tecnoloxia.org

Tecnoloxía na Educación Secundaria

E dálle cos perigos de Internet!

Vía @mnlvilarinho chégame esta nova publicación en formato de banda deseñada do Valedor do Pobo: Os perigos de Internet (pdf)

A estas alturas dicir iso de “Os perigos de Internet” é como dicir “Os perigos da rúa”. Está claro que saír á rúa pode traer unha serie de perigos: pódenche roubar a carteira, pódete atropelar un coche, podes deixar o bolso esquecido en algures ou incluso podes chegar a falar cun descoñecido nun bar,  darlle o teu teléfono e acabar a cousa mal. Todo iso pode suceder, e para evitalo só hai que andar pola rúa con coidado e ter sentido común, pero non tería sentido pretender que os adolescentes queden pechados na casa ou se movan pola rúa da man da súa nai e do seu pai.

Pois o mesmo sucede con Internet. Mentres sigamos tratando a rede como un lugar cheo de perigos e non como o xenial universo informativo e comunicativo nada conseguiremos na educación dos rapaces e rapazas, e máis aínda se os tratamos coma se fosen parvos ou pretendemos que naveguen pola rede baixo supervisión materna e paterna. Ollo, non digo que non haxa que ensinar á rapazada a moverse pola rede con cordura e alentar das consecuencias que poden ter determinados actos (o mesmo que fóra de Internet), só penso que esta non é a forma correcta de facelo. Deben navegar libres, pero sendo conscientes do que fan e do que se debe ou non facer en Internet.

Por desgraza, son moitas as publicacións en diversos formatos que abordan o tema da educación sobre Internet dun xeito similar, e aproveito que teño esta do Valedor do Pobo nas miñas mans para debullala un pouquiño, aínda que podería facer o mesmo con moitas outras . Nesta en concreto atopo cousas que me chaman a atención:

Pagar o recibo do instituto“. Estamos no ensino público ou privado? Que eu saiba, nos institutos públicos non se lles pasa ningún recibo ás familias. Como moito ha de pagarse o autobús das saídas que se fagan e soe ser pouca cantidade que se recolle en metálico. Non sei, pero tal e como están as cousas hoxe en día, con continuos ataques ao ensino público, isto chéirame moi mal.

Pasar polo banco“. Hai tempo que funciona realmente ben a banca electrónica. Non hai que pasar fisicamente por unha sucursal bancaria para facer unha transferencia, pois Internet permite facer iso en apenas un minuto e con toda seguridade. Que no cómic se presente a un pai e a unha nai que non están ao tanto do que os seus fillos fan nas redes sociais pode pasar, pero que non usen Internet para nada xa resulta raro. Preséntase Internet como algo que é cousa de adolescentes e que só serve para comunicarse, e que as persoas adultas non usan a rede en absoluto. Non creo que isto reflicta ben a realidade.

[actualización] Como ben indica Lucía nun dos comentarios, o cómic reproduce os clásicos roles familiares sexistas: A nai está na casa regando as plantas mentres o pai chega de traballar fóra. O pai tamén é o que se ocupa do pagamento ao banco.

Non me estraña que suspendan“. Nesta e nas anteriores viñetas identifícase o uso das redes sociais co fracaso nos estudos. É certo que para un rapaz ou rapaza de instituto resulta moito máis interesante estar a comunicarse coas amizades por Internet que poñerse a estudar un tema aburrido dun libro de texto, pero cando non había Internet tamén buscabamos calquera actividade máis interesante que facer os deberes: xogar coa “maquiniña”, xuntarnos na casa dunha amiga a charlar, saír a facer deporte, falar por teléfono (coa correspondente rifa), escoitar música, escribir cartas, … e non por iso se suspendía. A cuestión está en saber administrar o tempo e en ser responsable, pero a culpa non é hoxe das redes sociais do mesmo xeito que nos anos 80 non se suspendía por xogar co spectrum ou co commodore 64. Hoxe en día nas redes sociais están todos os rapaces e rapazas, os que aproban e os que suspenden, os que sacan boas notas, regulares e malas.

Os móbiles están prohibidos“. No cómic dáse por feito que os móbiles están prohibidos nos centros de ensino, ignorando que non sempre é así e que cada vez hai máis xente cuestionándose esta prohibición e mudando as normativas dos centros, facéndoas máis flexibles. Non me vou repetir agora, pois xa contei hai tempo a miña opinión ao respecto en educacontic. Non se trata de permitir que o alumnado se dedique na clase a tuitear sobre o partido de fútbol do domingo no canto de traballar, senón de regular os usos que un dispositivo móbil pode ter nun centro de ensino, moitos deles moi educativos.

Fóra de clase“. Desde logo que moi pedagóxica non é a medida. Non penso que sexa unha forma de solucionar os problemas, nin me parece acertado que  se poña como exemplo do comportamento que debe ter un docente. Ademais, nunha publicación que se supón educativa o papel dun docente semella que nada ten que ver con educar ao alumnado no uso da rede. Vaia!, menos mal que está o Valedor do Pobo para educar ao alumnado no mundo de Internet, pois o profesorado non sabe ou ten que se dedicar a outras cousas :-(

Mándallas, non pasa nada“. Paréceme necesario que se fale dos perigos do sexting e do grooming. Porén, penso que é un erro limitarse a falar disto, pois son casos moi minoritarios, e pode dar lugar a que as familias que non son usuarias das redes interpreten que estas son prácticas habituais, metendo máis medo do debido.

Penso que a identidade dixital e a privacidade na rede son temas que hai que abordar de forma máis global e completa, pois sóese ver entre a rapazada bastante inconsciencia en moitas actuacións, e cústalle discernir entre o que pode ser público e o que debe manterse no ámbito privado. Falar unicamente dos casos máis graves, como o que lle sucede á rapaza do cómic, e non abordar outro tipo de comportamentos non creo que axude á educación dos rapaces e rapazas que xa teñen claro que non se debe enviar a un descoñecido unha foto na que se está espida, que son a maioría.

Aquí creo que pode quedar moi ben“. Para ser unha publicación de 2013 véxoa bastante desfasada. Hai anos, cando a única maneira de conectarse a Internet era a través dun ordenador de mesa ou portátil coa conexión á rede contratada no fogar, esta medida podería se útil para controlar (en parte, pois sempre estaba a casa do colega ou o ciber para escapar dos pais), pero hoxe en día, cando a maioría dos adolescentes teñen conexión a Internet no teléfono móbil, resulta absurda. Desde logo que a solución non é eliminar o acceso a Internet desde o móbil e volver ao pasado. Internet está aí, vano usar sempre, e prohibir o acceso non educa.

Fareivos os meus amigos para que poidades ver todo o que fago“. Paréceme estupendo que a nai e o pai sexan amigos dos seus fillos e fillas e vexan todo o que fan e contan, pero hai que recoñecer que non é o habitual. Na infancia é así, pero ao chegar á adolescencia a maioría das persoas desexan ter o seu espazo de intimidade e non compartir coa familia todo o que pensan. Aquí todas, incluídas as persoas que deseñaron esta publicación, tivemos 15 e 16 anos, e podemos lembrar como daquela reclamabamos o noso espazo privado. A única solución aos problemas de mal uso das redes é esta?

Que facer?

Non vou unicamente a criticar, así que vou propoñer unha alternativa. Velaquí varias pautas que na miña opinión deben terse en conta na educación sobre Internet:

  • Presentar sempre Internet como algo positivo, cheo de vantaxes, e non como unha fonte de perigos, pois do contrario a mensaxe pode producir rexeitamento nas persoas ás que vai dirixida.
  • As persoas son intelixentes, e non parvas. Nin todos os rapaces e rapazas son uns inxenuos aos que se lles pode enganar facilmente, nin todos os pais e nais están completamente fóra de órbita descoñecendo o mundo virtual. Isto non quita que haxa cousas que se deban difundir e dar a coñecer para mellorar a protección tanto dos menores como dos maiores de idade, pero sempre respectando a súa intelixencia.
  • Os problemas de conduta, dentro e fóra da rede, soluciónanse mediante a educación, a toma de conciencia, a adquisición dunha actitude respectuosa e educada, etc., pero non mediante a prohibición nin mediante o medo.
  • Débense ter en conta as características da tecnoloxía actual e do uso que a xente nova fai dela, tentando ter unha visión de futuro, pois do contrario transmítese unha mensaxe obsoleta e inaplicable, facendo que o discurso perda solidez.

 

Agardo que este artigo sirva para a reflexión e o debate. Que opinades?

 

Tweet about this on TwitterShare on FacebookShare on Google+Email this to someone

15 Comments

  1. Lín o cómic cando o compartiu alguén en Twitter, e o que máis me chamou a atención a min é que os perigos da rede que comenta non teñen nada que ver coa rede.
    Os únicos problemas ós que se enfrentan realmente os rapaces do cómic son que unha lle enviou fotos espida a un descoñecido, e o outro mentiulle ós pais, foise de festa e pillárono.
    Cousas que poderían pasar sen necesidade de internet. Os “Perigos da rede” que exemplifican neste cómic son perigos de falta de sentido común, nos que de casualidade, a rede é unha ferramenta.

  2. Concordo nunha primeira lectura rápida ao 100%.
    Volvereino ler e compartireino na miña páxina.

  3. Por outra banda tamén teño que dicir que aparte do guión (que por suposto deixa moito que desexar) o cómic gustoume moito. Vou ter que buscar máis cousas deste debuxante.

  4. Ademais de todas as túas obxeccións, María, eu creo que nin sequera o medio é o máis axeitado. Cantos dos nosos alumnos len comics? De ler comics cos pais xa nin falo…
    Respecto ás alternativas que presentas, quédame a dúbida de se esa mensaxe ía chegar a quen vai dirixida. Penso en xente con prexuízos sobre a tecnoloxía, na que si cala a mensaxe sensacionalista dos “perigos de Internet”. Por outra banda, non creo que o galego adulto medio (ese que ten un testículo e un ovario, ;) ) use a banca electrónica, e probablemente esa mención sería contraproducente. Proba a falarlle a alguén que non saiba de que vai a rede sobre páxinas seguras e claves, a ver que pensa.
    Dáme a impresión de que, levando xa o tempo que levamos con Internet, é unha cuestión xeracional que pase toda esta tecnofobia, e non hai moito que facer activamente mentres tanto. Estou a pensar no uso actual dos automóbiles e os perigos que representa o tráfico. O esencial non creo que sexa salientar as cousas boas que supoñen, senón chegarmos a un momento no que a ferramenta sexa indiferente, nin positiva nin negativa. E é cuestión de tempo.

    • O da banca electrónica é o de menos, simplemente useino como exemplo para salientar que no cómic os adultos non usan Internet para nada. Tal vez non sexa bo exemplo.
      E si, loitar contra os prexuízos é complicado, pero penso que a mensaxe si pode chegar, non a quen padece unha tecnofobia grave, pero si pode facer que alguén que non o teña claro vexa outro punto de vista e reflexione.

  5. ¿Qué opino?, pues que tienes mucha razón María. Estoy un poco harto de cómo, en demasiadas ocasiones, se presenta Internet desde una perspectiva negativa. En mi instituto todos los años se organiza una actividad en tutoría sobre “los peligros de Internet” en la que un poli viene a contar a los alumnos las cosas truculentas y horribles que pueden ocurrir si haces un uso inadecuado de la red. Pero no hay actividades en la que se muestren las ventajas de este invento o ejemplos de su buen uso. Y una gran mayoría de docentes siguen enganchados al libro/pizarra/tiza. También estoy harto de escuchar en las reuniones de equipos docentes cómo se asocia fracaso escolar con el uso/abuso de Internet cuando, como dices, los que sacan buenas notas también son grandes consumidores de Internet. O lo que comentas sobre el NO a los móviles en los institutos.
    Como casi siempre, la herramienta no tiene la culpa de que la gente la use mal y supongo que, sin olvidar los peligros reales que sí existen, habría que esforzarse en enseñar a usar Internet de una forma adecuada.
    En fin, muy buen post, gracias.
    Salud

  6. E que vos parece iso da nai na casa regando as plantas e o pai volvendo do traballo e indo ó banco? Marcando ben roles familiares do pasado

  7. Lin por encima o post e boteille un vistazo á banda deseñada e concordo cos teus puntos de vista, especialmente co “Que facer?”. A banda deseñada é aproveitábel e agradézoche que a compartiras, pero podía ter outro enfoque.
    Por certo, a rapariga debe ser da zona tudense, polo teísmo…
    “-Papá, que
    nome de
    usuario te
    poño?”

  8. Creo que cando se prantexa unha actividade divulgativa os mestres temos a obriga moral de pintalo feo para que eles queden co menos feo. Non son casos illados os que atopamos de rapaces enganchados ás tablets e aos móbiles. Creo que as críticas resultan gratuítas máis tendo en conta que o formato está moi logrado e se, como di alguén no foro, os rapaces non len cómics, por que non empezar por este. A nós encantounos e estamos botando man deles no noso centro de Arousa.

    • Obriga moral de pintalo feo? Non concordo. Son máis partidaria de pintar as cousas como son, nin máis nin menos feas. Sinto que as críticas che resulten gratuítas, pero, de verdade cres que, como se propón no cómic, poñendo un ordenador no salón e facendo que os pais sexan amigos nas redes soluciónanse os “problemas de enganche” ás tablets e móbiles? Cres que os docentes quedamos ben representados nesta obra?

      Se a intención é a de que os rapaces e rapazas lean cómics, ocórrenseme unha chea deles moi bos e moi interesantes polos que comezar. Pero xa que estades a botar man deles no voso centro, gustaríame saber se conseguides algo coa súa lectura e que opina a rapazada da mensaxe que se transmite.

      Veña, un saúdo

    • Entendo perfectamente o de pintalo feo para que se vean as consecuencias, pero iso tamén ten o seu lado negativo.
      De vez en cando vemos na televisión un destes anuncios de “Se bebes non conduzas”, e poñen a unha persoa tan bébeda que lle costa terse en pe, e moita xente pensa “Eu non collo nunca semellantes borracheiras, ese anuncio non vai por min”, e collen o coche con catro cervexas.
      Ademáis, cando falamos de cuestións tecnolóxicas temos que ter en conta tamén o descoñecemento das mesmas. É importante concienciar a xente dos perigos de internet, pero cando unha persoa non sabe sequera qué é internet e cómo se usa, e o único que escoita é que hay pedófilos e xente que che rouba os cartos dende o seu ordenador, fanse unha idea completamente errónea do tema. Cando no cómic non fan ningunha referencia ás redes excepo as negativas, o mensaxe que dan e que internet só serve para dar problemas. Se o home utilizase a banca electrónica para paga-los recibos alo menos veríase que serve para algo máis que para enganar a rapazas para conseguir fotos delas espidas.

      En canto ó enganche o móbil, eu recordo que na miña época, non tendo móbil ao que engancharse, cando un non estaba pola labor miraba para as moscas, pola ventá, debuxaba nos libros, ou nas mesas, e tampouco facía ningún caso ó que dicía o profesor. Son cuestións máis que nada de malos comportamentos que fan uso da tecnoloxía, que de problemas con esa tecnoloxía. E xustamente iso é o que eu vexo no cómic, non perigos das novas tecnoloxías, senon perigos de malos comportamentos que fan uso das novas tecnoloxías. ¿Ou acaso estaría mellor se as fotos espidas as mandasen por correo postal?

  9. Si, no meu insti tamén veñen dar a charla dos perigos nas redes sociais.
    María, estupendo artigo, tamén eu estou farta de que se enfoque a rede só como O PERIGO.
    Parabéns polo teu traballo, coma sempre.

Deixa unha resposta

Required fields are marked *.