tecnoloxia.org

Tecnoloxía na Educación Secundaria

Logic Beach

Un polbo está na area da praia de Rodas e vai quedar seco. Axúdao a meterse na auga acertando todos os valores das saídas das portas lóxicas que ves en pantalla. Tes un límite de tempo de 30 segundos. Se fallas, morrerá!

Este pequeno xogo está feito utilizando Scratch, interesantísima plataforma de programación coa que se poden crear facilmente xogos, animacións, historias ou simulacións.

No vindeiro Congreso de Software Libre para Educación (1 e 2 de xullo) presentaremos unha web con material en galego para aprender a programar en Scratch.  Proximamente teredes máis noticias.…

Code Monkey Island

Aínda lles quedan 20 días na plataforma de crowdfunding kickstarter.com e xa conseguiron o financiamento para desenvolver o xogo Code Monkey Island, un xogo de mesa que ensina conceptos básicos de programación, como as estruturas de control, as estruturas de datos, a lóxica, a álxebra de Boole ou as operacións matemáticas.

O xogo non ensina a escribir programas, senón a dominar as construcións lóxicas que se utilizan na programación, o que despois pode resultar moi útil para aprender a realizar programas de verdade.

[kickstarter: Code Monkey Island]

Máis información: Code Monkey Island – making programming child’s play

Estaremos atentos a que saia!…

Xogos isométricos

A perspectiva isométrica é unha técnica de representación gráfica dun obxecto tridimensional en dúas dimensións, onde o tres eixos coordenados forman ángulos iguais de 120º cada un sobre o plano. É moi utilizada en tecnoloxía para o deseño e visualización de obxectos e pezas.

Aínda que vos pareza algo novo, estades moi acostumados a ver obxectos representados neste tipo de perspectiva, xa que é utilizada en moitos xogos.

Seguro que moitas e moitos de vós pasastes algún tempo na rede social Habbo, plantando verduras en Farmville, construíndo unha cidade en Cityville, interaccionando nas primeiras versións dos Sims, e moitos máis . Fixádevos ben: están debuxados en perspectiva isométrica.

En moitos destes xogos podemos orientar obxectos nun terreo isométrico coma nesta aplicación flash (vista aquí). Probade engadir unha cadeira e xirala nesta retícula en isométrica.

Para que vos entreteñades un pouco debuxando en perspectiva isométrica tedes estas aplicacións:

  • Cubescape Non vos perdades a galería. Alí podedes ver os debuxos que fai a xente.

 

Tamén podedes probar estes xogos isométricos:

  • Contour: Guía a bola ata a meta deformando un terreo isométrico.
  • Isoball2: Guía a bola ata a meta construíndo ramplas.
  • DuBlox: A ver se es capaz de levar a peza ata a meta sen caer da plataforma isométrica.

 …

Xogos: desmontando trebellos

Quen se puxo algunha vez a desmontar algún trebello coma unha radio, disco duro ou disqueteira seguro que pasou tempo investigando onde está ese parafuso que hai que quitar primeiro para chegar máis ao fondo.

Grazas a juegos.microsiervos descubrín uns xogos que van sobre iso.

dismantlement-radio.jpg

Trátase de xogos de escape, deses nos que tes que buscar e utilizar obxectos para escapar dunha habitación, pero neste caso non hai habitación senón que trátase de desmontar unha radio, un disco duro, un ventilador, un rato de ordenador, unha tostadora ou un reloxo espertador.

Os xogos de escape enganchan e son moi bos para romperte a cabeza, aínda que para pasar o tempo recomendo mellor coller un desaparafusador de verdade e desmontar calquera trebello estragado e en desuso. Por exemplo desmontando un disco duro vello consegues uns imáns estupendos e un motorciño que pode valer para calquera proxecto.

Veña, aproveitade para entretervos estes días previos ao comezo de curso, que xa queda pouco.…

Xogo: Aforrar enerxía no fogar

Como podemos aforrar enerxía na nosa casa?
O primeiro que pensamos é en apagar as luces e aparellos electrónicos que non usamos, pero hai moitas cousas máis que podemos facer.

Proba xogar a Energuy, xogo da Axencia pola Eficacia Enerxética de Quebéc. Tes que conducir á personaxe pola súa casa e seleccionar aqueles elementos que podemos modificar para aforrar enerxía.
Ten paciencia, pois tarda un pouco en cargar.

energuy1.jpg

Despois lémbrate de aplicar o mesmo no mundo real, e que non se quede isto nun xogo virtual.

(Visto en Tecnología Fuenteluna)


1 2 3 5