Control e robótica

tecnoloxia.org

Xogando co son

Descrición:

Nesta sección imos facer que se emitan diferentes sons utilizando a función tone.

tone(pin, frecuencia, duración); Xera un son sobre o pin indicado
tone(pin, frecuencia); Xera un son sobre o pin indicado ata que se executa noTone()
noTone(pin); Finaliza o que estea soando no pin indicado

Notas:

Nota Nome Frecuencia Retardo μs
Do C4 261.63 1915
Re D4 293.67 1700
Mi E4 329.63 1519
Fa F4 349.23 1432
Sol G4 392.00 1275
La A4 440.00 1136
Si B4 493.88 1014

Para facer soar cada nota o que facemos é facer que o sinal oscile cunha frecuencia determinada.

notas

Aquí tes información sobre as frecuencias correspondentes ás diferentes notas:

Material:

  • Arduino UNO e placa de prototipos
  • LEDs (verdes, vermellos e amarelos)
  • 1 Pulsador de contacto
  • Resistencias: Para os LEDs: 560Ω (ou outro valor menor que 1kΩ) Para os pulsadores: 10kΩ
  • Un zumbador piezoeléctrico ou no seu lugar un altofalante de 8Ω de impedancia cunha resistencia de 100Ω conectada en serie con el.

Zumbadores

Hai dous tipos de zumbadores, os activos e os pasivos.

  • zumbadores_pasivos

    [pasivos tecnoloxia.org CC By-SA]

    Os pasivos necesitan que o Arduíno xere un sinal oscilatorio (Farémolo coa función tone). Son os que imos utilizar para esta práctica. Seguramente son deste tipo os que tendes no taller de Tecnoloxía da ESO.
  • Os activos teñen a súa propia frecuencia de oscilación, é dicir, cando o sinal que reciben ponse alto o zumbador emite un son sempre coa mesma frecuencia. Non nos valen para esta práctica, pero poden se útiles para alarmas sinxelas nas que non necesitemos un ton determinado.

Altofalantes

speaker

[By Zephyris CC-BY-SA from Wikimedia]

Podes reciclar pequenos altofalantes de vellos xoguetes e utilizalos para reproducir o son, pero se para os proxectos que fagamos desexamos utilizar un altofalante máis potente non vai chegar coa intensidade proporcionada pola placa Arduíno, e deberás conectar o altofalante a un circuíto amplificador. Podes construílo con compoñentes electrónicos (Aquí nos explican como facelo), pero se non te queres liar podes atopar dispoñibles no mercado módulos amplificadores de audio deseñados especialmente para conectalos co Arduíno.

Montaxe:

Conectamos dous LEDs coas súas resistencias de protección (220-560Ω) nos pins 12 e 13, un zumbador piezoeléctrico no pin 4 (podes engadirlle unha resistencia de 100Ω en serie para que soe máis baixo)  e un pulsador coa súa resistencia de 10kΩ no pin 2, tal e como aparece no seguinte esquema:

Para a práctica do piano vas necesitar máis pulsadores. Engádeos conectándoos da mesma maneira.

 

Tweet about this on TwitterShare on FacebookShare on Google+Email this to someone


     

Deixa unha resposta

Required fields are marked *.