Boias recollendo datos do mar

AGuarda2Estamos en plena alerta laranxa. En meteogalicia avisan de fortes ventos e ondas de ata 8m de alto na costa.

Coñecer as condicións do mar é posible grazas á existencia dunha rede de boias océano-meteorolóxicas e de ondas, que ofrecen unha información moi útil para institutos meteorolóxicos, autoridades portuarias e marítimas, observatorios oceánicos, piscifactorías, instalacións de enerxía undimotriz ou maremotriz, … e para artistas!

Tele-Present Water

O artista David Bowen, na súa instalación Tele-Present Water, utilizou os datos recollidos por unha estación de boia situada no Pacífico extraendo información sobre a intensidade e a frecuencia do movemento da auga. A intensidade da onda e a frecuencia escálanse e transfírense a unha estrutura mecánica, que simula o movemento da superficie da auga na posición na que se atopa a boia.

[tele-present water from david bowen on Vimeo.]

David Bowen ten outros magníficos traballos tecnoartísticos. Podes velos na súa web.

Como funcionan?

A boias océano-meteorolóxicas dispoñen de multitude de sensores para recoller datos de temperatura, salinidade, radiación solar, condutividade, velocidade e dirección do vento, etc. Os datos son enviados a un satélite que, a súa vez, envía os datos a unha central de procesamento.

As boias de ondas encárganse de medir a altura das ondas e a súa dirección. Consta de acelerómetros, xiroscopios e un compás, aliméntanse a través de células solares e baterías recargables e constan dunha unidade de control e de comunicación que se encarga do procesamento e do envío de datos.

Gráfico dunha boia océano-meteorolóxica:

A boias galegas

Aquí tendes imaxes de boias que recollen datos na nosa costa: Cabo Silleiro, Langosteira, Ribeira e Sálvora

BoiaCaboSilleiro2 BoiaOndasLangosteira BoiaRibeira BoiaOndasSalvora

Podemos consultar en meteogalicia os datos que nos envía, por exemplo, a boia de Ribeira ou a boia de A Guarda

Este é un gráfico dos datos do vento recollidos hai dous días pola boia de A Guarda:

AGuardaVento

A boia de Cabo Silleiro rexistrou en 2014 un máximo de 11,5m de altura de onda. Aquí tedes un gráfico cos datos recollidos por esta boia:

SILLEIRO_pontevedra

Sensores

Para medir as ondas necesitamos acelerómetros, xiroscopios e un compás. Que función ten cada un na boia? Como funciona un anemómetro? Que tipo de sensor de temperatura utilizan as boias? Sería posible unha boa predición meteorolóxica e do estado do mar sen a existencia de sensores, sistemas de procesamento de datos e de comunicación?

… comezamos co tema de sensores en Tecnoloxía Industrial II.


As esculturas cinéticas de Jennifer Townley

Imos rematar a semana con algo de tecnoarte, a través das esculturas cinéticas de Jennifer Townley, unha artista holandesa que crea interesantes máquinas que xeran repetitivas e cambiantes formas, producindo unha sensación hipnótica.

Asinas – 2015

[Asinas – Jennifer Townley – 2015 from Jennifer Townley on Vimeo.]

Neste vídeo podes ver unha animación con SolidWorks na que se observan os mecanismos que integran a máquina e o seu funcionamento:

[youtube:Jennifer Townley – SolidWorks Mechanical Sculpture]

Bussola – 2014

[Bussola – Jennifer Townley – 2014 from Jennifer Townley on Vimeo.]

Alhambra – 2010

[Alhambra – Jennifer Townley – 2010 from Jennifer Townley on Vimeo.]

Lift – 2009

[Lift – Jennifer Townley – 2009 from Jennifer Townley on Vimeo]

Na web de Jennifer Townley podes ver outros dos seus interesantes traballos.


Cortinas de auga

Randearse nun parque pode resultar máis emocionante se o facemos a través dunha cortina de auga como a do vídeo. Está todo calculado para que non haxa auga no momento en que pases pola vertical.

[youtube:Waterfall Swing – World Maker Faire]

modulos-de-distribucion-de-agua_cortina-de-agua-digital
Imaxe: Safe-Rain

Para crear o muro de auga, esta é bombeada ata a parte superior da estrutura, onde hai unha canle distribuidora na que se sitúan unha serie de electoválvulas, que abrirán ou pecharán o paso da auga ao exterior segundo as ordes eléctricas que reciba dun controlador. Neste caso, uns sensores montados no bambán recollen información sobre o ángulo e a velocidade de cada balanceo e envíana ao controlador que, mediante software, calcula cando se deben abrir e pechar as electroválvulas para que se cree un burato na parede de auga no momento preciso.

Mediante este sistema poden crearse cortinas de auga con letras, gráficos, animacións, efectos luminosos, etc.

Un exemplo podémolo ver neste vídeo, no que se mostra unha fonte na estación de Osaka (Xapón) que, aparte de funcionar coma reloxo indicándonos a hora, entretén a xente con todo tipo de figuras e animacións feitas con auga.

[youtube:Waterfall Graphic Print (Osaka Station City) 1]

Na web de Safe-Rain explican como se fan este tipo de cortinas de auga dixital ou as fontes danzantes que atopamos nas prazas de moitas cidades.

Hai anos fixéramos en 4º unha fonte intermitente utilizando unha bomba de auga controlada por un 555. Cunha placa arduino sería máis fácil de programar, e poderíanse crear efectos curiosos. Queda no aire coma idea para un proxecto de control e robótica.