tecnoloxia.org

Tecnoloxía na Educación Secundaria

Unha planta con blogue

Hai tempo falei dunha planta que postea en twitter. Chámase Pothos, e mediante un sensor de humidade, unha tarxeta arduino e unha conexión a internet, envía unha mensaxe a través de twitter para reclamar auga.

Pois non e a única planta que se comunica por internet. Nunha cafetería xaponesa teñen unha planta que recolle datos do seu entorno grazas a unha serie de sensores de humidade, temperatura, luz, presión sonora, etc. Estes datos envíanse a un ordenador que está programado para que os publique nun blogue.

pranta_blogue.jpg
(Fonte: www.soygik.com)

Esta outra planta consta dunha maceta con pernas robóticas e unha serie de sensores que detectan os niveis de luz da habitación. Cando o robot atopa o punto de maior luminosidade, actívase o mecanismo e a maceta comeza a camiñar nesa direción.

pranta_luz.gif

Podes ver máis fotografías na páxina do proxecto.…

Frecuencia e volume

Rafael Lozano-Hemmer é un artista que realiza obras de arte tecnolóxica. Realiza intervencións interactivas en espazos públicos utilizando robótica, proxeccións, son, conexións de internet e telefonía móbil, sensores e outros sistemas que se desenvolven pola presenza do público, interactuando cos corpos das persoas ou coas súas sombras.

Entre os seus proxectos atopamos “Frecuencia e volume”. Trátase dunha instalación interactiva que investiga o espazo radioeléctrico e converte ao corpo en antena, pois permite aos participantes sintonizar radiofrecuencias utilizando a sombra do seu corpo.

antenassombra

Un sistema de seguemento computarizado detecta as sombras dos participantes, que se proxectan nunha escala de entre 100 e 800 m2. As sombras escanean as ondas coa súa presenza e posición, e o seu tamaño controla o volume do sinal.
A peza permite a sintonización de calquera frecuencia desde os 150 kHz aos 1.5 GHz, incluíndo tráfico aéreo, FM, AM, onda curta, celular, CB, satélite, telefonía sen fíos e radionavegación. Pódense escoitar ata 16 canles simultáneas e a contorna sonora xerada é unha composición dirixida polos movementos da xente.

Podes ver máis proxectos de Rafael Lozano-Hemmer na súa web.

(Vía: www.alg-a.org)

NXT e Bluetooth

bluetooth.comEn Robótica Recreativa e Educativa infórmannos de que bluetooth.com convoca un concurso para montar un robot con Lego Mindstorms NXT que, utilizando a conexión bluetooth, se conecte con outro sispositivo coma un PC ou un teléfono móbil.

Unha vez construído e programado hai que sacarlle un vídeo que amose como utiliza as funcións bluethooth.

O mellor traballo gaña un kit de LEGO Mindstorms NXT e outros premios Bluetooth.

O prazo remata o 31 de outubro.…

O control do tráfico

Chega a ponte de agosto e multiplícase o movemento de xente dun lado a outro por terra, mar e aire, un movemento que non sería posible sen as actuais tecnoloxías da comunicación e uns complexos sistemas de control.

A cadea británica BBC axúdanos a que sexamos conscientes da magnitude deste tráfico. Recolleron información dos dispositivos GPS instalados en avións, barcos e transbordadores marítimos para xerar as seguintes imaxes do tráfico aéreo e naval. (vía: bloginventos.com)

Tráfico aéreo:

Segundo aena, “o principio básico do control aéreo é evitar que dúas aeronaves ocupen o mesmo lugar ao mesmo tempo”. Na páxina “Descubrir o control aéreo” da súa web explícannos como se realiza este control.

Tráfico naval:

Parece mentira que non haxa máis accidentes marítimos con este tráfico. Para que iso non ocorra os barcos contan cunha rede de axudas á navegación marítima, como a sinalización visual, por satélite, radar, VTS, etc. Podes obter máis información na web de Portos do Estado.

Tráfico rodado:
Tokyo Traffic Control Center

Para movernos por estrada tamén se poñen en marcha multitude de mecanismos de control. Detrás dos semáforos hai toda unha estrutura de comunicación e control que axuda, ou intenta axudar, a facer o tráfico máis fluído e seguro. A imaxe corresponde ao centro de control do tráfico de Tokio. Máis de 17.000 sensores proporcionan información sobre os máis de catro millóns de vehículos que hai na cidade.

Pero non se aplica o mesmo sistema de control de tráfico en todas partes. Mira este vídeo da cidade de Hanoi:

Non hai accidentes! Hai unha teoría: Xestión do tráfico sen regras, entre a aouto-organización e o deseño.

Tráfico de telefonía e internet:

Non todo o mundo pode irse de vacacións, así que non lle queda outra que viaxar polo mundo utilizando Google Earth. A cadea BBC tamén amósanos un vídeo no que pode verse o tráfico das redes de telefonía e das grandes canles de fibra óptica que transmiten a información de páxinas de internet.

Boa viaxe!…

Como facer que unha planta postee en Twitter

Cando temos plantas variadas nas nosas casas observamos como unhas requiren máis auga ca outras, e resulta complicado atinar coa cantidade xusta, polo menos cando a planta é nova e non a coñecemos. E se andamos coa cabeza noutro lado podemos esquecernos de regalas durante demasiado tempo.

Una solución é que sexan as propias plantas as que nos avisen cando necesitan auga, e pódeno facer chamándonos por teléfono ou escribindo un post en twitter, facendo que tamén as plantas se integren a esta rede social.

Membros do programa de Telecomunicacións Interactivas da Universidade de New York atoparon a maneira de facelo utilizando un sensor de humidade e unha controladora arduino.

Podes ver as instruccións en Botanicalls (www.botanicalls.com)

botanicalls.jpg

(fonte: www.alambre.info)

E, se queres, tamén podes seguir a “Pothos” en twitter