tecnoloxia.org

Tecnoloxía na Educación Secundaria

17 de maio: Día das Letras Galegas, día de Internet

Hoxe, lamentablemente, temos unha mala nova: O galego perde peso en Internet. A porcentaxe da lingua galega do total de idiomas utilizados na Rede reduciuse á metade no último ano. Iso é o que contan en gciencia.com.

De tódolos xeitos, penso que non é doado coñecer certamente cando se está a utilizar galego ou non en internet, pois depende de como o identifiquen. Pensade, por exemplo, no galego que usa google no seu tradutor, que nada se parece á nosa lingua. Ou lembrade cando puñan o galego coma un dos idiomas máis utilizados en twitter, confundíndoo co portugués. Unha pequena frase escrita en galego en twitter, por exemplo, pode identificarse perfectamente nalgúns casos co castelán e outros co portugués. Realmente identifican co galego todas as frases escritas en galego?

Con todo, o galego na rede está moi pouco presente, moito menos do que debería, e só hai unha maneira de amañalo, que é usar o galego en todas as comunicacións que se realicen en internet. Por que non? Merecémolo!

Feliz día!

[Feito con bitstrips]

Aninovo

Velaquí vén un novo ano!

No 2013 deixeivos elixir a cor do ano en hexadecimal, e paréceme a min que lle destes moito ao negro, polo menos así foi o ano en educación e en moitos máis ámbitos.

Para o 2014 vou pedirvos de novo que elixades a cor do ano, pero esta vez en RGB, a ver se así sae mellor e lle damos a volta a moitas cousas que quedaron moi escuras.

Para facelo tedes que introducir o código RGB (RedGreenBlue) elixindo un número entre 0 e 255 para cada unha das cores (vermello, verde e azul).

Por exemplo, a cor que se carga por defecto ten o código: R=64 G=127 B=160

Para saber máis:

 

Pois iso:

Feliz 2014!

#NonSenEvidencia

Vender homeopatía nunha farmacia é como vender alí auga bendita. Quen queira crer nos milagres e nos santos é moi libre de facelo, pero que sexa o propio Ministerio de Sanidade quen abra as portas as pseudociencias deixando que os produtos homeopáticos se vendan como se fosen medicamentos eficaces paréceme aberrante.

Aínda que saia da temática deste blogue, apoio a iniciativa #NoSinEvidencia coa publicación do seu manifesto:


A evidencia científica é unha das pedras angulares nas que se asenta a medicina moderna. Isto non sempre foi así: durante anos empregáronse tratamentos médicos sen comprobar previamente a súa eficacia e seguridade. Algúns foron efectivos, aínda que moitos tiveron resultados desastrosos.

Non obstante, na época da historia da humanidade na que máis coñecementos científicos se acumulan, existen aínda pseudo-ciencias que pretenden pasar por disciplinas próximas á medicina e chegar aos pacientes sen demostrar ningunha efectividade nin seguridade.

Os asinantes deste manifesto, profesionais sanitarios e doutras ramas da ciencia, xornalistas e outros, somos conscientes de que a nosa responsabilidade, tanto legal coma ética, consiste en achegar o mellor tratamento posible aos pacientes e velar pola súa saúde. Por iso, a aparición nos medios de comunicación de noticias sobre a apertura dun proceso de regulación e aprobación de medicamentos homeopáticos preocúpanos como sanitarios, científicos e cidadáns, e cremos que debemos actuar ao respecto. As declaracións da directora da Axencia Española de Medicamentos e Produtos Sanitarios (AEMPS) asegurando que “non todos os medicamentos homeopáticos teñen que demostrar a súa eficacia” e que “a seguridade non se ten que demostrar con ensaios clínicos específicos” non fan senón aumentar a nosa preocupación.

Polo tanto, solicitamos:

  • Que non se aprobe ningún tratamento que non demostrase, mediante ensaios clínicos reproducibles, unhas condicións de eficacia e seguridade polo menos superiores ao placebo. A regulación duns supostos medicamentos homeopáticos sen indicación terapéutica é unha grave contradición en si mesma e debe ser rexeitada. Se non está indicado para nada, para que hai que empregalo?.
  • Que a AEMPS retire da comercialización aqueles fármacos, de calquera tipo, que malia ser aprobados, non demostrasen unha eficacia maior que o placebo ou que presenten uns efectos adversos desproporcionados.
  • Que o Ministerio de Sanidade, Servizos Sociais e Igualdade e o resto de autoridades sanitarias persigan aquelas empresas que atribúen aos seus produtos calidades curativas ou beneficiosas para a saúde sen demostralo cientificamente.
  • Que o Consello Xeral de Colexios de Médicos de España / Organización Médica Colexial, en cumprimento do artigo 26 do Código de Deontoloxía Médica, desaprobe aos facultativos que prescriban tratamentos sen evidencia científica demostrada.

 

Un par de artigos para ampliar información:

 …

Tecnoloxía en Acción. Se a tecnoloxía se para, párase todo.

Co proxecto de LOMCE aprobado polo Consello de Ministros, e a falta de todo o trámite parlamentario, a Plataforma Estatal de Asociacións do Profesorado de Tecnoloxía, PEAPT, coa axuda económica desinteresada da xente a través de croudfunding, acaba de poñer en marcha a campaña “Tecnología en Acción“, coa finalidade de explicar á sociedade que facemos en Tecnoloxía da ESO e do Bacharelato, como traballamos nestas áreas, e poñer en valor unhas ensinanzas que están sendo completamente infravaloradas e apartadas no actual proxecto de reforma educativa impulsada polo ministro Wert.

A campaña comeza cunha serie de vídeos nos que un grupo de profesionais de diversos ámbitos se reúnen para falar dun tema común: Se a tecnoloxía se para, párase todo.

Podédelos ver aquí:

Sentenciaron á Tecnoloxía á pena de morte.

Xullo Olmo (Profesor Secundaria Tecnoloxía. IES Lluís Vives. Valencia).
A nova LOMCE fai que a materia de Tecnoloxía desapareza en idades temperás e no Bacharelato. Perplexidade nos docentes, malgasto de recursos, coñecementos e experiencias adquiridas durante 25 anos que desaparecen mentres outras materias como a Relixión cobran importancia.

[youtube: Han sentenciado a la tecnología a pena de muerte ]

Todo é tecnoloxía.

Javier Turégano (Decano Colexio Oficial Enxeñeiros Industriais CV)
Desde que nos erguemos ata que nos deitamos facemos un uso continuado de tecnoloxía. Introducir os seus conceptos desde mozos e mozas é fundamental porque a tecnoloxía é o que move o mundo.

[youtube: Todo es tecnología]

Non coñecen a materia de Tecnoloxía.

Tàfol Nebot (Profesor de Secundaria Tecnoloxía. IES Torre do Rei. Orpesa. Castelló)
Todo o mundo ten moi claro que a tecnoloxía é moi importante para un país, que fan falta enxeñeiros, etc. O problema é que a xente descoñece o contido e o valor desta materia. Cambiando o nome cambiarían as cousas? E se a chamásemos enxeñaría?

[youtube: No conocen la asignatura de Tecnología]

A tecnoloxía, unha aposta do país.

Eduardo Vendrell (Director ETS Enxeñaría Informática. Universitat Politècnica de València)
Un país ten que planificar onde quere estar. Para medrar, ou ten recursos naturais, ou é de servizos e man de obra barata ou é un país que basea o seu crecemento no coñecemento e na innovación. Queremos ser un país de man de obra barata e de servizos? Queremos ser un país punteiro? Sexa o que sexa hai que crealo desde a base.

[youtube: La tecnología ha de ser una apuesta del país]

Estamos carentes de industria

Pedro Beira (Director Instituto de Biomecánica. Universitat Politècnica de València)
Esta materia é necesaria para coñecer como se vive hoxe en día e as posibilidades que nos ofrece a tecnoloxía. Ademais permite aterrar coñecementos abstractos como as matemáticas e, por último, a tecnoloxía achega unha gran empleabilidade, máis hoxe en día en que como país estamos tan carentes de Industria.

[youtube: La tecnología es necesaria para vivir]