A máquina máis inútil do mundo

Descrición

A máquina máis inútil do mundo, ou “The useless machine” en inglés, é un clásico entre as máquinas que non valen para outra cousa que para entreterse. Consiste nunha caixa cun interruptor de panca que, cando se acciona, sae un dedo do interior que o apaga. Dá unha volta pola rede e verás que hai centos de versións da mesma.

Realmente non fai falta un Arduíno para montar unha, senón que chega cun motor, un conmutador dobre e un final de carreira. Porén, imos controlala con Arduíno para poder engadir algunhas melloras e facer unha nova versión deste parvo invento.

A versión máis simple consiste na conexión e programación dun miniservo e dun interruptor de panca a Arduíno. As pezas impresas en 3D que viches no vídeo saqueinas de aquí: 555 useless machine (Si, pódese controlar cun circuíto feito cun 555. Probeino e funciona!)

Propostas

Aquí van algunhas proposta para unha versión mellorada da máquina inútil:

  1. Empezamos: Fai que funcione o control simple do servo e do interruptor. Non ten ningunha ciencia, así que non vou dar pistas do programa. Verás como che sae! Repasa “A posición dun servo“. Fai previamente probas sobre a montaxe para saber con certeza ata que ángulo ten que xirar o servo para accionar a panca e para agocharse, e tamén para saber o estado do interruptor (0 ou 1) en cada posición.
  2. LCD: Sabemos que ao becho que hai dentro da caixa lle molesta moito que lle deamos ao interruptor, pero non sabemos o que pensa. Mostra nunha pantalla LCD unha mensaxe diferente cada vez que o dedo sae a apagalo.
  3. Música: Engade un zumbador e fai que soe unha melodía mentres o pulsador estea activado. Crea a melodía utilizando arrays, que se deberán ir lendo mentres o interruptor estea en ON.

Montaxe

Mecanismo

555uselessBuscamos unha máquina inútil das que hai por internet, descargamos e imprimimos as pezas e seguimos as instrucións de montaxe. Cada modelo é algo diferente do resto. A que usamos de referencia é 555 useless machine. Aconsello buscar unha que utilice un miniservo, por ser máis económico e porque non precisa alimentación externa.

Se o interruptor de panca é demasiado ríxido e o servo non pode con el desmóntao e córtalle uns dous milímetros á barriña metálica que ten no interior. Verás como queda máis suave.

interruptor_panca

O dedo mecánico debe estar ben suxeito ao eixe do servo. Podes utilizar un pouco de cola para amarralo ben, pero antes de pegalo fai probas para coñecer cal é a posición correcta.

Hai que facer uns buratos nun lateral da caixa para sacar fóra os cables do servo e do interruptor.

Circuítos

Necesitas conectar nunha placa de prototipos os seguintes compoñentes e conectalos despois ao Arduíno:

  • Interruptor e resistencia de 10kΩ en pull-down, como fixemos nas prácticas de pulsadores. Se o que tes é un conmutador (tres patas), chega con conectar o cable do medio e outro dos exteriores. Conéctao a pin2 de Arduíno.
  • Microservo (Tower Pro 9g) a un pin PWM de Arduino, por exemplo ao pin 6.
  • LCD: Utiliza unha LCD con interface I2C: SDA (datos) ao pin analóxico A4 e SCL (reloxo) ao pin analóxico A5.
  • Zumbador ao pin 4.

Unha nova caixa

Unha vez o programa funciona nunha protoboard é hora de deseñar a nosa propia caixa con axuda dun programa de CAD. Hai que tomar as medidas dos diferentes compoñentes (pantalla LCD, zumbador) ou consultar o datasheet e incorporalos nunha nova caixa máis grande. Nela debe entrar tamén unha placa Arduíno, deixando saída para conectar o USB e a alimentación. Podería usarse un Arduíno Nano.

A ver o que sae!

Mostra:

 


Deixa un comentario