tecnoloxia.org

Tecnoloxía na Educación Secundaria

A traxedia electrónica

la tragedia electronicaCosima Dannoritzer, autora do documental “Mercar, tirar, mercar” que desvela como a industria se esforza en limitar conscientemente a vida útil dos produtos ao servizo da economía, ten outro interesante traballo: “A traxedia electrónica“, sobre o negocio mundial existente ao redor dos residuos electrónicos, a súa reciclaxe ilegal e o tráfico desde Europa e EEUU ata os vertedoiros de Ghana e China, que destrúe o medio ambiente e pon en risco a vida de milleiros de persoas en África e Asia.

Cada vez que nos desfacemos un produto electrónico cómpre ser consciente da vida que vai ter despois. Que podemos facer para pór remedio a isto?

[youtube: La tragedia electrónica, Documentos TV]

Pixel: Danza e mapping

Imos dar a benvida á segunda avaliación deste curso cun pouco de tecnoarte:

Pixel” é un impresionante espectáculo de danza contemporánea nun escenario creado mediante técnicas de proxección dixital en 3D (mapping). Aquí tedes un vídeo que recolle varios momentos da obra:

[Pixel – extraits from Adrien M / Claire B on Vimeo.]

pixel3

(Visto en culturainquieta.com)

UCLA Ordenador mecánico de 1948

Tan afeitos estamos hoxe en día aos dispositivos electrónicos que facilmente nos esquecemos de que hai unhas poucas décadas atrás a electrónica apenas estaba desenvolvida e os cálculos realizábanse de forma mecánica. Un exemplo témolo no analizador diferencial UCLA, de 1948.

Daquela presentábase coma un cerebro mecánico capaz de resolver rapidamente problemas matemáticos, con innumerables aplicacións, por exemplo, na enxeñaría ou no deseño industrial, augurando un futuro cheo de computadoras mecánicas facendo de todo.

[UCLA’s 1948 Mechanical Computer from Gizmodo on Vimeo.]

Pasaron os anos e esta tecnoloxía quedou completamente desbotada. A electrónica desprazou definitivamente a computación mecánica, e estas máquinas quedaron como fantásticas pezas de museo ocupando un imprescindible chanzo da historia da tecnoloxía.…

Erro 0036. Unha reflexión sobre a dependencia tecnolóxica.

Madrid, 2057. A tecnoloxía proporciona ao ser humano unha vida chea de comodidades e… sen erros? Jorge Arellano, un tipo corrente, verase acurralado na súa propia casa polos mesmos dispositivos que garanten a súa seguridade. Como reaccionará un home afeito a que sexan as máquinas as que lle solucionan todos os seus problemas?

[youtube: ERROR 0036]

A historia é divertida e tamén mellorable, pero cumpre coa súa función: chamar a atención sobre a dependencia cada vez maior que temos da tecnoloxía para case todas as cousas que facemos na vida diaria.

Déixovos a vós as reflexións, e eu só quero resaltar unha cousa: Os erros técnicos son sempre erros humanos. No deseño de calquera dispositivo ou sistema sempre hai que considerar o maior número de variables e casos posible, e ofrecer solucións ante posibles incidencias. Se a pila da chave do coche se gasta, sempre estará a chave clásica que permite abrilo. Deseñar un sistema de apertura e peche 100% electrónico, inseguro e sen alternativa trátase unha decisión humana, e non dun erro técnico.

Canto maior é a dependencia da tecnoloxía para realizar tarefas da vida cotiá, mellor debe ser o deseño dos sistemas, especialmente en relación á súa seguridade no funcionamento.…

Na Casa. Unha breve historia da vida privada.

Libro: En Casa. Unha breve historia da vida privada. Bill Bryson. Editorial RBA. En castelán.

“A Bill Bryson ocorréuselle un día a idea de que adicamos moito máis tempo a estudar as batallas e as guerras da historia que a reflexionar sobre aquilo do que está feita a historia: séculos de xente desenvolvendo con discreción a súas tarefas cotiás, comendo, durmindo e tratando de vivir con máis comodidades, e que a maior parte dos principais descubrimentos da humanidade atópanse na mesma estrutura das casas que habitamos”.

Vale, supoño que moitos de nós teremos feita esta acertada reflexión, pero cando quen a fai é un escritor e divulgador de éxito internacional, autor dun dos bestsellers científicos máis merecidos das últimas décadas, Unha breve historia de case todo (Ed. RBA), o resultado é un ensaio de 600 páxinas que se deixa ler na súa maior parte con unha axilidade e intriga propia das novelas.

En casa é un percorrido por unha inxente cantidade de innovacións presentes nas nosas vidas cotiás: arquitectura, electricidade, cociña, medicina, etc… seguindo o esquema de narrar cronoloxicamente o desenvolvemento dun invento ou proceso presente nunha habitación da mansión actual do autor, mansión cuxo plano serve de índice-guía do libro. Por exemplo, no capítulo da cociña, relata como e cando empezou a utilizarse o xeo coma conservante moitas décadas antes dos frigoríficos actuais. A proposta investigadora e divulgativa do autor enmárcase nunha rama historiográfica recente que pode denominarse Historia da vida cotiá ou da vida privada.

Dado o inabarcable propósito do libro, o autor decide restrinxirse a estudar un período de tempo moi concreto, a partir do século XVIII en adiante, e en especial a partir de mediados do século XIX. Por suposto este período de tempo ten de particular o inxente número de innovacións, cambiando máis as vivendas e a sociedade nos últimos 150 anos ca nos 2000 anteriores.

Así mesmo, e por citar un dos poucos peros que se lle poden por ao libro, está todo moi centrado en Inglaterra: o desenvolvemento das típicas mansións inglesas, da campiña inglesa, da sociedade inglesa, do vocabulario doméstico en inglés,… Aínda que era normal que o autor escollese esta autolimitación, para os foráneos pode quedar un tanto aburrido.

En definitiva, pode non ser un libro tan tan redondo coma o de Unha breve historia de case todo pero o seu tema o converte nunha obra a ter en conta por calquera interesado na tecnoloxía e a súa historia.

 

Posible uso do libro na área de tecnoloxía:

Penso que o libro podería figurar na biblioteca de calquera profesor ou profesora de Tecnoloxía, en especial calquera que teña interese en facer traballos interdisciplinarios.

Unha vez lido o libro é factible consultalo a modo de enciclopedia para utilizar a información do desenvolvemento dunha innovación determinada. Por exemplo, para realizar unha proposta de traballo do análise e estudo da evolución dun obxecto cotiá, que pode complementarse coa visita á exposición Deseño de Sistemas. Escola de Ulm na sede de Vigo da Fundación Barrié (ata o 14 de Outubro). Nesta exposición, breve e sinxela, pero de alto interese para os interesados no deseño, hai varios exemplos de tecnoloxía cotiá (xoguetes, mobles, electrodomésticos,…) que no seu momento foron innovacións revolucionarias.…


1 2 3 9