tecnoloxia.org

Tecnoloxía na Educación Secundaria

Alimentación dos motores e servos e Arduíno

Se fedellando co teu Arduíno tiveches algunha vez a tentación de conectar directamente un servo á placa, mellor non o fagas.

[from intructables]

Por que?

Cando un servo ou motor comeza a moverse necesita máis intensidade de corrente que cando xa está en marcha, o que provoca unha caída de tensión na placa no caso de estar alimentado a través dela.

Se só imos conectar un pequeno e único motor ou microservo e non lles imos dar moita tralla a alimentación dos mesmos pódese realizar a través da placa Arduíno. Porén, se vas utilizar varios motores e servos de maior consumo cómpre utilizar unha alimentación externa para os motores, xa que se non pode suceder que:

  • o alto consumo de corrente dos motores faga que o programa non funcione correctamente ou incluso pode facer que se reinicie o Arduíno.
  • pódese danar a placa Arduíno polas correntes de retorno que se poden producir.

[CC By-SA BQ]

Niso temos experiencia os que participamos cos printbots de BQ na competición da Universidade de Vigo do 2015. Despois de estar o robot un tempo seguindo unha liña a placa paraba de súpeto e había que reiniciala. No segue-liñas os servos de rotación continua estaban arrancando e parando continuamente, facendo un consumo moi elevado de corrente da placa.

Posibles solucións

Alimentación externa

Nesta imaxe podes ver como se faría directamente. Lémbrate de xuntar a masas do alimentador externo e a do Arduíno.

[tecnoloxia.org CC By-SA]


Aquí conectamos varios servos:

mearm_wiring

No caso de usar un controlador de motores ou un controlador de servos utiliza os pins axeitados para a alimentación externa consultando as especificacións dos controladores.

Condensador

Se non queres utilizar alimentación externa, outra opción é conectar un condensador de 470 μF ou maior en paralelo cos pins de alimentación do servo. Desta maneira o servo cada vez que arranca utiliza a carga almacenada no condensador e non demanda tanto da placa, evitando que se reinicie. Ollo coa polaridade do condensador electrolítico: a pata grande sempre ao positivo.

Isto non vai ser suficiente se utilizas varios servos simultaneamente, pois a demanda de corrente da placa nese caso será moi elevada, e será mellor utilizar alimentación externa.

[tecnoloxia.org CC By-SA from Fritzing]

Se queres saber máis sobre como conectar e controlar motores e servos a un Arduíno podes consultar as prácticas de motores e servos.…

Termografía: visualizando a temperatura.

camara_termograficaA termografía é unha técnica que permite medir e visualizar temperaturas de superficie con precisión e sen necesidade de contacto físico co obxecto a estudar.

Todo obxecto emite radiación infravermella cunha lonxitude de onda que depende da temperatura á que se atopa.  O ollo humano non é capaz de “ver” esta radiación, pois sae fóra do rango visible, polo que necesitamos algún instrumento que sexa capaz de traducir as lonxitudes de onda do espectro infravermello en lonxitudes de onda do espectro visible (cores) e en valores de temperatura. Disto encárganse as cámaras termográficas.

No seguinte vídeo o protagonista filmouse cunha cámara térmica de alta resolución para mostrar a rapidez coa que a superficie do noso corpo perde calor cando se expón ao frío. Observa as variacións da cor na pel.

[youtube: Shirtless Heat Loss Experiment In Freezing Conditions]

sensor_bolométrico3No interior dunha cámara termográfica temos un detector sensible á radiación infravermella. A radiación IR faise converxer por medio da óptica sobre o detector IR (microbolómetro), que está composto por unha matriz fotosensible de píxeles. En cada un dos píxeles da matriz a radiación IR produce unha resposta eléctrica (cambio de resistencia e de tensión). Ese sinal é lido polos elementos electrónicos da cámara, que converten estes datos nunha imaxe na pantalla e nun valor de temperatura.

sensor_bolométrico(imaxe de gisiberica.com)

As aplicacións son múltiples e diversas: Localización de avarías, eficiencia enerxética en edificios, diagnóstico en medicina, detección de fallos en instalacións eléctricas e mecánicas, etc.

Estas son as imaxes que nos tomaron na visita á ETS de Minas da Universidade de Vigo (En orde: 4ºESOA, 4ºESOB, 1ºBachB, 2ºBachB)

4ESO-A 4ESO-B

1BACH 2BACH

Aquí tendes outros vídeos nos que nos falan da termografía e das súas aplicacións:

[youtube: Ver a temperatura]

termografiaMinas
[tv.uvigo: Eficiencia enerxética e termografía]

Feliz aninovo

Velaquí un xogo para saír do 2015 e entrar con bo pé no 2016:

[Scratch: Feliz 2016]
Tes tres vidas para destruír o 2015 e entrar bailando no 2016.
Move o punteiro do rato horizontalmente para darlle á pelota e conseguir que vaia eliminando todas as letras da pantalla.
Cando chegues ao 2016, se non che gusta como bailan os personaxes fai clic neles para eliminalos.

 

Ademais o 2016 é un número triangular, así que sabemos que un ano redondo non vai saír, pero os triángulos non están mal, xa veredes. Nolo contaban onte por twitter:

Os números triangulares cumpren esta serie: 1, 1+2=3, 1+2+3=5, 1+2+3+4=10, 1+2+3+4+5=15, etc., quedando cada un deles determinado pola expresión: ½n(n+1)

Cal será o vindeiro ano triangular? Vivías no anterior ano triangular?

Podemos utilizar Scratch para calculalo:

[Scratch: Números triangulares]

Este é o programa:

numeros-triangulares_scratch

Feliz ano!…

Éche así

echeasiTemos un novo programa de divulgación científica na Televisión de Galicia: Éche así.

Emítese os domingos ás 10:30 da mañá e está producido por Ceo Aberto e Danga Danga co financiamento de FECYT. Está dirixido a un público familiar baixo un formato de entretemento co xogo e a curiosidade como eixos narrativos. Cada emisión achégase a aspectos da vida cotiá, desde a tecnoloxía ata o corpo humano.

Na súa web podemos acceder aos vídeos do programa, experimentos, curiosidades, e proximamente moito máis. Paciencia! A web acaba de arrincar e pouco a pouco irán engadindo contidos.

Na web da TVG podedes ver o vídeo do primeiro programa que se emitiu este domingo 6 de decembro.

echeasi1


1 2 3 19