tecnoloxia.org

Tecnoloxía na Educación Secundaria

Sobre móbiles e normativas

Onte publiquei en educacontic.es un artigo de opinión sobre as normativas de prohibición dos dispositivos electrónicos nos centros educativos. Hei de dicir que estas reflexións foron expostas no meu centro a principio de curso, e que pouco conseguín. De tódolos xeitos, quero compartilas coa comunidade educativa e contribuír con elas ao debate.

No meu centro boto moito en falta algunha intervención educativa que promova o correcto uso da tecnoloxía móbil e de Internet, incidindo especialmente nas cuestións éticas relativas ao seu uso. Vexo no alumnado pouca consciencia sobre o público e o privado, do que é aberto e do que é pechado en Internet, e cómpre o coñecemento dos dereitos das persoas ao honor, á intimidade, á propia imaxe, ao segredo das comunicacións e á protección de datos, e tamén cómpre aprender a protexerse fronte ás posibles agresións. Prohibindo ao alumnado sacar do peto un aparello electrónico non se consegue educación ao respecto, e tampouco vexo compatible unha intervención educativa neste sentido baixo unha normativa prohibitiva e unha mensaxe antitecnolóxica.

Guste ou non, hai unha realidade: a gran maioría do alumnado, especialmente nos cursos superiores, ten un smartphone con acceso a Internet. Ou asumimos esta realidade aproveitándoa educativamente, ou negámola prohibindo completamente o seu uso sexa cal sexa o contexto. Eu opto pola primeira opción, pero non depende só de min.

Supoño que non serei eu quen faga cambiar a opinión da xente. Xa se encargará a propia realidade cando non quede máis remedio que aceptala. Iso si, cando isto se acepte xa será tarde, e haberá novas tecnoloxías que á súa vez se prohiban, volvendo a repetirse a mesma historia nos centros de ensino, que funcionan sempre anos por detrás do mundo real. Sobre isto vén a conto a viñeta “Eran tempos difíciles” que vin hoxe en Microsiervos:

Tweet about this on TwitterShare on FacebookShare on Google+Email this to someone

Deixa unha resposta

Required fields are marked *.