Transformar un círculo nun cadrado e viceversa

Hai unha semana chegoume este vídeo viral no que se ve como unhas figuras cadradas se transforman en figuras circulares ao poñelas diante dun espello, e viceversa. Unha interesante ilusión óptica de Kokichi Sugihara.

 
Ben, pois se queredes saber o truco, hai aquí un vídeo no que nolo explican. Realmente as figuras non teñen perfil circular nin cadrado, senón que os lados teñen curvas a diferentes alturas. É o noso cerebro o que fai unha interpretación errónea.

Se tendes unha impresora 3D podedes descargar os modelos, imprimilos e probalo na casa. Atopei dous modelos en thingiverse: Ambiguous Cylinder Generator e Ambiguous Cylinder Illusion.

Ambiguouscylinder2 AmbiguousCylinderIllusion3 AmbiguousCylinderIllusion1

 


Semáforo

Cando á hora de facer un proxecto nos centramos na programación e no circuíto electrónico, por falta de tempo soemos deixar de lado os bos acabados na construción dos prototipos, pois o importante é deixar as cousas funcionando e non que sexan máis bonitas ou feas. Madeiras cortadas de calquera xeito, cables por fóra, liñas tortas, … pero é que hai un prazo que cumprir e o tempo non dá para máis.

Un exemplo témolo no típico proxecto do cruce con semáforos. Aquí tendes unha foto dun semáforo “artesanal”. Funciona ben, e para presentalo na clase é máis que suficiente.

semaforoa semaforo5a

Pero se queremos facer algo máis xeitoso unha impresora 3D pode ser de moita axuda para estas tarefas. Aforra traballo, evitamos que os cables queden por fóra e se desconecten e mola máis :-)

semaforo4a semaforo2a  semaforo7a

Se tendes unha conta en Onshape podedes copiar este deseño para modificalo e adaptalo a outros proxectos, ou tamén para descargar os ficheiros en formato STL, tamén dispoñibles en thingiverse. Consta de 6 pezas, e está preparado para que non haxa que pegar nada, xa que as pezas encaixan unhas con outras facendo presión.

Agardo que vos sexa útil.


CAD 3D online

OnshapeManA tendencia das aplicacións de todo tipo é que se executen desde un navegador e gardemos e compartamos os ficheiros na nube, permitindo que poidamos traballar desde calquera lugar, con calquera dispositivo e con calquera sistema operativo. Isto non vai ser menos para o deseño CAD.

Estas últimas semanas ando a fedellar cunha aplicación moi interesante e con moitas posibilidades: Onshape. Para usala basta con dispoñer dun ordenador, una conexión a internet e un navegador. As posibilidades son moi amplas: deseños CAD 2D sinxelos, deseño de pezas 3D exportables en STL para imprimir nunha impresora 3D e animacións de sistemas mecánicos.

Aquí tedes un exemplo de traballo con Onshape:

[youtube: Part Studios in Onshape]

Outra aplicación interesante que descubrín hai pouco é tinkercad. É máis sinxela e menos profesional que Onshape, pero para a ESO ten moitas posibilidades. Botádelle unha ollada.

Claro que nos centros de ensino deberían actualizar os equipos (a última dotación que temos son os DELL do 2006) e mellorar as conexións a internet. Non soluciona nada a última dotación de encerados interactivos en todas as aulas cando temos serias limitacións nos equipos para o alumnado e na conexión a internet. A prioridade en dotacións non debería ser a instalación de encerados para que o alumnado mire para eles, senón equipos informáticos cos que poida traballar e un ancho de banda decente, non?

Veña, a debuxar!


Impresora 3D de vidro

A impresión 3D entra no mundo da fabricación de obxectos de vidro mediante o método 3DGP do MIT Media Lab.

glass.2x519.gifA impresora consta dunha cámara de calor que almacena e proporciona o material fundido a máis de 1000ºC e dunha cámara inferior que se encarga de ir arrefriando a estrutura de maneira controlada. Posúe un dosificador especial composto por circonio, alúmina e sílice capaz de soportar ditas temperaturas e evitar que o vidro fundido se adhira.

Este novo proceso de fabricación permite axustar a xeometría creando estruturas que non serían posibles con métodos tradicionais, e permite ademais controlar as propiedades ópticas do vidro, abrindo un feixe de posibilidades.

Mirade este vídeo:

[GLASS from Mediated Matter Group on Vimeo.]


Impresión 3D dunha ponte de aceiro

Cando pensamos nunha impresora 3D o primeiro que nos vén a cabeza é unha máquina en forma de caixa na que se imprimen unha pequenas pezas de plástico, pero esta tecnoloxía está evolucionando tan rapidamente que xa estamos a ver robots imprimindo estruturas de todo tipo, sen limitarse a unha caixa cadrada na que todo sucede.

MX3D_Bridge

Un exemplo de impresión de estruturas xa o vimos hai tempo no artigo “A impresora 3D capaz de imprimir edificios” no que se observa unha impresora botando chorros de formigón para “imprimir” a estrutura dun edificio.

Hoxe imos ver que tamén podemos imprimir aceiro. A empresa MX3D pretende construír unha ponte de aceiro sobre un canal de Amsterdam utilizando robots industriais e aplicando unha novidosa técnica de impresión 3D que abre paso á creación automatizada de estruturas a gran escala.

Nesta animación presentan o seu proxecto:

[youtube: MX3D Bridge Visualisation]

Nestes vídeos podemos ver algunhas das probas realizadas pola empresa para construír unha pequena ponte de aceiro de pequenas dimensións.

[youtube: MX3D printing]

[youtube: MX3D to 3D print a steel bridge in Amsterdam]

 

Máis información en MX3D