Mobile Learning

teléfono móbilEste venres, cando marcamos a data do exame de recuperación, vin que uns cantos alumnos e alumnas sacaban o teléfono móbil de forma disimulada, e baixo a mesa dábanlle ás teclas. Estaban usando a axenda electrónica do móbil.
Díxenlles que non facía falta que se agocharan, que non había ningún problema. Por que o fan ás agochadas intentando que os profes nos enteremos? Claro, saben que “os móbiles están prohibidos” no centro.

Sigo pensando que este tipo de prohibicións hai que matizalas. Pódense prohibir en clase determinados usos, pero non outros. Dende logo que ter unha axenda electrónica no terminal paréceme moi útil.

A utilización de teléfonos móbiles pola xente nova é unha realidade, e pouco se consegue prohibíndoa. O que debemos facer é investigar en usos educativos e creativos desta tecnoloxía ó servicio da educación.

Baixo a denominación de Mobile learning ou m-learning empezan a aparecer ferramentas e utilidades para mellorar a experiencia da aprendizaxe mediante a utilización de tecnoloxía móbil, como teléfonos, PDAs, Pocket PC, iPods, GPS, e ordenadores portátiles. Podes ver exemplos de utilización nesta presentación:

SlideShare | View | Upload your own

Un exemplo para a área de tecnoloxía pode ser a identificación de mecanismos en 2º de ESO. O alumnado, utilizando os seus teléfonos móbiles, debe sacar fotografías dos elementos mecánicos que atope na súa casa e no seu entorno, identificalos e investigar sobre a súa utilización. Trala descarga das imaxes e vídeos nun ordenador, presentará ese traballo de investigación en formato dixital.

Se lles pedimos en 3º ver cal é o grao de electrificación da súa vivenda poden aportar no seu traballo unha fotografía do cadro de mando e protección, da acometida, das caixas de derivación, …

Tamén poden aportar gravacións en audio ou vídeo das entrevistas que lles fan aos seus maiores sobre as tecnoloxías da comunicación que utilizaban cando eran novos e novas, e elaborar un traballo sobre a evolución destes medios.

E non deberiamos empezar a desenvolver aplicacións educativas interactivas para traballar cos teléfonos móbiles?

Vamos, que tendo os nosos alumnos e alumnas tanta tecnoloxía nos seus petos non sei como non lle sacamos máis partido.

Máis información sobre Mobile Learning: www.m-learning.org


1 comentario en “Mobile Learning”

Deixa un comentario