Danza contemporánea con robots de Blanca Li

Non é a primeira vez que vemos robots actuando en espectáculos de danza e teatro, e tampouco será a última. A comunicación humano-máquina é un tema que dá para moito, e parece que a coreógrafa Blanca Li sabe aproveitalo ben introducindo instrumentos musicais robóticos de Maywa Denki e varios robots NAO de Aldebaran Robotics no seu espectáculo de danza contemporánea.

Encantaríame velo!

[Robot! (extraits) Compagnie Blanca Li from Blanca Li on Vimeo]

Visto no telexornal da TVE:
[TVE: La coreógrafa Blanca Li crea una orquesta donde los músicos son máquinas y los bailarines robots]


Onde vai ese avión?

Seguramente máis dunha vez que viches un avión no ceo preguntácheste cara a onde vai ou imaxinaches ir dentro rumbo a un país exótico. A partir de agora xa non vas ter que soñar, pois vas ter diante esa información. Velaquí un exemplo de como a publicidade aprovéitase da tecnoloxía para chegar mellor ao público.

Estes paneis publicitarios dixitais de British Airways instalados en Londres mostran a un neno levantarse e sinalar a cada avión que pasa polo ceo e, de seguido, indican o número de voo e o destino. A campaña utiliza tecnoloxía de vixilancia para rastrear os voos.

[youtube: British Airways – #lookup in Piccadilly Circus ]

Que máis cousas se poderían sinalar nun panel ou no teu smartphone en tempo real? Moitas máis das que imaxinas.

(Vía: fastcocreate.com)


Low-Tech Factory. Repensando a fabricación.

Teño que recoñecer que sinto unha especial debilidade polas máquinas absurdas e improdutivas que teñen como única finalidade a intervención artística e invitar á reflexión.

Grazas a designboom.com descubrín o traballo do grupo “Low-Tech Factory” formado por estudantes de Deseño Industrial de ECAL/University of Art and Design Lausanne.

Mediante unha serie de máquinas reinterpretan e exploran os procesos de fabricación de diversos produtos, experimentando técnicas de moldeado, termoconformado ou punto para a fabricación de gorros, bolsos, lámpadas, … e incluso flocos de millo. Non son máquinas produtivas que sirvan para instalarse en grandes fábricas, desde logo, a idea é recrear e valorar o proceso polo que se crea un produto, retardar o proceso de fabricación para que se converta nun espectáculo que poda ser apreciado e recoñecido.

Unha das obras é a máquina de flocos de millo, que produce unha única “palomita” cada vez. Un proceso que xeralmente se produce en masa é illado para que se converta nun espectáculo, producindo unha satisfacción visual e gastronómica.

[ECAL Low-Tech Factory/Oncle Sam from ECAL on Vimeo.]

Outro curioso traballo é a randeeira-tecedeira. Ao balancearse móvense unha serie de engrenaxes que poñen o equipo de tecer a funcionar, e pouco a pouco vai facéndose un gorro de la.

[ECAL Low-Tech Factory/Rocking-Knit from ECAL on Vimeo.]

Se che interesa a arte da fabricación improdutiva, neste vídeo podedes ver outros traballos de ECAL Low-Tech Factory:

[ECAL Low-Tech Factory from ECAL on Vimeo.]


Vigo prescinde de ArtFutura2012

Todos os anos por estas datas anuncio neste blogue un dos eventos máis interesantes que dan a coñecer o panorama internacional da creación dixital, acompañado sempre de atinadas reflexións sobre os cambios que se producen na sociedade ante a evolución e extensión do mundo dixital: ArtFutura.

Durante os últimos 9 anos podiamos asistir ao programa audiovisual no Museo de Arte Contemporánea de Vigo, pero este ano a dirección do Marco “non considera prioritario” incluír Vigo no conxunto de cidades que mostran estas producións, segundo di La Voz de Galicia. Podería entendelo se os motivos fosen a crise e a falta de orzamento, pero desbotalo desta maneira paréceme un erro.

De tódolos xeitos, non imos perdernos a reflexión do festival deste ano: “A nosa cultura é dixital

A maneira na que vivimos, traballamos, comunicamos e creamos a nosa imaxe do mundo depende cada vez máis das ferramentas dixitais que empregamos a diario. A tecnoloxía volveuse invisible e integrouse de forma natural na nosa paisaxe cotiá, e hoxe en día non cabe xa falar dunha cultura dixital independente do resto, senón que podemos afirmar que a nosa cultura é dixital. O uso cotián dos recursos dixitais crea novos costumes, novas necesidades que á súa vez reclaman a creación de novos dispositivos e aplicacións, de tal maneira que a tecnoloxía se converte nun produto da cultura dixital, e non á inversa.

Afirmar que a nosa cultura é dixital, no entanto, expón numerosas dúbidas e preocupacións. Que define a nosa cultura nunha era globalizada e hiperconectada? A cultura dixital nega a cultura tradicional? Estamos ante unha nova colonización?

O festival ArtFutura 2012 propón, baixo o título A nosa cultura é dixital, unha análise da nosa relación actual coas tecnoloxías dixitais, tanto a nivel global como individual, por medio das achegas dun panel de expertos e as obras dalgúns dos creadores máis destacados da arte dixital.

[ArtFutura 2012 – Clip HD from ArtFutura on Vimeo.]

Unha das seccións está adicada aos catro curtos “Everything is a Remix” do director Kirby Ferguson, que defende que todo é unha mestura: No mundo da literatura, a música, o cine e a tecnoloxía tómanse prestadas ideas doutras persoas e fontes, recíclanse e convértense en novos materiais, e as leis de dereitos de autor ameazan con pór freo a unha parte esencial do proceso creativo.

 

Coma todos os anos, o festival inclúe as seccións “3D Futura Show” que mostra as mellores pezas de animación dixital e “FuturaGraphics” coas creacións que circulan pola rede, mais este ano dedican unha sección especial aos timelapses baixo o título “Just Lapsing Time”, unha selección dos gañadores dos recentes premios “Vimeo Awards“, ou documentais que mostran o traballo dos artistas Theo Jansen e Moebius.

[Malcolm Sutherland- Umbra from Pascal Blais Animation Studio on Vimeo.]

 

Toda a información en ArtFutura212

Eu agardo que o ano que vén Vigo volva subir ao tren da cultura dixital. Verémolo?