ArtFutura 2014

Despois de varias edicións nas que Vigo non participou, esta fin de semana puidemos ver de novo no Marco o programa audiovisual de Art Futura 2014, a 25ª edición do festival de referencia en cultura dixital e novos medios que inclúe as últimas achegas en animación 3D, motiongraphics, time-lapse, efectos especiais e documentais sobre cultura dixital.

Aínda estades a tempo de velo, pois no Marco vanse repetir as proxeccións durante a fin de semana que vén (14, 15 e 16 de novembro) e a seguinte (21,22 e 23 de novembro). Podes ver aquí o calendario e horarios.

artfutura2014

[ArtFutura 2014 – The Digital Promise from ArtFutura on Vimeo.]

Este ano o festival ArtFutura explora baixo o título A Promesa Dixital o que esperabamos da tecnoloxía hai 25 anos,  o que esta achegou ao noso presente, así como o que nos pode deparar no futuro.

Hai agora 25 anos que a revolución cibernética prometía un novo mundo e unha realidade alternativa de posibilidades infinitas. Pero cales foron os cambios reais a través destes anos? en que dirección imos agora? “Prometerádesme colonias en Marte. No canto diso, dádesme Facebookdicía en 2012 un decepcionado Buzz Aldrin, astronauta que pisou a Lúa na misión do Apolo 11, que esperaba moito máis da evolución da tecnoloxía durante estes anos. Con todo, o cambio na nosa maneira de traballar, comunicarnos, aprender, crear e compartir é espectacular. Non credes?

Este ano toca reflexionar sobre o que esperabamos, o que non esperabamos, o que nos sorprendeu, cara a onde imos… ou cara a onde cremos que imos.

Podes ver na web de tve o documental “La promesa digital”.

[The Digital Promise / La Promesa Digital – Teaser from ArtFutura on Vimeo.]

 

Máis información:

 


Vigo prescinde de ArtFutura2012

Todos os anos por estas datas anuncio neste blogue un dos eventos máis interesantes que dan a coñecer o panorama internacional da creación dixital, acompañado sempre de atinadas reflexións sobre os cambios que se producen na sociedade ante a evolución e extensión do mundo dixital: ArtFutura.

Durante os últimos 9 anos podiamos asistir ao programa audiovisual no Museo de Arte Contemporánea de Vigo, pero este ano a dirección do Marco “non considera prioritario” incluír Vigo no conxunto de cidades que mostran estas producións, segundo di La Voz de Galicia. Podería entendelo se os motivos fosen a crise e a falta de orzamento, pero desbotalo desta maneira paréceme un erro.

De tódolos xeitos, non imos perdernos a reflexión do festival deste ano: “A nosa cultura é dixital

A maneira na que vivimos, traballamos, comunicamos e creamos a nosa imaxe do mundo depende cada vez máis das ferramentas dixitais que empregamos a diario. A tecnoloxía volveuse invisible e integrouse de forma natural na nosa paisaxe cotiá, e hoxe en día non cabe xa falar dunha cultura dixital independente do resto, senón que podemos afirmar que a nosa cultura é dixital. O uso cotián dos recursos dixitais crea novos costumes, novas necesidades que á súa vez reclaman a creación de novos dispositivos e aplicacións, de tal maneira que a tecnoloxía se converte nun produto da cultura dixital, e non á inversa.

Afirmar que a nosa cultura é dixital, no entanto, expón numerosas dúbidas e preocupacións. Que define a nosa cultura nunha era globalizada e hiperconectada? A cultura dixital nega a cultura tradicional? Estamos ante unha nova colonización?

O festival ArtFutura 2012 propón, baixo o título A nosa cultura é dixital, unha análise da nosa relación actual coas tecnoloxías dixitais, tanto a nivel global como individual, por medio das achegas dun panel de expertos e as obras dalgúns dos creadores máis destacados da arte dixital.

[ArtFutura 2012 – Clip HD from ArtFutura on Vimeo.]

Unha das seccións está adicada aos catro curtos “Everything is a Remix” do director Kirby Ferguson, que defende que todo é unha mestura: No mundo da literatura, a música, o cine e a tecnoloxía tómanse prestadas ideas doutras persoas e fontes, recíclanse e convértense en novos materiais, e as leis de dereitos de autor ameazan con pór freo a unha parte esencial do proceso creativo.

 

Coma todos os anos, o festival inclúe as seccións “3D Futura Show” que mostra as mellores pezas de animación dixital e “FuturaGraphics” coas creacións que circulan pola rede, mais este ano dedican unha sección especial aos timelapses baixo o título “Just Lapsing Time”, unha selección dos gañadores dos recentes premios “Vimeo Awards“, ou documentais que mostran o traballo dos artistas Theo Jansen e Moebius.

[Malcolm Sutherland- Umbra from Pascal Blais Animation Studio on Vimeo.]

 

Toda a información en ArtFutura212

Eu agardo que o ano que vén Vigo volva subir ao tren da cultura dixital. Verémolo?


ArtFutura 2010. Programa audiovisual no Marco (Vigo)

Comeza a edición 2010 de ArtFutura, o festival de Cultura e Creatividade Dixital que explora os proxectos e as ideas máis importantes xurdidas no panorama internacional do new media, o deseño de interacción, os videoxogos e a animación dixital. As súas actividades, que se desenvolverán en varias cidades simultaneamente, inclúen conferencias, talleres, instalacións, exposicións e actuacións en directo.

En Vigo poderemos asistir ao programa audiovisual, que terá lugar no Marco (Museo de Arte Contemporánea de Vigo) a partir de mañá, 4 de novembro.

A edición deste ano ten como protagonista o documental ‘We Live in Public’, un filme sobre as redes sociais e a privacidade en Internet, gañador da pasada edición de Sundance, e que forma parte da colección permanente do MoMA de Nova York. Aquí vai o trailer:


[We Live In Public TRAILER from We Live in Public on Vimeo.]

Podédelo ver no Marco mañá xoves 4, o venres 19 e o sábado 20 de novembro, no programa A.

E se vos gusta a animación 3D, non vos perdades o resto de proxeccións dos programas B, C e D, como 3D ArtFutura Show ou Futura Graphics.

Esta é unha das curtas que se vai proxectar: Salesman Pete de Marc Bouyer, Max Loubaresse e Anthony Vivien.


[Salesman Pete from Salesman Pete on Vimeo.]

Consulta aquí o programa completo no Marco


Living Sasquatch. Animación con realidade aumentada.

Sasquatch.jpgAté agora os exemplos de realidade aumentada que fun vendo só permitían a visualización dun modelo no noso escritorio, pero hoxe descubrín unha aplicación para realizar animacións con AR: Living Sasquatch. Neste caso as persoas usuarias actuamos coma guionistas e editoras.

Podes elixir entre 35 animacións diferentes e engadilas a un rexistro de tempo arrastrando e soltando, e pódense engadir “bocadillos” para que o noso feo protagonista se comunique mais alá dos gruñidos.

Unha vez creadas as curtas de animación podes publicalas na galería de livingsasquatch.com ou envialas a quen queiras.

Aquí tes un vídeo no que se amosa a forma de proceder.


Living Sasquatch – Papervision – Augmented Reality from Boffswana on Vimeo.

Anímaste a facer unha animación en Realidade Aumentada?
Vai a Living Sasquatch, imprime a plantilla, conecta a túa cámara web, e a crear!

Se queres a Sasquatch nun tamaño maior, só tes que ampliar a imaxe da plantilla. Mira este vídeo.

( Visto en boffswana.com)

Ver máis anotacións sobre: – Realidade aumentadaAnimación