Animatrónica: os monicreques de hoxe

Mañá comeza o XIII Festival Internacional de Títeres de Redondela. Do 16 ao 20 de maio as rúas, prazas e xardíns redondeláns, xunto co Multiusos da Xunqueira, servirán de escenario para artistas, músicos e titiriteiros das máis variadas procedencias. Toda unha festa que non vos podedes perder!

Pero hoxe en día non só temos marionetas de fíos, monicreques de luva ou de vara, sombras chinesas ou bunrakus. A tecnoloxía meteuse tamén neste mundo, e cada vez son máis os artistas que utilizan tecnomonicreques nas súas actuacións.

A animatrónica é a utilización da mecatrónica (combinación da enxeñaría mecánica, electrónica, informática, de control e de deseño de sistemas) para crear máquinas animadas que imitan os movementos naturais. Utilízase principalmente no cine, publicidade, parques temáticos, museos e na industria do entretemento en xeral.

Na seguinte lista de reprodución podes ver uns exemplos de criaturas animatrónicas:
[Lista de reprodución youtube: animatronics]

A diferencia fundamental entre os sistemas animatrónicos e os robots é que os primeiros funcionan con movementos pregravados, controlados por ordenador ou son manipulados por humanos mediante dispositivos mecánicos ou radiocontrol, mentres que os robots responden de forma autónoma a estímulos externos percibidos mediante sensores.