InFORM: Interface 2,5D

Velaquí un interesante proxecto do MIT Media Lab: INFORM, unha táboa que crea formas 2,5D como imitación a outras formas mediante o movemento dunha serie de columnas. É 2,5D e non 3D, pois reproduce 2 + 0,5 dimensións e non obxectos tridimensionais completos.

[youtube: inFORM: New 2.5D Interface AMAZING the future is NOW]

(Visto en: interestingengineering.com)


A impresora 3D capaz de imprimir edificios

Sen dúbida, é o momento das impresoras 3D, que están a revolucionar a fabricación de obxectos. As impresoras 3D son máquinas capaces de crear pezas volumétricas a partir dun deseño feito por ordenador superpoñendo capas de material.

O revolucionario do tema é que os consumidores temos a oportunidade que fabricar os nosos propios produtos, cousa que ata agora estaba reservada ás fábricas. Se dispoñemos dunha impresora destas podemos fabricar calquera pequeno obxecto de uso cotiá, máis ou menos personalizado, producir unha peza estragada que non atopamos no mercado ou deseñar e construír as formas que imaxinemos. Hai tempo falabamos aquí de como montarse unha para un centro de ensino.

Porén, cando se fala de impresión 3D non debemos pensar unicamente en pequenos obxectos de plástico. Tamén é posible imprimir edificios!

Iso é o que están a probar na University of Southern California cunha impresora 3D xigante que bota chorros de formigón seguindo un patrón deseñado por ordenador, e aseguran que pode construír unha vivenda en 24 horas. Supoño que se refiren só a estrutura, pois unha vivenda non consta unicamente de paredes e hai que contar coas instalacións eléctricas, de auga, saneamento, calefacción, etc. que levan máis tempo.

A tecnoloxía chámase Contour Crafting, e pode revolucionar a industria da construción ao permitir automatizar o proceso, abaratando custos. O robot encargaríase de construír a estrutura, deixando para os humanos o traballo fino das instalacións. Ademais, a técnica de impresión permite construír formas creativas e exóticas que polos medios tradicionais sería moi difícil facer, polo menos sen dispararse o orzamento.

Nestes vídeos podes ver como é o proceso:

[youtube: Why Design Now?: Contour Crafting]

[youtube: Animation of Contour Crafting in whole house construction (high res)]

 

Máis información: contourcrafting.org

Visto en:  innovation.uk.msn.com


Imprimir en 3D na ESO: Guía práctica

Foi nas XII Xornadas de Tecnoloxía de Galicia cando vin funcionar a impresora 3D que montou Tucho Méndez no seu centro. Pareceume un proxecto moi interesante para levar a cabo nos institutos, e propúxenlle escribir un artigo no que se indicasen os pasos para poñelo en marcha e axudar así a darlle difusión a través de tecnoloxia.org.

Quen queira introducirse este curso na aventura da impresión 3D que se poña en contacto con Tucho para montar un equipo de traballo. Os seus datos son:

 

Aquí tedes o artigo:


Imprimir en 3D na ESO: Guía práctica

5 Setembro 2013 by Tucho Méndez

Que quede isto claro: hai menos dun ano eu non sabía absolutamente nada de impresoras 3D.
Subliño: absolutamente nada.

En maio de 2013 os meus alumnos e alumnas de 4º da ESO de PDC do CPI de Atios, o equipo Imprusiño, conseguiron rematar a primeira impresora 3D escolar e Open Hardware de Galicia.

Cando o penso aínda me parece incrible que chegásemos a rematar o proxecto. Pero o incrible non somos nin o profesor nin os rapaces e rapazas que o conseguimos, senón que, grazas á excepcional comunidade que hai arredor da impresión 3D Open Hardware, é posible, para calquera que teña ganas, construír a súa impresora 3D. Até un grupo de alumnos de PDC dun colexio dun recuncho de Galicia cun profesor escasamente preparado.

Antes de nada, se cadra está ben contestar a un par de preguntas:

Que é unha impresora 3D?

Supoño que, a estas alturas, xa sabes un pouco de que van, mesmo viches algunha en directo, así que non me estendo: son máquinas que fan cousas a partir dun deseño que tes na computadora. Cousas tanxíbeis, reais… obxectos!

[youtube:Imprusiño imprimindo]

Que é Open Hardware?

A filosofía de coñecemento aberto, aplicada ao hardware. Grazas a que existe e ten unha comunidade detrás que a fai real, agora podemos facer a nosa impresora 3D por menos diñeiro do que costa un iPad.

E agora, a listaxe de pasos para construír a túa impresora 3D Open Hardware:

1 – Vai á wiki de Clone Wars, está un pouco desordenada nalgúns aspectos, pero que non te bote para atrás. Comeza por ler as FAQ’s e segue as ligazóns que aparecen. En realidade, se cumpres con este punto, non fai falta que sigas a ler, a túa impresora estará acabada antes do que pensas.

2 – Se aínda segues aquí, adiántoche unha referencia á que xa ías chegar, porque non creo que haxa unha soa impresora Open Hardware montada no Estado Español que non lle deba nada a esta colección de 63 videotitoriais que describen o proceso de montaxe dunha Prusa 2 (Mil grazas a @Obijuan_cube por todo).

Ollo! non son as instrucións dun moble de IKEA, non esperes que, seguindo todo paso por paso, non te atoparás con ningún problema, porque iso non vai pasar.

3 – Agora que conseguín que pensaras nos problemas, respira. Hai xente que che pode botar unha man con eles. Apúntate na lista de correo de Clone Wars. É a chave de todo, así que cóidaa. Aquí hai persoas que van perder o seu tempo en axudarte a arranxar os teus problemas e non cobran por iso, o único que esperan a cambio é que, antes de nada, leas moi ben isto e, xa que estás, tamén isto.

4 – Consegue as pezas. Vas precisar cartos. Nós conseguimos algúns cun pouco de crowdfunding caseiro e o resto púxoo o centro. Pode que teñas pouco diñeiro no departamento e que quen mande nos cartos do teu centro non vexa que, con menos do que custa un portátil, podedes ter facer unha máquina marabillosa. Se é así, remexe en todos os sofás do teu centro, tes que conseguir o suficiente para facelo!

5 – Ponte mans á masa! E que saibas que xa hai algún proxecto en marcha para o curso que ven e, se somos uns poucos, podemos crear unha pequena comunidade, axudarnos, intercambiar experiencias…  Así que, se queres, ponte en contacto comigo. A mellor maneira de atoparme é en twitter, son @procastino,  ou non dubides en mandarme un correo a tuchodefresa en gmail.

Nada máis, agora todo o que precisas son ganas. Espero que este artigo servira para que te animes a comezar. Se o fas, estarás a iniciar un precioso camiño de aprendizaxe en comunidade. Que a Prusa te acompañe!

Tucho Méndez, profesor de tecnoloxía do CPI Alcalde Xosé Pichel de Coristanco.


Visita á ETSE Minas

Xa recibimos as fotografías da visita do alumnado de tecnoloxía de 4º e de Bacharelato á Escola Técnica Superior de Enxeñaría de Minas da Universidade de Vigo.

Están algo borrosas, pero ben valen para lembrarnos do que vimos alí: Termografía, biomasa, novos materiais, tecnoloxía de explosivos e láser 3D.

[álbum picasa]

A min a que máis me gusta é a da termografía que nos fixeron:

Podes descargar aquí o informe termográfico (pdf).

Enviáronnos tamén os vídeos do escáner 3D que fixeron a cada un dos grupos:
[lista de reprodución youtube: Scanner3D]


ArtFutura 2010. Programa audiovisual no Marco (Vigo)

Comeza a edición 2010 de ArtFutura, o festival de Cultura e Creatividade Dixital que explora os proxectos e as ideas máis importantes xurdidas no panorama internacional do new media, o deseño de interacción, os videoxogos e a animación dixital. As súas actividades, que se desenvolverán en varias cidades simultaneamente, inclúen conferencias, talleres, instalacións, exposicións e actuacións en directo.

En Vigo poderemos asistir ao programa audiovisual, que terá lugar no Marco (Museo de Arte Contemporánea de Vigo) a partir de mañá, 4 de novembro.

A edición deste ano ten como protagonista o documental ‘We Live in Public’, un filme sobre as redes sociais e a privacidade en Internet, gañador da pasada edición de Sundance, e que forma parte da colección permanente do MoMA de Nova York. Aquí vai o trailer:


[We Live In Public TRAILER from We Live in Public on Vimeo.]

Podédelo ver no Marco mañá xoves 4, o venres 19 e o sábado 20 de novembro, no programa A.

E se vos gusta a animación 3D, non vos perdades o resto de proxeccións dos programas B, C e D, como 3D ArtFutura Show ou Futura Graphics.

Esta é unha das curtas que se vai proxectar: Salesman Pete de Marc Bouyer, Max Loubaresse e Anthony Vivien.


[Salesman Pete from Salesman Pete on Vimeo.]

Consulta aquí o programa completo no Marco