tecnoloxia.org

Tecnoloxía na Educación Secundaria

Museo dos obxectos obsoletos

Curiosa canle de youtube que descubrín grazas a @iulium18:
The Museum Of Obsolete Objects.

Pertence á empresa de deseño alemá Jung von Matt, e presenta unha serie de obxectos xa en desuso dos que podemos ver o ano de creación, o ano en que se deixou de usar e un vídeo no que se mostra o seu funcionamento.
Se queremos, podemos propoñer a inclusión doutros obxectos deixando unha suxestión nos comentarios.

Incluso atrévense a prognosticar o ano da morte dalgún obxecto que aínda usamos, como o rato de ordenador: morrerá, segundo eles, no 2015!

Atrevédesvos a por a data de morte dos obxectos que máis usades hoxe en día? Que haberá no seu lugar?…

Documentais nucleares

O programa “A noite temática” emitiu recentemente dous interesantes documentais relacionados coas centrais nucleares:

O pesadelo dos residuos nucleares

O documental presenta os resultados dunha investigación sobre a xestión de residuos nucleares en EE.UU., Rusia, Alemaña e Francia, e saca á luz o segredo e descontrol que rodea o tratamento destes residuos. (1h 33 min)


[youtube: lista de reprodución La pesadilla de los residuos nucleares]

A batalla de Chernóbil

O 26 de abril de 1986 unha proba de seguridade na central nuclear de Chernóbil provocou a maior catástrofe nuclear da historia.(1h 17 min)


[youtube: lista de reprodución La batalla de Chernóbil]

Actualización 16 de maio de 2011:
Outro documental sobre residuos nucleares que paga a pena ver: Into Eternity

[youtube: lista de reprodución Into Eternity]

Obsolescencia programada. Mercar-Tirar-Mercar

Nesta época de consumismo desmedido cómpre unha reflexión acerca da curta vida útil dos produtos que consumimos. Lámpadas que se funden, baterías que morren despois dun meses, impresoras que duran un número determinado de impresións, ordenadores e teléfonos que en pouco tempo nos parecen anticuados, electrodomésticos que non teñen parafusos para poder abrilos e reparalos, … Como é posible que os produtos duren cada vez menos ou que non sexa posible arranxalos?

A clave témola neste documental que me pasou Reyes Montero: Obsolescencia programada, ou como a industria se esforza en limitar conscientemente a vida útil dos produtos ao servizo da economía.

[Fabricados para no durar (Comprar, tirar, comprar) from ATTAC.TV on Vimeo.] [RTVE: Comprar, tirar, comprar]

Non é a primeira vez que tocamos aquí este tema. Aquí tedes algúns artigos máis:

Antes e agora: Como cambiaron esas cousas que nos rodean

Antes e Agora é un dos traballos que fixo este curso o alumnado de 4º de ESO.

antesagora.jpg

O obxectivo fundamental foi investigar sobre a evolución tecnolóxica que sufriron esas cousas que nos rodean e que usamos día a día e reflexionar sobre a importancia de tecnoloxía na mellora da nosa vida, facéndoa cada vez máis cómoda.

Dedicámoslle moi pouco tempo á realización deste traballo (2 horas de clase e algo de traballo na casa), pero maila iso creo que o resultado non está mal, pois foron moitos alumnos e alumnas os que incorporaron fotografías e vídeos propios de cousas que teñen na casa vendo a evolución do que teñen máis preto.

Por exemplo, podemos ver como se elaboraba o pan, antigamente a man e agora con maquinaria industrial, con fotos e vídeos caseiros. Tamén a evolución dos ferros de pasar, das cociñas, das aspiradoras, … e incluso dos váteres.

Observaron tamén que todos estes trebellos electrónicos coma os teléfonos móbiles, consolas, monitores ou os dispositivos de almacenamento de información aos que tan acostumados están non teñen tantos anos, ou descubriron que as calculadoras non foron sempre electrónicas como as que temos agora, ou que antes había que pinchar unha agulla para poder escoitar música.

Non faltou ao final unha reflexión moi imaxinativa sobre como seguirán evolucionando estas cousas nun futuro, pero quedou isto sen incorporarse ao traballo. Mágoa non telo engadido e volver dentro duns anos para ver se se cumpriron as predicións.