tecnoloxia.org

Tecnoloxía na Educación Secundaria

Máquinas de escribir

typewrite3.jpgDende finais do século XIX e durante boa parte do século XX, as máquinas de escribir foron ferramentas indispensables para oficinas e particulares, pero coa chegada dos ordenadores e dos procesadores de texto estas máquinas quedaron abandonadas. É lóxico, había que borrar con tipex e non se podía copiar e pegar como facemos agora, e menos insertar fotos e táboas.

Na era dos ordenadores aínda sobreviven expresións propias das máquinas de escribir:

  • Copia de carbón (CC).

Onte: Para facer unha copia na máquina de escribir púñase un papel de carbón que calcaba a escritura nun segundo folio.

Hoxe: Designa as copias das mensaxes do correo electrónico que enviamos a terceiras persoas. CCO é copia de carbón oculta, utilizada cando non queremos que o destinatario principal se entere de a quen enviamos a copia.

  • Retorno de carro (CR).

Onte: O carro era a peza da máquina na que ía o rolo de papel. Para pasar de liña e escribir na seguinte había que desprazar manualmente o carro dun lado a outro.

Hoxe: Indica o final dunha liña e o retorno á primeira columna de texto.

Pero non tódalas máquinas de escribir van parar ás chatarrerías, museos ou a mans de colecionistas. O artista Jeremy Mayer aproveita as pezas de antigas máquinas de escribir para facer interesantes esculturas. Un bo destino para esta tecnoloxía obsoleta da que xa nos desfixemos.

Podes ver a coleción na galería Typewriter Sculpture

typewrite2.jpg

Reciclar as pilas

As pilas usadas non se deben tirar directamente ao lixo, pois son moi contaminantes.

Segundo a normativa europea, os estados membros están obrigados a recoller como mínimo o 90% das pilas comercializadas despois do seu uso, pero iso non é unha tarefa doada se as persoas non colaboramos botándoas en contedores para pilas. No instituto tempos uns contedores especiais para botalas, e tamén recollémolas no taller de tecnoloxía.

Logo hai quen as aproveita para facer esculturas, como a que podes ver na foto:

escultura con pilas

Chámase Dead Star, e é obra de Michel de Broin, artista que combina arte, ciencia e tecnoloxía. É unha das esculturas más contaminantes que teño visto. (Vía: swissmiss)

Se queres saber máis sobre as pilas e tipos podes ver esta infografía de consumer.es: Tipos de pilas.…

Arte e tecnoloxía

Na antigüidade non había separación entre arte e tecnoloxía, e un exemplo moi claro é o traballo de Leonardo da Vinci, pero despois, especialmente durante o século XIX, concíbense a arte e a tecnoloxía como dúas culturas completamente separadas, sen conexións entre si. Incluso chega a descartarse a tecnoloxía cando se fala do concepto de cultura.

Escola Bauhaus. Cadeira WasilliA partir do século XX comezan a aparecer movementos artísticos que comezan a integrar a práctica artística e tecnolóxica, inspirándose ou explotando nas súas obras a tecnoloxía xurdida da industrialización. Un dos movementos máis significativos neste proceso de integración foi a escola Bauhaus (ler máis), que a principios do século XX estendeu a arte á vida cotiá e á industria, promovendo o valor e o desenvolvemento do deseño industrial, unha disciplina na que, como na arquitectura, conviven sen problemas os criterios artísticos e técnicos.

A mediados do século XX nace a arte cinética (ler máis), que empeza a integrar sistemas mecánicos nas obras de arte, e a partir dos anos 60 os intentos de síntese entre arte e tecnoloxía fóronse estendendo e multiplicando, proceso que se fixo imparable coa emerxencia das tecnoloxías audiovisuais e da comunicación.

Hoxe en día a fronteira entre arte e tecnoloxía desaparece en cada intervención artística de vangarda. Un exemplo diso é a exposición Máquinas & Almas (ler máis) que se exhibe no Museo Nacional Centro de Arte Reina Sofía en Madrid, que amósanos o dualismo arte-tecnoloxía a través do traballo con robótica, mecánica ou software de artistas como Theo Jansen e a súas criaturas mecánicas, Sachiko Kodama e as súas esculturas con ferrofluídos, Chico MacMurtrie e os seus robots antropomórficos ou abstractos, o físico Paul Friedlander e as súas esculturas de luz ou Daniel Rozin cos seus espellos mecánicos.

[Ver en SlideMyPicks]

A mostra, lonxe da concepción da tecnoloxía como elemento deshumanizador, amósanos a tecnoloxía como sistema que nace da propia humanidade, e a través da cal nos expresamos, sentimos e creamos. Se facedes unha escapada por Madrid no vola perdades.

Falando agora do ámbito educativo, hoxe en día aínda se concibe a tecnoloxía como actividade menor polas elites culturais, dificultándose con cada reforma educativa a correcta integración dos coñecementos tecnolóxicos na cultura que se transfire ao alumnado dende a escola.

A unión entre arte e tecnoloxía pode ser a punta de lanza que chame a atención sobre a necesidade de valorar a tecnoloxía como medio de expresión da sociedade, en tódalas facetas e non só a artística, e axude a salvar a inmensa distancia que separa a a ciencia e a tecnoloxía das humanidades nos currículos da educación secundaria. Se entendemos as humanidades como o conxunto de disciplinas relacionadas co coñecemento humano e a cultura, deixar á marxe á tecnoloxía é negar que a tecnoloxía forma parte da cultura, o cal constitúe un erro educativo máis.…