Control e robótica

tecnoloxia.org

Reloxo de area dixital

Descrición

reloxoarea

[tecnoloxia.org CC By-SA]

Trátase de facer un reloxo de area dixital. Mediante un sensor de inclinación detectamos o momento no que o reloxo cambia de posición. Nese intre acéndense todos os LEDs, soa un chío e, segundo o intervalo de tempo establecido, os LEDs comezan a apagarse un a un. Cando están todos apagados soa unha alarma que indica que xa finalizou o tempo.

Cada vez que o sensor cambia de sentido comeza de novo a conta, aínda que non completase o ciclo anterior.

Prácticas

Antes de facer este proxecto debes repasar estas prácticas:

  • Sensor de inclinación: É o sensor que imos usar para detectar a posición do reloxo.
  • Xogos de luces: Inicialmente están todos os LEds acesos e deberán ir apagándose un a un.
  • Array de LEDs e funcións: Utiliza un array para definir os pins dos LEDs e crea funcións para os distintos sons.
  • Melodía: para facer as funcións de son.
  • Medindo o tempo: Non imos utilizar delays. O tempo medirémolo mediante a función millis().

Montaxe

Nunha placa de prototipos pequena conecta:

  • 8 LEDs coas súas resistencias de protección (Por exemplo 220Ω) nos pins do 6 ao 13.
  • Un sensor tilt conectado no pin 2, tal e como vén na práctica. Usa o que teñas dispoñible (sensor discreto ou módulo)
  • Un zumbador ao pin 4.

Programa básico

Este é o programa básico de funcionamento, sobre o que terás que facer unha serie de melloras que se indican despois. Está feito para 6 LEDs.

Para facer probas marcamos un tempo de  1 segundo (1000 ms) entre un LED e outro, durando en total o reloxo 6 segundos. Deberás modificar este valor para que o teu reloxo de 8 LEDs tarde 1 minuto en cada ciclo.

Melloras do programa

  1. Modifica o programa anterior para que funcione con 8 LEDs
  2. Cando cambiamos a posición do sensor debe soar un ton agudo e curto “pi”
  3. Cando se apagaron todos os LEDs (transcorreu o tempo total establecido) debe soar outra melodía “pi-pi-pí”
  4. Cando o sensor está cara arriba os LEDs se irán apagando nun sentido, e se o sensor está cara abaixo apagaranse en sentido contrario.
  5. Poderían engadirse uns pulsadores que permitan seleccionar o tempo que queremos para o reloxo. Cada vez que prememos neles comezará o ciclo co tempo seleccionado.

Outras opcións

  1. Dous sectores: Podemos dividir o reloxo en dous sectores, cada un deles con 4 LEDs. No inicio os 4 LEDs da parte superior estarán acesos, e a medida que pasa o tempo vanse apagando os da parte superior e acendendo os da inferior. (4-0, 3-1, 2-2, 1-3, 0-4)
  2. Con matriz de LEDs: Se vos animades, isto mesmo podería facerse substituíndo os LEDs por unha matriz de LEDs 8×8. Aforraredes cableado. Fai as prácticas da matriz e intenta facer este proxecto con ela.

Construción

  1. Fai a montaxe completa nunha caixa (de cartón ou impresa en 3D) na que incorpores os LEDs (ou a matriz), zumbador, sensor, resistencias, Arduíno Nano e pila. Solda os compoñentes nunha placa perforada e suxeita ben todo dentro da caixa.
  2. Se non dispós de Arduíno Nano, saca unha mangueira de cables cara fóra para poder conectalos a unha placa externa. Engade etiquetas de identificación para cada cable.

Mostra

Non fai falta que vos saia un reloxo coma este, pero vale como exemplo do que se pode chegar a facer:

 

Tweet about this on TwitterShare on FacebookShare on Google+Email this to someone


     

Deixa unha resposta

Required fields are marked *.