tecnoloxia.org

Tecnoloxía na Educación Secundaria

III Regata Solar Marine Instruments 2018

O vindeiro sábado 23 de xuño hai unha cita tecnolóxica en Baiona: a III regata solar Marine Instruments.

Trátase dunha competición con dúas categorías, escolar e open, que consiste na fabricación dunha embarcación alimentada unicamente con enerxía solar e na que interveñen diferentes tecnoloxías: deseño naval, electrónica, procesos de fabricación, eficiencia enerxética, telecomunicacións, etc.

A competición desenvolverase de 10 a 14h e haberá dúas probas, unha de resistencia e outra de velocidade.

Máis información en www.regatasolar.org

Barcos sometidos a fortes golpes de mar

A semana pasada en 2º de bacharelato faleivos do esforzo de flexión ao que estaba sometido un barco cando hai ondas moi grandes, e a necesidade de que o material teña certa elasticidade para que poida recuperar a súa forma orixinal sen sufrir deformación plástica unha vez cesa o esforzo.

Aquí tedes uns vídeos no que se pode observar isto:

Neste vídeo podemos ver como o barco queda por momentos suspendido no aire. A estrutura está sometida a un importante esforzo de flexión, que tende a dobrala, e tamén de fatiga por existir cargas variables.

[youtube: Storm]

Neste outro vídeo podemos observar a flexión. Fixándovos no corredor podedes ver como se dobra a estrutura recuperando posteriormente a súa forma orixinal.

[youtube: MOL Excellence – Bending of Underdeck Passage]

E non debe de ser moi agradable estar aí dentro nestas condicións. Senón dicídello a esta xente que estaba tranquilamente facendo un cruceiro:

[youtube: Pacific Sun Cruise liner in very heavy seas. Internal CCTV footage.]

Botaduras de barcos

As botaduras de barcos que teño visto sempre foron lonxitudinais, coa popa por diante. É como fan, por exemplo, nos estaleiros Vulcano de Vigo. Pero en moitas ocasións realízase unha botadura lateral, que é do máis espectacular.

Calquera tipo de botadura que se vaia realizar obriga a facer unha chea de cálculos de resistencia da estrutura aos esforzos mecánicos que se producen.

En fogonazos amósannos unha selección de vídeos de botaduras laterais, nas que sorprenden o balanceo e a inclinación dos barcos. Aquí podes ver unha lista de reprodución coa selección de vídeos:

Megamotor diésel

Que vos parece este cegoñal?

rta96c_crank.jpg

Impresionante, non?

Atopei hai uns meses esta foto en “tecnología obsoleta“, e forma parte do motor diésel máis grande en funcionamento, o Wärtsilä-Sulzer RTA96-C, que se utiliza para a propulsión de grandes barcos cargueiros. O motor no seu conxunto mide máis de 13 m de altura e 27 de lonxitude, o seu peso supera as 2300 toneladas e desenvolve unha potencia de máis de 80MW.

rta96c.jpg

Máis fotos, información e características en The Most Powerful Diesel Engine in the World!

 
Actualización 21/11/2011:

Non te perdas esta interesante galería de fotos de shipsnostalgia.com onde nos mostran o proceso de fabricación do motor Doxford entre 1957 e 1958.

Podes ver máis fotos en shipsnostalgia.com