Feísmo

Un colega dicíame o outro día que en Galicia non hai “feísmo“, senón moita creatividade dos seus habitantes. É un xeito de velo. O que para min está claro é que a arquitectura, a enxeñería e calquera intervención humana no territorio debe ser respectuosa con el.

Pois hoxe atopeime cun vídeo que fala precisamente diso. Corresponde a unha conferencia do coordinador do Proxecto Terra do C.O.A.G., D. Xosé Manuel Rosales Noves, na que resalta que a capacidade exemplarizante correspóndelle á Administración, e que non se debe responsabilizar do feísmo unicamente á cidadanía, como fai o xornal La voz de Galicia.

Podes ver aquí o vídeo do que falo:

[youtube: Feísmo]

O Proxecto Terra é un proxecto de intervención educativa dirixido ás distintas etapas da educación obrigatoria co obxectivo de mellorar o coñecemento que os escolares deben ter sobre a nosa arquitectura e a identidade territorial.


Audio en wordpress.com

audioOs que tedes o voso blog aloxado en wordpress.com tivestes problemas para inserir arquivos de audio con deezer.com e con ivoon.com. Aquí tedes unhas alternativas:

Para inserir arquivos de audio en wordpress.com debedes escribir entre corchetes

A URL do arquivo de audio mp3 podedes collela de varios sitios, como por exemplo:

Tamén podedes subir os vosos arquivos de audio a:

  • mediamax.com (o arquivo tes que movelo a “hosted” unha vez subido)

Cando teñades a URL, xa podedes inserir o audio.

Aquí hai un exemplo dunha canción de Jamiroquai:



A ver se agora vos vai.


Ferramentas para o teu blogue

Aquí tedes unha serie de ferramentas útiles para os vosos blogues. Danche espazo gratuíto para almacenar os teus arquivos.

Hai moitísimas, pero aquí están algunhas básicas. Máis adiante xa veremos outras. En todas elas xa está creada a conta para o alumnado, co mesmo nome de usuario e contrasinal de sempre:

Para subir fotografías:

Flickr
Podédelas subir en calquera resolución, pero cando vaiades publicalas nun blog non vos excedades no ancho. Ata 450 píxeles está ben.

slide
Neste sitio podes crear os teus álbumes de fotografías animados para o teu blog.

Para subir vídeos:


O sitio máis famoso é YouTube, pero hai moitos máis.

Para publicar documentos:

slideshare scrobd
Estas ferramentas están moi ben se queres publicar presentacións de diapositivas, documentos de Open Office, ou pdfs.

box
Funciona coma un disco duro virtual, no que podes almacenar todo tipo de arquivos, sempre que non te excedas de 1 GB na súa versión gratuíta. Publicando no teu blog a URL do teu documento fas que a xente poda descargalo dende box.

Para poñer música no teu blog:

deezer ivoon
Podes seleccionar unha canción, subir os teus mp3 e engadir música nunha entrada do teu blog.

Aquí tes un exemplo:

free music


A escola do futuro

A imaxe que ves foi realizada en 1899 polo debuxante francés Jean-Marc Cotê, e nela imaxinábase a escola no ano 2000. Os libros introdúcense nunha máquina trituradora, e a información contida neles convértese en impulsos eléctricos que se transmiten por medio de cables ata os auriculares que cada alumno ten postos.

imaxinando a escola no ano 2000

Esta imaxe dende logo que está moi afastada da realidade actual nas aulas, pero só no referente á tecnoloxía utilizada. Desgraciadamente hoxe en día, e en case tódalas materias, séguese a ver un proceso ensinanza-aprendizaxe moi similar ó de esta imaxe: o alumnado actúa unicamente como receptor pasivo de información, e o profesor, sentado, dicta os contidos que os alumnos e alumnas deben almacenar no seu cerebro.

Hoxe podemos ter ordenadores, encerados dixitais, canóns proxectores, PDAs, e infinidade de ferramentas e aplicacións para traballar en rede, pero se non hai un cambio de metodoloxía, a escola segue sendo a mesma que na época do debuxante, cambiando a trituradora por un ordenador e un canón proxector.

Prefiro esta imaxe dunha aula de tecnoloxía nun instituto, na que o alumnado participa de forma activa no proceso de aprendizaxe construíndo, analizando, investigando, planificando, buscando información, …

aula de tecnoloxía

O que me parece triste é saber que nalgunhas aulas de tecnoloxía non se ve isto, senón ó alumnado sentado diante dun libro de texto cos seus pupitres colocados en filas individuais.

As razóns para non facer traballos prácticos poden ser moi variadas, pero aínda que todo estea en contra, os esforzos do profesorado deben ir na dirección de adoptar unha metodoloxía práctica e activa, e a Administración debe poñer as condicións necesarias para que iso sexa posíbel:

  • Reducir a ratio ou establecer desdobres. Resulta case imposíbel utilizar unha metodoloxía práctica e activa con grupos de 30 alumnos e alumnas.
  • Actualizar as dotacións das aulas de tecnoloxía, pois co material que proporciona a Consellería o que podemos explicar é historia da tecnoloxía, ata o século XIX. Pouco máis. Por que en Galicia non hai unha dotación para os contidos de control e robótica? Por que hai aulas de tecnoloxía sen ordenadores?
  • Realizar unha oferta de cursos de formación do profesorado ampla, con contidos útiles, prácticos, variados e aplicables na aula. A formación do profesorado en Galicia é lamentable, e no caso da especialidade de tecnoloxía, practicamente inexistente. Menos mal que temos as Xornadas de Tecnoloxía de APETEGA para poder actualizarnos.
  • Apoiar a área de tecnoloxía. Cada vez que hai un cambio lexislativo, e xa van varios seguidos, hai unha redución horaria, un desprezo explícito ó ensino da tecnoloxía, o cal provoca unha tremenda desmotivación do profesorado.

A situación non axuda, pero non toda a responsabilidade é da administración. O profesorado debemos deixar de soñar con que o alumnado teña un conector USB polo que transmitirlle a información, e debemos poñernos a investigar en metodoloxías máis eficaces e adaptadas á realidade actual. Propoño empezar metendo os libros de texto nunha máquina trituradora, deixando unicamente uns poucos como material de consulta.


LEGO Digital Designer

Se botas de menos os robots LEGO Mindstorms estas vacacións podes descargar o software LEGO Digital Designer. Permíteche construír os teus propios modelos.

Lego digital designer

Pensade o que necesita o noso robot para superar a proba de rescate de robocampeones ( seguir unha liña negra no chan, detectar vítimas de cores, detectar e sortear obstáculos na liña, detectar o paso dunha habitación a outra, … ) e deseñade un robot cos sensores axeitados na posición correcta. A volta das vacacións probamos os robots e seguimos programándoos.

Pasádeo ben!