tecnoloxia.org

Tecnoloxía na Educación Secundaria

Cuestionarios de navegación

cuestionarioEn cada sección do panel lateral, accedendo á guía didáctica, podedes descargar en odt e pdf uns cuestionarios de navegación. A súa función é guiar ao alumnado na navegación de xeito que ten que ir contestando a diversas preguntas relacionadas cos contidos que aparecen en cada páxina a medida que as vai visitando.

Poden resultar uns cuestionarios excesivamente dirixidos. Eu prefiro facelo así nos niveis inferiores e, a medida que o alumnado vai adquirindo máis competencias na procura de información por Internet, utilizar outro tipo de actividades máis abertas, como as webquests. Por experiencia, cando indicamos ao alumnado que accedan a unha web só “a mirar o que hai”, e sen propoñerlles unha tarefa ou actividade concreta, vemos que se dedican a facer click-click-click-click-click-click-click coma tolos e en pouco tempo están perdidos ou “xa o viron todo”.

Podedes modificar os cuestionarios para adaptalos ás vosas clases. Agradézovos que me enviedes os vosos cuestionarios se é que difiren substancialmente dos que eu propoño, e tamén que me comentedes calquera cousa que os faga máis útiles e eficaces para a aprendizaxe dos contidos aquí expostos.…

Sección de Electrónica

chipEngadín unha nova sección de electrónica, á que podedes acceder dende o panel lateral esquerdo.

Está máis ou menos completa a parte de electrónica analóxica, e deixarei para máis adiante, cando teña máis tempo, a sección de dixital. Pouco a pouco irei subindo propostas de proxectos con circuítos electrónicos.

Espero que vos sexa útil.…

Comezo do curso

Quedan poucos días para que comecen as clases. Poño a vosa disposición, se vos resulta útil, un recursos sobre electricidade e o ordenador, aos que podedes acceder dende o panel esquerdo. Faltan algunhas cousas que irei engadindo cando teña tempo.

Ao longo do curso irei subido outros contidos que teño medio feitos (electrónica, pneumática, mecanismos, etc).

creative commonsO material que presento está baixo unha licenza creative commons, así que xa sabedes, podedes

  • Copiar, distribuír e comunicar publicamente a obra
  • Facer obras derivadas

Baixo as condicións:

  • Recoñecemento. Debe recoñecer os créditos da obra do xeito especificado polo autor ou polo licenciador (pero non de xeito que suxira que ten o seu apoio ou apoian o uso que fan da sua obra.
  • Non comercial. Non pode empregar esta obra para fins comerciais
  • Compartir baixo a mesma licenza. Se altera ou transforma esta obra, ou xera unha obra derivada, só pode distribuír a obra xerada baixo unha licenza idéntica a esta.

O máis importante: que vos resulte útil e que serva para que o alumnado aprenda tecnoloxía.…

Inauguración

Bueno, a ver se isto empeza a andar. Neste sitio pretendo ir colocando todo o material que teño feito e que anda espallado por diversos sitios de internet, ademais de ir ampliándoo e ir subindo novas cousas.

De momento empezamos co Blog e pouco a pouco iranse abrindo novas seccións con información e recursos sobre os bloques de contidos de Tecnoloxía da ESO e do Bacharelato.

Espero que vos sexa de utilidade.…


1 3 4 5