tecnoloxia.org

Tecnoloxía na Educación Secundaria

O avance das telecomunicacións

Imaxínate un mundo sen teléfono móbil, televisión ou internet. Hoxe en día para nós é case impensable, pero os nosos pais e avós viviron a súa infancia sen todo iso.

teléfono móbil Siemens C21 (1980)Que medios de comunicación existían cando o teu pai ou a túa nai tiñan a túa idade? Investiga o mesmo cos teus avós. Failles unha entrevista (Como se comunicaban cos familiares e amigos, como pasaban o tempo, como se informaban das novas, etc.) e amplía a información buscando en internet, resaltando os cambios habidos ata o día de hoxe.

Aquí van algunhas ligazóns útiles para o teu traballo de investigación:

Podes darte un paseo polo Museo Virtual das Telecomunicacións para coñecer o pasado, presente e futuro das telecomunicacións.

Outro sitio útil é o que nos ofrece a Fundación Telefónica. Alí podemos aprender cómo funcionan múltiples trebellos destinados á comunicación e a súa historia mediante animacións, experimentos e actividades diversas.

Na sección de ligazóns podes atopar máis información sobre as tecnoloxías da comunicación.…

Gravación e reprodución de música

musicaA tecnoloxía cambia as nosas vidas a unha velocidade vertixinosa. Un exemplo moi claro é a música.

Os da miña quinta coleccionabamos cintas de cassette e cando os cartos o permitían engadiamos un novo LP á colección. O rebobinado con boli bic e o “chis chis” do tocadiscos hai tempo que non forman parte das nosas vidas, pero a gravación e reprodución de música ten só 130 anos de historia.

fonógrafoO primeiro trebello que se inventou capaz de gravar e reproducir son foi o fonógrafo. Inventouno Thomas Alba Edison en 1877.

Utilizaba un sistema de gravación mecánica analóxica no cal as ondas sonoras transformábanse en vibracións mecánicas mediante un transductor acústico-mecánico. As vibracións moven unha agulla que labra un surco irregular nun cilindro de cartón recuberto de estaño, cuxo eixe está roscado para proporcionarlle un desprazamento lateral.

Para reproducir o son outra agulla segue os surcos marcados no cilindro e transmite esas vibracións ó diafragma dunha bocina, que as converte en ondas sonoras.
fonógrafo

Podes ver unha animación en www.ieee-virtual-museum.org e en “retrospectiva del sonido” podes atopar algo de historia sobre estas “máquinas parlantes”.

A cousa foi evolucionando a partir de aí: o gramófono, o tocadiscos, o cassette, o reproductor de CD, e agora os mp3. Que virá proximamente?

Propoño unha tarefa de procura de información en internet: investiga cómo funciona un calquera deses trebellos e elabora un traballo no que se explique cómo grava e reproduce son .…

Tecnoloxía do chapapote

truelbateeiroHoxe é o quinto aniversario do afundimento do Prestige. Moito dá que falar o tema, pero nunha web dedicada á tecnoloxía non debería deixar de facer referencia á cantidade de enxeños para loitar contra a marea negra que que saíron a luz naquelas datas. Multiplicábanse todo tipo de inventos para extraer o fuel do mar, limpar o residuo adherido ás rochas ou para darlle unha solución ao buque afundido. Unha verdadeira marea de creatividade anti-chapapote. Algúns foron inventos moi útiles e eficaces, outros non tanto, e outros chegaron tarde.

Dende os primeiros días os mariñeiros utilizaron para recoller do mar unha adaptación dos trueles de pesca, ao que lle soldaron unha rede metálica. As redeiras e mariscadoras, a falta de barreiras antifuel comerciais, fabricaron unhas propias. As de Baiona utilizaron poliespán, redes, e recheos de almofadas e as do Grove lonas e gomaespuma.chapapoteira

Outros inventos eran máis sofisticados. Unha empresa de Deza crea una bomba que retira 150 toneladas de fuel por hora, e unha “chapapoteira” foi elixida no Forum 2004 entre as cen mellores ideas do mundo.

Entre as ideas e proxectos de particulares houbo de todo: Cilindros metálicos, gaiolas, redes, bombas aspiradoras … internautas enviaban os seus deseños por se podían aportar o seu gran de area para loitar contra o fuel. Algúns eran proxectos de enxeñería, e moitos outros ocorrencias da xente carentes de rigor técnico, pero moi ben intencionadas. Nestas imaxes podes ver algúns dos bosquexos que circulaban pola rede:
antifuel

Outro dos retos foi o de solucionar as fugas de fuel do afundido Prestige. Que facemos co fuel somerxido? Ao final optouse por un sistema de lanzadeiras no que interveu o submarino Nautile, pero houbo máis ideas, como a de cubrir o buque con cemento hidráulico, ou bombear o fuel ata a superficie.

Esperemos que Nunca Máis teñamos a necesidade de utilizar calquera destes trebellos.…


1 7 8 9