lego digital designer

Pensade o que necesita o noso robot para superar a proba de rescate de robocampeones ( seguir unha liña negra no chan, detectar vítimas de cores, detectar e sortear obstáculos na liña, detectar o paso dunha habitación a outra, … ) e deseñade un robot cos sensores axeitados na posición correcta. A volta das vacacións probamos os robots e seguimos programándoos.

Pasádeo ben!…

Robot-cepillo

Toothbrush Bot é un simpático robot-cepillo que podes fabricar con materiais de refugallo: o motor dun móbil (un motorciño cunha excéntrica no eixe que se utiliza para o vibrador), unha pila de botón, un interruptor pequeno (recíclao dun xoguete vello) e un cepillo de dentes ó que lle tes que cortar o mango.

robot-cepillo

Solda os compoñentes formando un circuíto simple e pégaos ó cepillo utilizando cola termofusible. Obterás un simpático vibrobot que se move pola mesa.

Aquí tes un vídeo do funcionamento:

Fonte: evilmadscientist

Citroën

A visita a PSA-Peugeot-Citroën en Vigo é obrigada. Na web oficial teñen animacións flash moi interesantes, entre elas unha sobre o proceso de fabricación na que podes ver cada un dos procesos, dende as bobinas de chapa galvanizada ata a entrega do vehículo rematado. Clica na imaxe para ver a animación flash.
proceso de fabricación

Tamén podes ver uns vídeos da fabricación.

Na mesma web ensínanos como funcionan algúns dos elementos do automóbil ou da fabricación, como os airbags, a suspensión, a climatización, etc. Podes ver aquí tódalas animacións.
Por suposto non podían faltar os robots industriais utilizados na fábrica. Clica na imaxe para ver a animación:
robot

A tecnoloxía neste caso non se utiliza unicamente no deseño e fabricación do produto, senón tamén na súa comercialización en la elaboración da publicidade. Non teñen desperdicio os anuncios de robots utilizados por esta marca, e tampouco outros vídeos sobre coches, como o famoso de efectos encadenados de Honda. Dádevos unha volta por youtube.

[lista de reprodución en youtube: coches (5 vídeos)]