tecnoloxia.org

Tecnoloxía na Educación Secundaria

Mulleres na ciencia e na tecnoloxía

Hai tempo que tiña pensado escribir algo sobre o mal enfocadas que están as campañas de fomento dos estudios de ciencia (e de tecnoloxía?) entre as mulleres, e fun deixándoo pasar, pero como hoxe mesmo a cousa chegou ao colmo non vou demorar máis tempo as miñas críticas, que coido que sirvan para reflexionar sobre o que estamos a facer.

O disparate máis grande nunca visto en campañas de fomento da ciencia entre as mulleres vén nada menos que da Comisión Europea, que nos presenta “Science: It’s a girl thing” cun patético e ridículo vídeo  no que os estereotipos sexistas se mostran de principio a fin, e que xa provocou duras críticas en twitter e na blogosfera, baixo os hashtags #CientificasConTacones e #realwomenofscience.

Non volo perdades: Tacóns, pintabeizos, camiñar de pasarela, poses sedutoras, vestidos de cor rosa, … todo o que unha muller necesita para dedicarse á ciencia!!

[youtube:  O vídeo oficial Science: It’s a girl thing! foi eliminado, pero atopeino noutro sitio]

A min isto dáme verdadeira vergoña allea! Como é posible que hoxe en día teñamos que aturar estas cousas?

Nunca vin unha campaña que chegase a estes límites de sexismo e estupidez en tan pouco espazo e tempo, pero a verdade é que para min fallan estrepitosamente todas estas campañas existentes de fomento dos estudios científicos entre as mulleres, polo menos as que teño visto.

A que acaba de presentar a Comisión Europea merece un capítulo aparte, e quero referirme agora a outras campañas que soemos ver expostas nos institutos de Educación Secundaria. Vou destacar os que son, ao meu parecer, os erros máis comúns que atopamos nestas campañas e exposicións.

Fomentar entre as mulleres os estudos de ciencias? E os de tecnoloxía?

O primeiro erro é centrarse no fomento dos estudios científicos entre as mulleres e non mencionar a tecnoloxía.
Se botamos unha simple ollada á matrícula nas diferentes carreiras universitarias vemos que que as carreiras de ciencias (bioloxía, química, medicina, farmacia, física, matemáticas, etc.) están cheas de mulleres, e en moitos casos superan con creces o número de varóns.
O problema aparece cando observamos a matrícula nos estudos de enxeñarías, e é aquí onde as mulleres non chegan ao 20%.

Pode ser que hai décadas fose necesario atraer ás mulleres cara as ciencias por seren minoría, pero hoxe en día iso está máis que superado, e no que habería que incidir realmente é nos estudos técnicos, que é o ámbito onde a muller aínda está máis desprazada. Porén, as campañas que teño visto ata agora céntranse na ciencia e a tecnoloxía nin se menciona ou queda oculta case imperceptible entre outras mensaxes.

Ademais, a insistencia en fomentar os estudios de ciencia entre as mulleres utilizando mensaxes que están máis ca superadas provoca máis estrañeza que interese entre as rapazas.

Mulleres especiais na historia, modelos a seguir?

Outra das miñas críticas a estas campañas é a de presentar en exclusiva modelos de mulleres históricas que fixeron a súa contribución á ciencia facendo un traballo excepcional fóra da normalidade na sociedade na que vivían.

Con todos os meus respectos cara a estas mulleres, defendo que non son o modelo a seguir polas rapazas novas de hoxe en día nin representan a forma de traballar na actualidade e que, ao contrario do que se pretende, provocan máis rexeitamento entre a xente nova que intención de seguir os seus pasos.

Desde logo que as mulleres do vídeo da campaña “Science: It’s a girl thing” non son un modelo a seguir, pero tampouco pode selo unha muller pechada dentro dun laboratorio escuro, tapada ata o pescozo, que nin sae, nin se divirte, nin se relaciona cos demais. Iso non funciona!

Se queremos motivar ás mozas, débese mostrar a actualidade, a realidade que se van atopar no seu futuro máis próximo, e non centrarse no pasado, por moi interesante que nos pareza.

Individualismo? E o traballo en equipo?

Hai unha excesiva tendencia a mostrar “figuras” en ciencia e tecnoloxía nas actividades para estudantes ou nas accións divulgativas, dando a idea de que a actividade científica e a tecnolóxica se desenvolven de xeito individual por persoas que destacan, “xenios” que se saen do normal, cando o que hai que difundir entre a xente máis nova é que a ciencia e a tecnoloxía son accesibles a calquera persoa que estea interesada nestes campos e que estude e traballe para dedicarse a eles, sen necesidade de ser xenios.

Ademais, hoxe en día en calquera actividade de ciencia ou de tecnoloxía é fundamental o traballo en equipo e estar conectados en rede. Ninguén nestes tempos desenvolve un medicamento ou deseña un dispositivo electrónico de consumo de forma individual, en solitario. A actividade científica e tecnolóxica realízase por equipos de persoas formados por homes e mulleres, e non por individuos illados, que é o que se dá a entender en moitas exposicións e campañas.

Como mostrar a ciencia e a tecnoloxía para atraer ás mulleres?

Non son nada partidaria deste tipo de campañas, pois parécenme contraproducentes, e ten mellor resultado mostrar a ciencia e a tecnoloxía como algo neutral no que caben mulleres e homes, pero no caso de que se fagan, na miña opinión:

Non debe faltar:

  • Mostrar e fomentar a tecnoloxía, a gran esquecida.
  • Mostrar e dar a coñecer a actualidade, e non centrarse na historia.
  • Mostrar actividades nas que homes e mulleres traballan xuntos, sen importar o sexo.
  • Mostrar o traballo das mulleres como algo normal, con naturalidade, e non como algo especial.
  • Mostrar a necesidade de traballar en equipo e de conectarse en rede para compartir.
  • Intelixencia.

Sobra:

  • Sexismo e machismo. Xa está ben!
  • Estereotipos. Nin a ciencia nin a tecnoloxía poden basearse en estereotipos. Non lles son propios.
  • Frikismo. Isto espanta a maioría das mulleres e non aporta nada positivo.
  • Mensaxes tipo anuncio de Ausonia. As rapazas non son estúpidas!
  • Individualismo. As figuras no son nada sen equipos que as acompañen.
  • Soberbia.

 

Non sei se estas reflexións servirán para algo, pero polo menos xa me desafoguei :-P

Tweet about this on TwitterShare on FacebookShare on Google+Email this to someone

12 Comments

  1. Totalmente de acordo contigo. O vídeo é incalificable e tamén concordo no de que hai o problema histórico de amosar a ciencia e tecnoloxía como algo individualista e só para frikis sen vida social.

  2. Realmente eu cuestiónome profundamente a eficacia deste tipo de mensaxes (non só as do vídeo, senón en xeral), pois penso que provocan xustamente o contrario ao que se pretende. Non fan ningún favor nin a imaxe da chica de rosa con tacóns nin a do científico friki con bata.

  3. Moi boa entrada! Á vista do video (horror) facía falta dicir algo! A verdade, vista a matrícula destes últimos cursos no meu centro, penso que debemos en facer atractiva (e divertida, que o é) a vía tecnolóxica e científica tanto para rapaces como para rapazas. Síntoo pero non entendo a necesidade de facer distincións nisto.

  4. Dá vergonza e noxo a campaña esta. Como noutros casos, o esencial radica en saber como alguén puido pensar que isto era unha boa idea. É dicir: realmente pensaron que tal liña podía convencer ás rapazas novas a achegarse á ciencia? Ou simplemente tentaron agradar aos carcamáns que lles pagaron?
    Patético, simplemente.

  5. Claro que dá vergoña!
    Unha das materias pendentes da nosa sociedade segue a ser a erradicación do sexismo e do machismo das mensaxes e discursos que se difunden desde todos os eidos. Os estereotipos sexistas están tan metidos no cerebro dalgunha xente que nin se decatan de que os están defendendo e difundindo e, o peor, son asumidos pola xente máis nova, mozos e mozas, como algo normal.

  6. Dadas as críticas recibidas, a organización decidiu eliminar o vídeo principal da campaña, pero deixa outros que tamén son para chorar. Por exemplo este:
    http://www.youtube.com/watch?v=113YCpmDrII
    Entre outras perlas, a rapaza di:
    “And actually, it is quite enjoyable to study with so many guys because it is almost like having 200 older brothers. They all take good care of me because they are proud of their girls.”

  7. O vídeo desgrazadamente reflicte a sociedade machista na que vivimos, non se explica doutro xeito que se chegase a facer algo así.

    En canto as campañas baseadas en intentar atraer ás mozas mostrando mulleres doutro século, solitarias e heroínas do seu tempo, estou completamente de acordo contigo en que non teñen sentido ningún, e máis que atraer ás mozas logran que escapen correndo. É algo que penso sempre que temos no instituto algunha exposición desas e que non me atrevín a criticar, e alégrome de ver que alguén máis pensa o mesmo.

    Grazas polo teu artigo. Encantoume!

    • Lucía, hai que recoñecer que esas exposicións fanse coa mellor intención do mundo, e facer estas críticas non resulta doado ante quen as organiza con entusiasmo e convencemento, pero se queremos que isto cambie penso que é moi bo cuestionarse a súa eficacia, desmontar discursos preestablecidos e intentar facer as cousas doutro xeito, sempre con ánimo construtivo.

      O vídeo da Comisión Europea para min só é un detonante, pero o problema é máis profundo, pois as campañas en xeral están mal deseñadas de principio a fin.

  8. Parece que la intención de la UE es precisamente hacer algo diferente a las campañas de siempre mostrando mujeres actuales y jóvenes y no señoras con bata solitarias encerradas en su mundo.

    • Jose, desde logo que rompedores foron, pero presentar un modelo de muller á que só lle interesa a moda, maquillaxe e a sedución bota abaixo calquera boa intención que puidesen ter con isto, por insultante e indignante. Esta campaña, enteiriña, deberían retirala.

  9. O vídeo é lamentable. Bufffff!!!
    Estou de acordo en que este tipo de campañas non funciona e que hai que mudar a estratexia, pero tampouco teño clara cal debe ser a fórmula. Fas moi ben en apuntar cara á tecnoloxía que é onde apenas hai presencia feminina e sen embargo é a gran esquecida.
    Tamén comparto o que di Pitusa, temos o problema engadido das escasas vocacións cara á ciencia e a tecnoloxía en xeral, e tal vez o que necesitamos son campañas encamiñadas a seducir aos rapaces e rapazas con independencia do seu sexo destacando a presenza feminina pero sen esquecer a masculina.

    • Pois seguramente unha campaña protagonizada por homes e mulleres por igual e afastada de estereotipos sería máis eficaz para atraer ás rapazas que estas que se fan nas que só son protagonistas as mulleres. Igual os tiros deben ir por aí.

Deixa unha resposta

Required fields are marked *.