Listaxe de materiais

640px-ardx_-_arduino_experimentation_kit_inside_the_box
[By oomlout CC BY-SA from Wikimedia Commons]
Para traballar nunha clase non é necesario que todo o alumnado teña o mesmo material, é dicir, non necesitamos dispoñer de 15 pantallas LCD, 15 matrices de leds ou 15 módulos bluetooth.

Hai unha serie de compoñentes básicos que se necesitan para empezar a programar e que debería estar dispoñible como máximo por parellas (Arduíno, protoboard, cables, LEDs, resistencias, potenciómetros). Con moi pouco xa se poden facer moitas cousas.

Despois, segundo os proxectos que se vaian facer por equipos necesitarase material extra, pero só a cantidade necesaria para o proxecto a desenvolver.

Arduíno

Nas prácticas que vas atopar aquí utilizouse unha tarxeta Arduíno UNO, pero podes utilizar calquera das existentes no mercado, tendo en conta as súas especificacións e a situación dos distintos pins.

Para descargar os programas no Arduíno UNO debes seleccionar a placa “Arduino/Genuino Uno

arduino_placa arduino_uno

No noso centro, ademais de Arduíno UNO, temos algunhas placas “Arduclema” que mercamos no 2008. Para descargar os programas nesta placa debes seleccionar “Arduíno Diecimila” e o procesador: “ATmega168“.

arduclema_placa arduclema

Necesitas un cable USB para conectala co ordenador. Fíxate en que porto está conectado para descargar os programas.

Compoñentes básicos

Para comezar a programar con Arduíno non necesitas moitos compoñentes. Estes son os básicos para as prácticas de inicio:

  • a_few_jumper_wires
    [By oomlout CC BY-SA from Wikimedia Commons]
    Placa de protopitos (protoboard ou breadboard). Descrición.
  • Cables jumper macho-macho
  • LEDs de cores (vermello, verde, amarelo)
  • Pulsadores
  • Resistencias
    • Para os LEDs as que teñas entre 220Ω → 560Ω
    • Para os pulsadores: 10 kΩ
  • Potenciómetro 10 kΩ. Mellor se ten un cursor manual.

Compoñentes básicos II

Podemos facer algunhas prácticas máis cos compoñentes electrónicos que temos no taller da ESO (motor de CC, son, sensor de Luz):

  • Zumbador
  • Motor CD de 5 ou 6V
  • Transistor NPN de uso xeral (por exemplo BC547, 2N2222, etc)
  • Díodo ( por exemplo 1N4001, 1N4007)
  • LDR

Compoñentes extra

Dependendo do que vaias facer vas necesitar outros compoñentes. En cada unha das páxinas aparece a descrición do material necesario para a montaxe: servos, sensores, pantallas, etc.

Para conectar algúns compoñentes vas necesitar cables jumper macho-femia ou pins de conexión á placa de prototipos.

Nalgunhas prácticas ofrécense diferentes opcións segundo o material dispoñible. Por exemplo, un display 7 segmentos pode ser de ánodo común ou de cátodo común, ou podes ter unha pantalla LCD 16×2 estándar ou con interface I2C. Utiliza o que teñas dispoñible ou merca o que che pareza máis axeitado.


Deixa un comentario