tecnoloxia.org

Tecnoloxía na Educación Secundaria

Prohibir tecnoloxía?

teléfono móbilO últimos acontecementos relacionados coa gravación de agresións en teléfonos móbiles e posterior difusión por parte de menores de idade abriron un debate tanto nos centros de ensino como nos medios de comunicación. “Hai que prohibir os teléfonos móbiles nas escolas!” Propugnan moitas persoas. De feito en moitos centros a dirección xa se apresurou a dicir “está prohibido o uso de móbiles neste centro”, por non dicir que certas comunidades autónomas teñen imposta esta norma dende as consellerías de educación.

Eu pregúntome: Que culpa terán eses trebellos?
A tecnoloxía por si mesma non é boa nin mala. O que pode ser bo, malo, moral, inaxeitado, un acto delictivo ou non, etc. é o uso que se faga desa tecnoloxía, pero non a tecnoloxía. Se o problema é que se podan gravar imaxes e vídeos, por que non prohibir as cámaras de fotos e de vídeo que temos nos centros? Se o problema é que se suban imaxes a Internet, por que non prohibimos Internet? Dende logo que iso non tería sentido.

Propoño un pouco máis de reflexión antes de poñer normas á lixeira. En todo caso a norma nun centro podería ser “está prohibida a utilización de móbiles no centro para actividades non educativas” ou algo similar, sempre matizando que tipo de uso non está permitido, pero non prohibir unha ferramenta que pode ser útil para milleiros de actividades educativas.

condensador electrolíticoUn teléfono móbil pode ser unha ferramenta máis no proceso de ensinanza-aprendizaxe. Por que non? Por exemplo, un traballo que propoño tódolos anos é que o alumnado elixa un trebello de uso común (un motor eléctrico, un disco duro, un rato, un bolígrafo, un adaptador dun móbil, etc.) o desmonte para analizar cómo funciona e elabore un traballo no que se explique a súa composición e o seu funcionamento, utilizando un procesador de textos, unha presentación de diapositivas ou unha pequena web, dependendo do nivel. No proceso de análise do obxecto de estudio o alumnado vai sacando fotografías do mesmo, e como non temos cámaras dixitais para todos, utilizan os seu teléfonos móbiles. Estas fotografías trátanse con diversas aplicacións de tratamento de imaxes e incorpóranse aos traballos, que logo pódense publicar en Internet.

Para a elaboración da memoria dun proxecto de tecnoloxía tamén utilizan os móbiles para ir sacando imaxes do proceso de construción. Cando o prototipo está máis ou menos rematado e funcionando tamén utilizan os seu móbiles para filmar un vídeo e incluílo na memoria. Estas imaxes e vídeos constitúen uns recursos gráficos complementarios a outros como o bosquexo inicial, os planos de conxunto, os esquemas electrónicos, ou a explicación do funcionamento. E tamén poden subir a youtube o vídeo do seu prototipo para compartilo e amosarllo a outras persoas.

Tamén poden utilizar a calculadora que soen ter incorporada, utilizar o servizo sms para introducir entradas nun blog, e infinidade de cousas que se vos podan ocorrer. De feito, cada ano que pasa os teléfonos móbiles incorporan máis aplicacións útiles que podemos aproveitar para ensinar calquera materia do currículo.

Sexamos máis críticos coas informacións que nos transmiten os medios de comunicación. Sorpréndeme un titular nun xornal no que se lía “as imaxes da agresión ao menor de Boiro publicáronse en Internet”. Por que a nova non indica que as imaxes da agresión ao menor de Boiro difundíronse en tódalas cadeas de televisión? Parece que o problema está no medio de difusión, na tecnoloxía utilizada para difundir as imaxes, pero non na propia agresión, feitos que non debemos permitir e ante os que hai que actuar e, sobre todo, educar.

Tweet about this on TwitterShare on FacebookShare on Google+Email this to someone

Sección de Electrónica

chipEngadín unha nova sección de electrónica, á que podedes acceder dende o panel lateral esquerdo.

Está máis ou menos completa a parte de electrónica analóxica, e deixarei para máis adiante, cando teña máis tempo, a sección de dixital. Pouco a pouco irei subindo propostas de proxectos con circuítos electrónicos.

Espero que vos sexa útil.

Tweet about this on TwitterShare on FacebookShare on Google+Email this to someone

Tecnoloxía do chapapote

truelbateeiroHoxe é o quinto aniversario do afundimento do Prestige. Moito dá que falar o tema, pero nunha web dedicada á tecnoloxía non debería deixar de facer referencia á cantidade de enxeños para loitar contra a marea negra que que saíron a luz naquelas datas. Multiplicábanse todo tipo de inventos para extraer o fuel do mar, limpar o residuo adherido ás rochas ou para darlle unha solución ao buque afundido. Unha verdadeira marea de creatividade anti-chapapote. Algúns foron inventos moi útiles e eficaces, outros non tanto, e outros chegaron tarde.

Dende os primeiros días os mariñeiros utilizaron para recoller do mar unha adaptación dos trueles de pesca, ao que lle soldaron unha rede metálica. As redeiras e mariscadoras, a falta de barreiras antifuel comerciais, fabricaron unhas propias. As de Baiona utilizaron poliespán, redes, e recheos de almofadas e as do Grove lonas e gomaespuma.chapapoteira

Outros inventos eran máis sofisticados. Unha empresa de Deza crea una bomba que retira 150 toneladas de fuel por hora, e unha “chapapoteira” foi elixida no Forum 2004 entre as cen mellores ideas do mundo.

Entre as ideas e proxectos de particulares houbo de todo: Cilindros metálicos, gaiolas, redes, bombas aspiradoras … internautas enviaban os seus deseños por se podían aportar o seu gran de area para loitar contra o fuel. Algúns eran proxectos de enxeñería, e moitos outros ocorrencias da xente carentes de rigor técnico, pero moi ben intencionadas. Nestas imaxes podes ver algúns dos bosquexos que circulaban pola rede:
antifuel

Outro dos retos foi o de solucionar as fugas de fuel do afundido Prestige. Que facemos co fuel somerxido? Ao final optouse por un sistema de lanzadeiras no que interveu o submarino Nautile, pero houbo máis ideas, como a de cubrir o buque con cemento hidráulico, ou bombear o fuel ata a superficie.

Esperemos que Nunca Máis teñamos a necesidade de utilizar calquera destes trebellos.

Tweet about this on TwitterShare on FacebookShare on Google+Email this to someone

Galería de reliquias tecnolóxicas

PONGO xornal “La Voz de Galicia” busca tecnoloxía obsoleta. Invitan a que lles envíes unha foto para completar a súa galería de reliquias tecnolóxicas. Aquí tes máis información.

imaxe do xogoDas imaxes que vin na galería, eu quédome co “Pong”. Considérase que foi o primeiro videoxogo, polo menos o primeiro que se fixo popular, disto xa hai uns 30 anos. Este trebello electrónico conectábase á tele, que daquela era en branco e negro, e mediante uns cursores debías controlar as raquetas para evitar que pasara a bola. Lembro que se podía seleccionar “con ángulo” ou “sen ángulo”. En fin, toda una reliquia do pasado.

Nesta páxina podes botar unha partida, aínda que non é o mesmo, por suposto que era moito mellor na tele.

Tweet about this on TwitterShare on FacebookShare on Google+Email this to someone